SERVIDUME VOLUNTARIA (VIII/IX)
ÉTIENNE DA BOÉTIE (1530-1563)
“Non hai política, sen coñecemento do cidadán”, podería ser o corolario da breve obra de "Da Boétie", que constatando as inclinacións humanas, tece con desenvolvemento esta trama, incluíndo a teima polo poder e a paixón pola autoridade, xunto coas debilidades que abocan á subordinación.
Aprende dos seus predecesores pensadores, a vislumbrar os cálculos do tirano e os síntomas, no que se manifesta esa liberdade secuestrada e pouco a pouco subxugada.
Etienne mostra agudeza, negando, por principio, calquera dignidade ou atributo o tirano, expoñendo que o tirano, so pode exercer o seu dominio si quenes son tiranizados o desexan. Si o cidadán sirve, e que foi criado como servo. Axuda a entender que a loita contra o autoritarismo, non depende das declaracións bélicas ou das ameazas de revolución, senón de acoutar a disipación ou a indiferenza política, que se adiviñan como os auténticos males da república.
Pasarei agora a un punto que, ao meu ver, constitúe o segredo e a base da dominación: o apoio é o alicerce da tiranía.
Quen pense que as alabardas dos gardas e dos centinelas protexen o tirano, está, na miña opinión, moi enganado; creo que se serven delas, máis por formalidade e como espantallo, que por lles daren confianza.
Os arqueiros vedan a entrada no pazo aos poucos hábiles, aos que non teñen medios, non aos ben armados e a os ousados.
Dos emperadores romanos, pódese dicir que foron menos os que escaparan de calquera perigo por intervención dos arqueiros, que os que foron asasinados polos propios gardas.
Non son as hordas de soldados a cavalo, non son as compañías de soldados a pe, nin son as armas quenes defenden o tirano.
Parece á primeira vista incrible, pero é a verdade. Son sempre catro ou cinco os que están no segredo do tirano, son eses catro ou cinco que suxeitan o pobo á servidume.
Sempre foi a unha escasa media ducia a quen o tirano deu oídos, foron sempre eses os que lograran aproximarse a él ou ser por él convocados, para seren cómplices das súas crueldades, compañeiros dos seus praceres, facilitadores das súas lascivias e con él beneficiarios das rapiñas. Tal é a influencia deles sobre o caudillo que o pobo ten que sufrir, non so a maldade del, como tamén a deles. Esa media ducia ten ao seu servizo máis de seiscentos que proceden con eles, como eles proceden co tirano. Abaixo destes seiscentos hai seis mil debidamente ensinados a quen confían agora o goberno das provincias, agora a administración do diñeiro, para que eles oculten as súas avarezas e crueldades, para seren os seus executores no momento combinado e practicaren tales maleficios que so á sombra deles poden sobrevivir e non caer baixo a alzada da lei e da xustiza. E abaixo de todos estes veñen outros.
Quen queira perder tempo a desenredar esta complexa meada descubrirá abaixo dos tales seis mil, máis cen mil ou cen millóns agarrados á corda do tirano; tal como en Homero, Xúpiter se gloria de que puxando a corda, todos os deuses virán atrás. Tal cadea está na orixe do crecemento do Senado no tempo de Xulio César, do establecemento de novos cargos e das eleccións de oficios, que non son de modo algún unha reforma na xustiza, pero si novo apoio á tiranía.
E, polos favores, ganancias e lucros que os tiranos conceden, chégase a isto: son case tantas persoas a quen a tiranía parece proveitosa, como as que prezan a liberdade.
Din os médicos que, habendo no noso corpo unha parte afectada, é nela que naturalmente se reúnen os humores malignos; da mesma forma, cando un rei se declara tirano, todo canto é malo, a escoria do reino, e non me refiro aos pequenos ladróns, que no conxunto da república non fan ningún ben ou mal, os que son ambiciosos e avarentos, todos se xuntan á volta del para o apoiaren, para participaren do saqueo e seren outros tantos tiraniños logo abaixo do tirano.
