NÓS, OS IRRELEVANTES
A construción da variante de Noia, que une a estrada VAP9 Brión-Noia coa SC-550 entre Noia e Taramancos, deu pé á descuberta, preto deste lugar, dun importante xacemento
arqueolóxico. Os restos dun poboado que presumiblemente estivo
ocupado dende a Idade do Ferro ata época romana, vencellado á
explotación marisqueira (a xulgar polos depósitos dos seus
cuncheiros), e o que é máis curioso, sen ningunha evidencia de
murallas ou defensas de ningún tipo, como cabería agardar dun
hábitat castrexo.
O "sorprendente xacemento", foi escavado no verán do
2011, pero a Xunta de Galicia destruíuno e sepultou os seus restos
debaixo do piche. A escusa é que, segundo a propia Xunta, son
«carentes de relevancia».
![]() |
"Arnoia", nomease como un asentamento previo a actual Noia. Arnoia, é un hidronímico común nas linguas prerrománicas europeas. |
![]() |
O lugar do castro descuberto, é coñecido entre as veciñas de Taramancos como "A Espiñeira". |
Descoñecemos como se mide a relevancia
dun achado. O Poboado de Taramancos amosa as probas da ocupación
máis antiga da bisbarra de Noia. Non parece isto relevante?. Contén
tamén os únicos restos romanos que se podían cualificar de tales
nunha vila que presume dunha antigüidade nunca confirmada ata o de
agora pola arqueoloxía. Tampouco isto parece relevante?. O poboado
de Taramancos é ademais unha rara avis entre os castros: non ten
murallas, algo excepcional que o convirte nun dos escasos testemuños
existentes de ocupación dun espazo na Idade do Ferro, fóra dos muros das citanias. Non é isto aínda relevante?.
Ningún dos exemplos
deste tipo de xacementos foi conservado ou como se gusta dicir “posto
en valor”; quen queira saber deles debe recorrer a publicacións
parciais, a datos e murmurios que circulan de boca a
oído de arqueólogo, coma as fórmulas das pocións druídicas.
Taramancos é, pois, un exemplo único, senlleiro, da Idade do Ferro galaica, que podería estar á disposición do público. Non e isto
dabondo relevante? Pois non, debemos estar trabucados, porque segundo
os datos do relevanciómetro da Xunta, o poboado de Taramancos "non
vale nada".
![]() |
Estructuras circulares, con outras en ángulo recto máis modernas. |
![]() |
O "Taramancos Vello" estaba volcado ao mar, esta sería o centro da súa economía. |
Antes de facer unha obra, pública ou
privada, hai que facer un estudo do seu impacto, tanto na paisaxe, no
medio ambiente, coma no patrimonio histórico, artístico e
arqueolóxico que puidera estar afectado. Tras a avaliación do
impacto, é preceptivo establecer medidas correctoras, porque a razón
de ser dunha avaliación de impacto é tentar evitalo, ou reducilo ao
mínimo posible. Pódese facer de moitas maneiras: replantexando ou
redimensionando o proxecto inicial, cambiándoo de lugar, ou mesmo
renunciando a facelo. Pero despois de atopar o "Vello Taramancos", non
se barallou ningunha outra alternativa.
A destrución estaba prevista
de antemán, e a escavación non é máis que un simple trámite que
hai que cumplir, segundo o conselleiro de infraestruturas e da metade
que quede do ambiente, para quen por esta zona “castros hai
moitos”.
Ca variante de Noia, e a pesar de que presuntamente se
fixo un estudo e corrección do impacto, estragouse por completo a
desembocadura do Tambre, desfigurada por viadutos arrepiantes,
ademais de esfarelar os restos arqueolóxicos máis antigos do
municipio.
Non hai medio ambiente que protexer, nin paisaxe, nin
patrimonio. Por que? Porque segundo eses estudos, esta protección é "irrelevante".
![]() |
Persoal rexistrando o achádego, acelerado polo avance do viaducto o fondo da imaxen. |
![]() |
Rexistrouse o tramo que correspondía ao trazado do viaducto. |
A administración opta algunhas veces
por conservar os restos atopados. Obrígase a promotores privados, e
as veces ós públicos, a variar os seus proxectos iniciais e mesmo a
cancelalos porque afectan a un ben cultural que se considera
relevante. A comparación dos restos así conservados e os destruídos
non permite dilucidar cal é o criterio que mediu o seu interese, e os
salvou ou condenou da piqueta. A única pauta visible é que cantos
máis cartos se invistan nunha obra pública, e cantos máis
políticos falen dela, máis posibilidades hai de que os bens
patrimoniais afectados, sexan da entidade que sexan, acaben
esfolados.
Pero eu sei polo menos dun caso no que un cidadán, ante a
aparición duns restos en todo semellantes aos de Taramancos, foi, en
xustiza, obrigado a replantexar a construción da súa propia vivenda
para preservalos, con grave menoscabo do seu pecunio. Non se coñece
ningún ordenamento xurídico que diga que a administración estea
eximida da lei que aplica a discreción aos seus administrados, non
sendo a Lei do funil. Pero para a Xunta predicar co exemplo non
parece que sexa algo que teña relevancia.
![]() |
Tomando rexistro de urxencia. |
A administración debe velar pola
preservación dos bens arqueolóxicos porque a "Lei de Patrimonio
Cultural de Galicia" establece que teñen consideración de dominio
público todos os obxectos e restos materiais descubertos tanto en
escavacións arqueolóxicas como en remocións de terras de calquera
índole, por obras ou por casualidade, tanto en terreo público coma
privado (artigo 56.1). Consecuentemente, Taramancos é do dominio público. Porén, ninguén dende a equipa de escavadores ou dende a Dirección Xeral de Patrimonio, fixo o máis mínimo esforzo por
explicarlles aos noieses, aos galegos, e ao resto do mundo, en que
consisten estes achados, que son de todos eles. Non se nos permite calibrar por nós mesmos, a relevancia do patrimonio que é noso.
Non
era pedir o imposible; informar é algo que se ven facendo, cada vez
con máis frecuencia, en moitas escavacións en Galicia, e trátase
dun san exercicio de reversión ao público do que é público, de
devolver en coñecemento a inversión que todos facemos na
investigación. O caso é que non sabemos case nada de Taramancos.
Quizais non se explicou nada porque os achados eran irrelevantes, ou
quizais foi porque se pensou que era mellor que a xente non soubera
nada, porque o que saiba a xente ou deixe de saber é irrelevante.
![]() |
Retirada das estructuras circulares situadas na liña do trazado do viaducto. |
![]() |
As cabanas castrexas circulares dispoñian dun gran fogar central. |
Seguramente, habería xente que non entendería a importancia dos achados de Taramancos (no suposto caso
en que tiveran algunha relevancia). Para iso é preciso educación e
sensibilidade. A educación permítenos situar estes achados no seu
contexto espacial e temporal, recoñecelos como parte dun mundo
desaparecido e, coa obxectividade da evidencia material, aventurar,
imaxinar, como ese mundo era. A sensibilidade, obríganos a observar
os restos do pasado con respeito e reverencia, porque nos permiten
mergullarnos na corrente da Historia, sentila como parte de nós, e sentirmos nós como actores últimos dela.
Cando a sociedade ten
educación e sensibilidade indígnase ante a destrución deliberada
das reliquias do seu pasado, de aquilo que é testemuño do que unha
vez foi, e da súa relación secular co territorio que habita. Unha
boa parte da sociedade galega ten educación e sensibilidade, e está
indignada pola destrución do que é seu. Pero iso non parece
importarlle aos responsables de velar polo seu Patrimonio, porque é
menos relevante que gastar 38 millóns de euros en evitar catro
minutos de atasco nunha estrada comarcal.
![]() |
Foxa para a deposición de cunchas. |
![]() |
Os arqueólogos informan dunha impresionante secuencia temporal, que vai dende a Idade do Bronce ata a Idade de Ferro. |
Taramancos, "o castro sen murallas", non
ten quen o protexa do empuxe das escavadoras e da especulación
urbanística, que é a quen serve esta estrada mastodóntica e voraz.
A pesares das voces que claman, "clamamos", contra esta desfeita, o
pasamento deste xácigo, ocorrerá entre o silencio e a indiferenza
xeral. Un castro máis ou menos, é irrelevante. Igual que as rías,
a paisaxe, o territorio, a Historia, o patrimonio público, a
educación, a conciencia cívica, a identidade… Asumámolo, somos
todos irrelevantes, ata que nos rebelemos.
![]() |
Zona onde se rexistraron estructuras en ángulo, posiblemente para o procesado preindustrial dos productos do mar. |
Fontes:
Francisco José Padín – Arqueólogo e Mestre de Xeografía e Historia
http://www.blogoteca.com/arqueoloxia/index.php?cod=104449
http://www.blogoteca.com/arqueoloxia/index.php?cod=104449
Periódico Dixital: Galicia Confidencial, Certo
![]() |
Situación actual do «laminado destructivo» da Historia da Ría de Muros-Noia, da Galiza, da Hispania e da Humanidade. |

















