SERVIDUME VOLUNTARIA - VI/IX
![]() |
ÉTIENNE DE LA BOÉTIE (1530-1563) |
Étienne d'a Boétie propon un enfoque sobre a condición humana e social do individuo. Contaba con dezaoito anos cando escribiu o "Discurso contra a Servidume Voluntaria", recorre ós clásicos, con soltura e dominio, como exemplo ilustrativo para desvelarnos con amenas erudicións, a escandalosa vileza que aniña no íntimo do noso ser, xunguíndonos con soberbia, a os máis lacerantes xogos político-económicos.
Aínda que o “Discurso”, non tiña a intención de curar a ferida mortal, que a xuízo de Étienne, consideraba que o vulgo sufría, e que séculos despois de sucesivas tiranías, escravitude, guerras, exterminios masivos,... e demais barbaridades inenarrables, este “Discurso” actualízase coa brillantez, dun importante aviso para navegantes, lembrándonos, sen pó nen palla, que a submisión máis salvaxe, non é a que se impón por medio da forza, senón por medio da escandalosa e fraudulenta elección popular e a pasividade do costume.
![]() |
Mais, volvendo ao asunto principal do
que me afastei: a primeira razón que leva os homes a serviren de
boas é o teren nacido e sido criados na servidume.
A esta súmase outra que é a de, baixo
a tiranía, os homes se tornaren covardes e afeminados.
Niso concordo con Hipócrates, pai da
medicina, que así o afirmou e escribiu nun dos seus libros, titulado
"Das Doenzas".
Este home tiña o corazón no lugar e
ben o demostrou cando o rei quixo atraelo para si, con moitas dádivas
e ofrendas; respondeulle francamente que tería moitos escrúpulos en
tratar e curar os bárbaros que querían matar os gregos e de poñer
a súa arte ao servizo dun rei que pretendía escravizar a Grecia.
A carta que lle mandou pode aínda hoxe
verse entre as súas outras obras e constituirá sempre para todos
unha proba do seu bo corazón e da súa natureza nobre.
Coa perda da liberdade, pérdese
inmediatamente a valéntía.
As persoas escravizadas non mostran no
combate ningunha ousadía ou intrepidez.
Van para o castigo como maniatadas e
aparvadas, como quen vai cumprir unha obriga.
E non senten arder no corazón a paixón
da liberdade que fai desprezar o perigo e da ganas de mercar ca
morte, ao lado dos compañeiros, a honra da gloria.
Entre homes libres, todos disputan
envexosamente quen ha de ser o primeiro a servir o ben común; todos
desexan ter o seu quiñón no mal da derrota ou no ben da vitoria.
Pero as persoas escravizadas, alen desta falta de valor na guerra,
perden tamén a enerxía en todo o resto, teñen o corazón abatido e
mol, e non son quen de grandes accións.
Os tiranos sábeno, e vendo este vicio,
fan todo o posible para empeoralo.
Xenofonte, historiador grave e da
mellor cepa entre os gregos, nun seu libro, fai a Simónides falar con
Hierón, rei de Siracusa, sobre as miserias dos tiranos. É un libro de bos costumes e graves
argumentos e, ao meu ver, escrito con moita graza. Bo sería, que
todos os tiranos que xa houbo, o puxesen diante dos ollos e del se
servisen como dun espello.
Non creo que deixasen de ver nel todas
as súas verrugas e non se avergoñasen de todas as súas manchas.
Conta no referido tratado o tormento
polo que pasan os tiranos que, por faceren mal a todos, a todos deben
temer.
Di entre outras cousas, que os malos
reis, recorren a estranxeiros para faceren a guerra, subórnanos e non
se atreven a poñer armas nas mans dos propios súbditos a quen
ofenderon.
Reis houbo, algúns ate franceses, máis
outrora que nos días de hoxe, que contrataron para a guerra máis
dunha nación estranxeira, con intención de preservaren os seus, por
acharen que non era perdido o diñeiro gastado en defensa das
persoas.
Era o que dicía Escipión o Africano,
para quen valía máis defender a vida dun cidadán que derrotar cen
inimigos.
Máis non hai dúbida algunha de que o
tirano se xulga absolutamente seguro e so se preocupa cando percebe
que xa non ten ao seu servizo un único home de valor.
Con razón se lle poderá dicir nesa
altura o que Tarso, en Terencio, se gloria de ter dito ao domador de
elefantes:
Tan bravo vos hei mostrado
Que sodes das bestas criado.
Pero esa estrataxema coa que os tiranos
humillan ós súbditos, está máis que en calquera outro lado,
explicitado no que Ciro lle fixo aos lidios, despois de se ter
apoderado de Sardes, capital da Lidia, cando aprisionou ao riquísimo
rei Creso e o levou preso. Trouxéranlle a noticia, de que os de
Sardes se tiñan revoltado. Foille fácil dominalos.
Non desexando saquear tan fermosa
cidade, nin querendo destacar para alá un exército que a vixiase,
recorreu a outras maneiras. Fundou nela bordeis, tabernas e xogos
públicos, e publicou un decreto que obrigaba ós habitantes a
frecuentalos.