É o caso dos grandes ladróns e corsarios famosos. Hai uns que exploran o país e asaltan a os viaxantes; están uns de emboscada e outros á espreita; uns asasinan, outros saquean, e habendo sen embargo algúns máis preeminentes, uns que son criados e outros xefes de bando, todos afinal se senten donos, se non é do espolio principal, polo menos de parte del.
Cóntase que os piratas sicilianos, non so se xuntaran en tan grande número que foi mester enviar contra eles a Pompeu Magno, como tamén conseguíran establecer alianzas con algunhas fermosas cidades e grandes prazas fortes en cuxos portos ancoraban con toda a seguridade, no regreso do corso, dándolles en recompensa unha parte dos bens que rapiñaban.
O tirano somete a uns, por intermedio dos outros.
E así protexido por aqueles que, se algo valesen, antes debía temer, e da razón ao adaxio que di que debe ser a leña rachada con cuñas feitas da mesma leña.
Véxanse os arqueiros, os gardas e portaestandartes que do tirano receben non poucos agravios. Mais os desgrazados, excluídos por Deus e polos homes, aturan de boa gana o mal e descargan despois ese mal non naquel que os maltrata, senón nos que son coma el maltratados e non teñen defensa.
Á vista dos que servilmente xiran en redor do tirano, a executar as súas tiranías e a oprimir o pobo, fico moitas veces marabillado coa maldade deles e sinto igualmente pena de tanta estupidez. Porque, en boa verdade, que fan eles, ao se achegarse ao tirano, senón afastarse da liberdade, daren, por así dicir, ambas as mans a servidume, e abrazaren a escravitude?.
Poñan eles algún freo á ambición, renuncien un pouco á avareza, ollen despois para si mesmos, véxanse ben e percibirán claramente que os labregos, os servos que eles humillan e tratan como escravos son en comparación con eles, libres e felices.
O labrego e o artesán, aínda que servos, limítanse a facer o que lles mandan e, feito iso, fican tranquilos. Os que andan ao redor do tirano e mendigan os seus favores, non se poderán limitar a facer o que él di, deben pensar que é o que él desexa e, moitas veces, para él se dar por satisfeito, teñen que lle adiviñar os pensamentos.
Non basta que o obedezan, deben cumprirlle todas as vontades, teñen que matarse a traballar nos seus negocios, ter os gustos que él ten, renunciar á súa propia persoa e despoxarse do que a natureza lles deu.
Teñen que se precaver co que din, coas mínimas palabras, os mínimos xestos, do modo como ollan; non teñen ollos, nin pés, nin mans, teñen que consagrar todo ao traballo de espiar, a vontade e descubrir os pensamentos do tirano.
Será isto vivir feliz? Será isto vida? Haberá no mundo cousa máis insoportable que isto? Non me refiro sequera a homes ben nacidos, pero si a quen teña o sentido do ben común ou, para máis non dicir, cara de home. Haberá condición máis miserable que vivir así, sen ter nada de seu, facendo depender de outro a liberdade, o corpo, a vida?.
Fan todo o que fan para gañaren fortuna... Como se puidesen gañar algunha cousa de seu, cando nin a súa propia persoa poden dicir que sexa súa.
Como se fose posible, na presenza do tirano, alguén posuír o que quere que sexa, eles fan todo para acumularen riquezas e non se lembran de que son eles que lle dan a forza para roubar todo a todos, non deixando a ninguén nada de seu. Ven que é o ter o que máis suxeita os homes á crueldade, que non hai para o tirano crime máis digno de morte que posuír calquera ben; que el so quer posuír riquezas, que rouba aos ricos que se presentan diante del como nun matadoiro, para que el os vexa ben atullados e ornados e deles teña envexa.
Estes favoritos, deberían lembrarse menos dos poucos que na convivencia co tirano ganaran fortunas, que dos moitos que, tendo acumulado así algúns haberes, acabaran por perder os bens e a vida.
Será bo pensar que, se algúns poucos gañasen riquezas, pouquísimos foran os que as conservaran.
Percorreranse as historias antigas, pénsese nas de fresca data e verase claramente que grande é o número dos que, gañando as boas grazas dos príncipes con falsidades e tendo recorrido á maldade ou abusado da simplicidade deles, acabaran por ser aniquilados polos mesmos príncipes, os cales, tan facilmente canto os tiñan elevado, viran que non podían conservalos.
Entre o gran número de persoas que algún día viviron nas cortes dos malos reis, poucos ou ningún escaparan de sentir en si a crueldade do tirano a quen tiñan encirrado contra os outros.
Tendo as máis das veces enriquecido, á custa da protección deles, cos despoxos dos outros, foran eles que despois enriqueceran os outros e os seus propios despoxos.
As propias persoas de ben, se acaso as hai ao redor do tirano e gozan das súas grazas, mentres nelas brilla a virtude e a integridade, que, vistas de preto, ate aos malos inspiran respecto, esas persoas de ben non ficarán moito tempo sen percibir o mal que os outros sofren e aprenderán as súas costas os maleficios da tiranía.
Séneca, Burrus, Trázeas; ese trío de persoas de ben que tiveran a pouca sorte de vivir preto do tirano e a misión de tratar dos seus negocios, foran todos por el estimados e ben queridos; un deles fora o seu preceptor e tiña como peñor da amizade e educación que lle dera; agora que todos eles testemuñaran pola súa morte cruel que pouca confianza merecen os tiranos.
Que amizade, afinal, pode esperarse daquel cuxo corazón é tan duro que odia o propio reino que en todo lle obedece?. Que, por non conseguir facerse amar, se empobrece e destrúe o seu imperio?.
Poderá dicirse que todos os que referín incorreran en grandes desgrazas, por teren sido virtuosos; pero ollemos tamén para o resto do séquito do tirano e veremos que todos cantos obtiveran os seus favores e os mantiveran por maldade acabaran por non durar moito.
Onde se oíu falar de amor máis dedicado, de afecto máis duradeiro, onde é que xa se viu home máis obstinadamente preso a unha muller do que el estaba a Pompeia, a quen afinal envelenou?.
Agripina, nai de Nerón, matara o marido Claudio para poñer o fillo no trono. Cumpriulle todas as vontades, non aforrou traballos para lle agradar. Agora ben, foi ese mesmo fillo por ela criado e feito emperador, foi el que, despois de moitas veces o tentar, acabou por lle quitar a vida; e ninguén despois diría que ela non merecera ese castigo, pero a opinión xeral é que debía recibilo das mans de outros e non daquel que llo infrinxiu.
Onde houbo home máis fácil de manobrar, máis simple, digamos ate máis inxenuo que o Emperador Claudio? Quen se apaixonou algún día por unha muller máis que el por Mesalina? Nin por iso deixou de entregala ao verdugo. A simplicidade é unha crueldade de todos os tiranos: tanto que todos ignoran o que sexa practicar o ben. Máis, non sei como, chega sempre o día en que usan da crueldade para os que os rodean e a pouca intelixencia que posúen desperta de inmediato.
É ben coñecida a palabra daquel que, vendo a descuberto o colo da muller amada, sen a cal parecía non poder vivir, a acariñou, dicindo: este fermoso pescozo, logo que eu o ordene, pode ser cortado.
Por iso é que a maior parte dos antigos tiranos, eran xeralmente mortos polos seus favoritos, os cales, unha vez coñecida a natureza da tiranía, perdían toda a fe na vontade do tirano e desconfiaban do seu poder.
Así foi que Domiciano morreu as mans de Estevo, Cómodo asasinado por unha das súas amantes, Antonino Caracalla por Macrino, e o mesmo aconteceu con case todos os demais.
![]() |
Fonte:
- “Discurso contra a Servidume Voluntaria – Etienne de La Boétie”. Publicado en: Animal+: Revista Cultural para Todas as Especies, nº 19 – Inverno 2008. Edicións Positivas. Traducción: Onofre Sabaté.
- WIKIPEDIA





