O BARCO DA MEMORIA
Evasión Os barcos que partiron da costa galega, nos tempos posteriores ao golpe fascista do 18 de xullo, levaban xente cun destino gravado na íntima bitácora: volver. Non habería que falar en realidade de fugas, senón dunha epopeia de salvación. Eran barcos que "zafaban" dunha morte segura, da cacería humana desatada en terra. Xunto coas vidas a salvar, aqueles barcos levaban un transporte valiosísimo, un tesouro laboriosamente labrado durante moitos anos, unha obra transmitida e continuada de xeración en xeración de loitadores: a consecución das liberdades e os dereitos humanos, a procura dun "habitat democrático" que dera un xiro copernicano á historia, que cambiara o signo fatal de séculos de dominación reaccionaria e escurantista. E tamén, dende diferentes ópticas, tomaba corpo a reivindicación dun autogoberno, o que os librepensadores republicanos e galeguistas denominaban “a redención da Nosa Terra”. Todo iso ía neses barcos. Moitos deses refuxiados, a quen o...