Tan bos resultados tivo esta gornición,
que non foi necesario, de ahí en diante, levantar a espada contra os
Lidios. Os desgraciados, divertíríanse inventando todo tipo de xogos,
de tal forma, que a palabra latina usada para significar "pasatempos"
é a palabra "ludí", que ven de "Lydi", Lidios.
Non todos os tiranos foron tan
explícitos no seu desexo de afeminaren ós homes, pero o que este
ordenou formalmente foi, en gran parte, realizado de forma velada.
É moi propio do vulgo, mormente o que
pulula nas cidades, desconfiar de quen o estima, e ser inxenuo para
con aqueles que o enganan.
Atraer o paxaro cun chifro ou o peixe
coa isca do anzol, é máis difícil, que atraer ao pobo para a
servidume, pois basta pasarlles por diante da boca un cebo
insignificante.
É asombroso ver, como eles se deixan
levar polas gabanzas.
Os teatros, os xogos, as farsas, os
espectáculos, os animais exóticos, as medallas ou os cadros, eran
para os pobos antigos, incentivos da servidume, prezo da liberdade,
instrumentos da tiranía.
Deste medio, desta práctica, destas
carnadas, se servían os tiranos para manteren os antigos súbditos
baixo o xugo. Os pobos, así alucinados, encontraban bonitos estes
pasatempos, divertíanse co só pracer que lles pasaba diante dos
ollos, e habituábanse a servir con simplicidade igual, se ben que
máis nociva a das crianzas, que aprenden a ler atraídas polas
figuras coloridas dos libros iluminados.
Os tiranos romanos, decretaran tamén na
celebración frecuente das decurias do pobo, para as cales atraían a
xentalla, que pon por riba de todo, os praceres da boca.
Nin o máis esclarecido de todos eles,
trocaría a "maseira" da sopa, pola liberdade da República de Platón.
Os tiranos, ofrecían o cuarto de trigo e
o sesteiro de viño, ó sestercio. E os vivas ao rei, eran entón, cousa
triste de oír.
Non daban conta, os necios, de que
recuperaban desa forma, parte do que era seu e que non podía o tirano,
darlles cousa que non lles tivese furtado antes.
O que hoxe ganaba o sestercio, o que se
fartaba de comer no festín público, loando a grande liberalidade de
Tiberio e Nerón, era no día seguinte obrigado a entregar os seus
haberes á cobiza, as fillas á luxuria e o propio sangue á
crueldade daqueles magníficos emperadores, e facíano sen dicir
palabra, mudos coma unha pedra, quedos coma un cepo.
O pobo sempre foi así.
E perante o pracer que honestamente
non pode atinxir, aberto e disoluto, e fronte ao agravio e á dor, que
honestamente non debería sufrir insensible.
Non sei hoxe en día de ninguén que,
ao oír falar de Nerón, non trema so co nome de tan vil monstro, de
tan hedionda e inmunda besta. Pode, porén, dicirse que despois da
súa morte, vil tanto canto foi a súa vida, o pobo romano ficou con
tanta pena, por se lembrar dos seus xogos e festíns, que pouco
faltou para vestir loito. Así o escribiu Cornelio Tácito, un dos
mellores e máis graves autores, e so pode estrañar o feito, quen non
coñeza ben o que o pobo fixo despois da morte de Xulio César, que
tiña abolido as leis e a liberdade.
Crían que era un home sen valor, pero
loubaran moito a súa humanidade, que ao final, foi tan nociva como a
crueldade máis salvaxe de todos os tiranos.
En boa verdade, a súa pezoñenta
dozura, serviu so para adozar a servidume, que lle impuxo ao pobo
romano.
Mais, despois de morto, o dito pobo,
que tiña aínda na boca o sabor dos banquetes e a lembranza das súas
festas, queimou, para honralo e incineralo, todos os bancos da praza,
edificoulle unha columna, como a un verdadeiro "pai do pobo" (así
rezaba a inscrición no capitel), e prestoulle máis honras despois
da morte, que a calquera outro home, a excepción, talvez, dos que o
mataran.
Os emperadores romanos, non deixaban de
apropiarse sempre, do título de Tribuno do pobo, sexa porque o seu
cargo era tido na conta de santo e sagrado, sexa porque fora
establecido, para se defenderen do pobo e estaren baixo o favor do
estado.
Deste modo, tiñan por certo, que o pobo
lles daría toda a confianza, tendo en maior consideración o Título,
do que os actos deles.
Non proceden mellor, hoxe en día, os que
sempre que cometen aleivosías, incluíndo as máis graves, fanas
acompañar de discursos sobre o ben común e a utilidade pública.
Non ignoras, Longa, os considerandos
que habilmente eles acostuman a utilizar. Pero na maioría das veces,
non hai habilidade que chegue, para cubrir tanta desvergoña.
Fonte:
- “Discurso contra a Servidume Voluntaria – Etienne de La Boétie”. Publicado en: Animal+: Revista Cultural para Todas as Especies, nº 19 – Inverno 2008. Edicións Positivas. Traducción: Onofre Sabaté.
- WIKIPEDIA
PUBLICADOS:




