ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)
![]() |
Os Ultreias na 3ª Xeira no dolmen de Axeitos (Corrubedo). |
Nesta Terceira Xeira os Ultreias
desenrrolan unha expedición polo entorno do Barbanza, esta sería a
primeira das proxectadas. Outras a realizar serían: exploración da ribeira do Tambre, as Serras de Mazaricos, a bisbarra do Xallas, a ría de
Muros-Noia na súa totalidade, ... Usando a metodoloxía que
xa viñan afinando e mellorando das Xeiras anteriores para a
realización desta análise inédita, a excepción do catálogo prehistórico folclórico de Cuevillas e Bouza-Brey,
publicado polo Seminario de Estudos Galegos.
O estudio a realizar, abarcaría valorar a riqueza prehistórica-arqueolóxica, reconto das
poboacións, flora da montaña, labores que se realizan no agro,
etcétera, rematando no Faro de Corrubedo para coñecer o seu
funcionamento, organización e traballos:
“... de ligar en nobre e
patriótica conversa a nosa pequena cultura de homes, que comezan a
aprender coa vella e controlada sabenza dos vellos pobos enraizados
nun doloroso ensino de séculos” (Álvaro Das Casas).
Muros do Castro de Baroña. |
Resumo dos Diarios dos Ultreias participantes da 3ra. Xeira, publicado na revista NÓS, nº 114, o 15/07/1933:
Son catro os designados para participar
nesta expedición: Xohán Nieto Túñez , Xohán Freire Antelo, Xosé Fernández García e Francisco Castro Lorenzo, na compaña e guía de Don Álvaro das Casas.
Xohán Nieto Túñez, da conta de tempos,
temperaturas e altimetría; do medo que pasaron a tarde noite que
comezaron coa excursión baixando para Nebra; dos pagos feitos polos
servicios solicitados; o día 27, cando despertaron en Pousacarros,
chovía a mares, comenta a valoración de suspender a excursión; o
da gran balea que viron na Pobra; a visita ó Faro de Corrubedo e a
conversa e chistes de Antelo na última noite de Xeira, que os entretiveron ate altas horas da
madrugada.
Xohán Freire Antelo, comenta a importancia da celebración do San Marcos polo movemento económico, a riqueza cultural e
variedade da xente que convoca; lembra os sucesos de Nebra do 1916,
que aínda están presentes na memoria da xente; recolle a mitoloxía
do Castro de Baroña; describe a insólita forma de vida dos veciños
de Pousacarros, o fascinante veciño astrónomo cun gran coñecemento de
matemáticas e do nome das estrelas, …; o folclore da capela da
Santa Madalena; os nenos de Corrubedo que os tomaban por
titiriteiros.
![]() |
A 1ª Liña Ultreia na 3ª Xeira |
Xosé Fernández García, comenta a visita inicial ó Dolmen da Cova da Moura e a maqueta del que fixera Das Casas, e a
imposibilidade de poder ver as mámoas de Cures; a cidade de mouros
do Enxa; describe con detalle o Castro de Baroña e dos achádegos
atopados nas escavacións; o castro Monte da Cidade, preto de
Ribeira; o dolmen de Axeitos, que lle pareceu a cousa máis bonita
que vira na vida.
Francisco Castro Lorenzo, describe o terreno con detalle, lembra ao poeta Enrique Labarta Pose o ver os touros ceibos do monte; o
precioso conto de Romero Blanco inspirado polo lugar de Lidón; das
repoboacións forestais con piñeiros de recente plantación,
cercados por aramios; de cando chegaron a caseta do garda no alto do
Iroite, que Das Casas fai o comentario de que lle gustaría vivir
alí: “... pro é un sitio medoñento, sin árbores, nin xente, nin
cousa viva que se olle, semella estar un soíño no mundo”, comenta
no seu diario Francisco -lembrar, que o mes anterior, o 3 de marzo, Das Casas pronuncia unha conferencia no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co título “Verbas aos mozos galegos: O Momento Universitario”, provocando que un grupo de vintetrés catedráticos universitarios o consideraran un alegado separatista, motivando que o Rector da Universidade, o noiés Alexandre Rodriguez Cadarso lle incoara un expediente disciplinario e que o 28 de outubro deste ano, Das Casas dimitira do seu cargo de Director do Instituo de Noia-.
Francisco percibe a ruta a partir de Nebra como nun deserto, sen xente nin gando e nun terreo moi pedregoso, en contraste co tramo de Pobra
a Ribeira, con casas a un lado e outro; a pobreza da xente e da
terra: “Corrubedo, cos seus 2.000 habitantes, é tan pobre que
soamente se mantén do mar, pois a terra é unha pedreira que non dá
nada, nin ten conca para coller dous carros de balocas”.
TERCEIRA XEIRA ULTREIA
O martes do día 25 de Abril de 1933 as catro do serán, dispois da visita ó dolmen da Cova da Moura, collen unha camioneta que levaba xente da feira de San Marcos en Noia a Rianxo. Baixan en Moimenta, está nubrado e comenzan a ascensión ó Iroite (Diraite) na compaña de dous gardas que os poñen en camiño. As nubes non lles deixan ollar nada, ameaza a chuvia e a noite os cubre mentras camiñan. Rompe o neboeiro frente unha paisaxe enorme, avistando os lugares de Queiro e Nebra. O altímetro marcaba os 560 metros.
Baixan a Nebra nunha baixada irregular e dificultosa. Caeron en varias ocasións e baixaron a rolos. Tres ou catro veces sentiron medo a perderse. Viron un home, que lles indicou o camiño para chegar o lugar de Resúa. Un paisano acompañounos a taberna de Nebra, onde algúns coñecían a D. Álvaro. Cearon latas de sardiñas, pan e viño, resarcindo a penosa camiñata e o cansanzo. Sobre as once se puxeron a durmir en colchonetas que encheron de palla.
O día 26 despois de desaiunar viron a
igrexa de Nebra, camiñaron ó lugar de Castrallón e da Terroña.
Pasan polo Campo da Coviña. Subiron ó Enxa, o altímetro marcaba
440 metros.
Baixan a Montemuiño, onde ven un cruceiro cun farol cheo
de óleo, que tiña no peto das ánimas moitas cadelas ou
carrochas. Logo cruzan a estrada da Madalena e van a Baroña, onde
xantan na casa do abade Manoel García Álvarez. Cruzan a estrada
do Son e visitan o Castro de Baroña, recentemente descuberto polo
carabineiro Pablo Díaz que os acompaña.
No Castro estaban a facer
escavacións nas que participaba moita xente da contorna, o que lle
daba un ar festivo, esperando atopar unha mina de ouro ou de
beleño, que de atopar a de beleño provocaría a morte a quen a
encontrara. O ismo do Castro lle chaman o Lugar das Campas, onde fora
enterrada moita xente.
Volven a reitoral e van a estrada da Madalena acompañados polo señor abade. O termómetro marca nove
grados. Anoitece cando chegan a Pousacarros onde cean e dormen. As
casas do lugar parecen covas, e os poucos veciños de aparencia probe,
pero na realidade, non hai veciño que non teña aforrados en ouro
cinco mil pesos.
Día 27 chove a mares e todo está cuberto de nubes. Bótanse ó monte cun guía. Pasan río Sieira e a
costa dos Forcados (600 metros de altura), chegando a Santa Cruz de
Lesón. Xornada de moita chuvia.
Nunha casa en Santa Cruz, queceron,
enxoitaron e descansaron. Máis adiante, na taberna comeron. Seguiron
a Pobra onde tomaron café e viron unha balea que atoparon uns
mariñeiros e que un de Vilagarcía a quería mercar por 5.000
pesetas. Seguiron por Palmeira a Ribeira, eran as sete cando
chegaron. Cearon nunha fonda e durmiron en cama. Aproveitaron para ir
ó cine convidados pola xente de Ribeira.
Día 28, despois do desaiuno se
dirixiron ó Río de Pedrín, tamén chamado de Pepe Sevilla, subiron
o monte da Cidade, onde viron o castro e despois a mámoa. Das Casas,
lee no libro de Cuevillas escrito en galego que fai referencia á
mámoa. Pola vertente S./S.-W., ven a lagoa do Carragal. Se dirixiron
pola carreteira de Corrubedo a ver o dolmen de Axeitos. Xantan nunha
taberna de Bretal.
Pola tarde en Corrubedo a xente os toma por titiriteiros e os nenos corrían por centos tras deles. Toparon un café para pasar a noite.
Foron ver o faro, o fareiro mostroulles o diario, os partes metereolóxicos, etc. Viron como o encandecían. O
fareiro Antonio P. Díaz, doulles un trato fraternal e mostroulles a
Revista de Faros, onde se reproducía un artigo de D. Álvaro.
Castro da Cidade-Ribeira |
Á
noite, no pobo, cearon empanada de sardiñas cun bo viño, sempre
acompañados pola chuvia que non parou. D. Álvaro fai lectura dun
verso de Bouza-Brey:
“O Faro de Corrubedo
con seu ollar largasío
ai, amor, púxome medo.
con seu ollar largasío
ai, amor, púxome medo.
Mentres non durmían, falaron da xornada, de Corrubedo e dos naufraxios na súa costa. Antelo contaba chistes,
poñéndose a durmir pasadas as dúas.
Día 29, erguéronse as cinco da mañá e colleron o auto de liña a Ribeira e logo outro a Noia, a onde chegaron as nove da mañá, dando por rematada a expedición.
ULTREIA, XURXO LOURENZO, A FEDERACIÓN
DAS MOCEDADES GALEGUISTAS (FMG) E O VOTO FEMININO
No ano 1933, ademais da Xeira da
exploración pola Serra do Barbanza, participan no centenario do
nacemento de Manuel Murguía e propoñen que unha rúa compostelá
leve o nome do ilustre historiador; organizan no Círculo Mercantil
de Compostela un “Salón de Belas Artes” no que presentan obras
varios pintores novos dos que algúns chegarían a grandes artistas:
Díaz Pardo, Mario Granell, Castro Arines...; o 25 de xullo en
representación de Ultreia asina Álvaro das Casas o Pacto de
Compostela no local do Seminario de Estudos Galegos (considerado o
xermolo da futura Galeuzca), e o mesmo día tamén renden unha
homenaxe a Rosalía de Castro.
Das Casas no Dolmen de Axeitos |
En agosto do 33, terá lugar no Colexio Labor
de Vigo a “1ª Xeira Docente”, en colaboración con varios
membros do Seminario de Estudos Galegos. Por último, organizan unha
homenaxe ao poeta Francisco Añón na súa terra natal, en Boel,
no concello de Outes.
As actividades diminúen dende que o Partido Galeguista
constitúe a Federación de Mocedades Galeguistas (FMG) no mes de
maio de 1934, á que se pasan varios ultreias, como Antón Beiras García; e ata destacados
dirixentes, malia que algúns continuasen pertencendo a ambas, como
Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, que son elixidos
secretario xeral e secretario de organización, respectivamente, do
Directorio da FMG que sae da asemblea xeral celebrada en Ourense.
Xurxo Lourenzo, 1910-1934, participante do Consello Pedagóxico na Xeira Marítima no Xoquín Pérez o ano anterior. Morre a temprana idade, perdéndose un gran activo dinamizador de Ultreia. |
En febreiro do 1934 organizan unha Semana de
Historia de Galicia no instituto de Noia: "A Galiza Prehistórica", impartida por Santiago González Zurdo, "A alta Idade Media na Galiza", a cargo de Eduardo Ronquete Viñas, "A Baixa Idade Media" a cargo de Valentín Mata Hernández, "A Nosa Historia na Decadencia" por Xaquín Pérez P. e "Galiza no século XIX" por Alfonso Costa Rodríguez.
No ano seguinte, 1935,
renóvase o Consello, ao que seguirán pertencendo Xosé Filgueira
Valverde, Francisco Fernández del Riego e Álvaro das Casas, sendo
os demais membros substituídos nalgúns casos por senlleiros
persoeiros, como Vicente Risco, Xosé Martínez López, Camilo Díaz
Baliño, Ánxel Casal (que sería alcalde de Santiago de Compostela),
Basilio F. Barbazán e Barreiro Salaño.
O novo Consello non foi capaz de frear a crise que sufría a agrupación, debido en boa parte, á puxanza das
Mocidades Galeguistas, apoiadas polo Partido Galeguista.
Neste ano de 1935 organizan algúns actos,
dos que o mais sobranceiro sería a conmemoración do centenario de
Eduardo Pondal, cunha serie de conferencias no Salón do Recreo
Artístico Compostelán a cargo de Otero Pedrayo, Fernández del
Riego, Xosé López Durán, Sebastián González García-Paz e Álvaro
das Casas.
![]() |
Clara Campoamor (Madrid, 12 de febreiro de 1882 – Lausana-Suiza, 30 de abril de 1972). |
Clara Campoamor forma parte do equipo
de vinteún deputados que elabora o proxecto da Constitución da
República (a muller podía ser electa, pero non electora),
designados polas Cortes Constituíntes da República que se
celebraron, por primeira vez, o 28 de xuño de 1931.
Loita por
establecer a non discriminación de xénero, a igualdade xurídica
dos fillos e fillas dentro e fora do matrimonio, o divorcio e o
sufraxio universal (voto feminino), conseguindo acadar con éxito os
seus obxectivos reivindicativos, a excepción do voto feminino, que
tivo que agardar o seu debate nas Cortes Españolas. O debate final,
celebrouse nas Cortes o 1 de outubro deste mesmo ano, conseguindo a
aprobación do artigo 36 da Constitución, que posibilitaba o sufraxio
feminino (161 votos a favor e 121 en contra).
Os partidos
republicanos progresistas receaban do voto feminino, pola forte
influencia da Igrexa sobre este, inclinando o voto da muller a
posicións conservadoras ou fascistas. Ante este rexeite, Clara
Campoamor declaraba: “Deixade que a muller se manifeste como é,
para coñecela e para xulgala, respectade o seu dereito como ser
humano”. Esta conquista valeulle ataques no Parlamento, no seu
propio partido, nas rúas, en público e en privado.
![]() |
Moitas mulleres eran moi conscientes de que estaba en xogo a súa valía como simple ser humano. |
Nas segundas Eleccións Xerais da República o 21 de novembro de 1933, e nas primeiras
eleccións da historia de España na que participa o voto feminino,
deron a vitoria as dereitas da CEDA (Confederación Española das
Dereitas Autónomas), deixando fora a Clara Campoamor e Victoria
Kent, as máis destacadas deputadas na defensa dos dereitos da
muller.
A chegada do nazismo ó poder en Alemania en 1933, o auxe do fascismo italiano, a creación da CEDA neste mesmo ano, onde se alían a oligarquía capitalista hispana coa Igrexa, nunha feroz polémica coa República, que tentaba de apartar a Igrexa da súa intervención na educación, establecendo a "Laicidade Educativa".
No período no que a CEDA aliada coa Igrexa ("motor de explosión político" do golpe militar e guerra civil franquista) tuvo o poder Republicano, dende novembro de 1933 ate as eleccións de febreiro do 36, que foron desplazados pola victoria da Frente Popular, promoven un ambiente hostil e violento, coa axuda dos medios de comunicación afíns, con informacións falsas e incendiarias. Os comentarios de levantamento militar, se fixeron tan habituais que non se lle dou importancia, nunha República en constante defensa do "statu quo" e unha poboación en proceso de madurez e contradicción ideolóxica.
Neste mesmo ano 1933 o Papa Pio XI firma un tratado de aliado co Nazismo Alemán, o que provocaría unha "fascistización" da poboación hispana da órbita da Igrexa.
A organización Ultreia sufre as consecuencias desta hostilidade, reducindo dun xeito drástico a súa actividade.
A derradeira actividade de Ultreia, foi unha excursión organizada polo grupo de Tui ao monte Aloia o 17 de xuño de 1936, da que dá novas o periódico Guieiro,
autavoz patriótico da F.M.G., feito que testemuña que nesta época
as relacións entre a Agrupación Ultreia e as Mocedades Galeguistas
eran moi boas, e que, de non ser polo golpe militar franquista que estouparía
un mes despois, quizais rematasen por se fusionar, pero prevalecendo
as segundas.
Ao longo dos catro anos, cinco meses e oito días que tivo de vida a agrupación (do 10 de febreiro de 1932 ao 18 de xullo de 1936), a organización e desenrrolo das actividades, implicaba a participación de todos os seus membros: directivos e rapaces.
"Guieiro" o xornal da FMG. |
FINANCIAMENTO DE ULTREIA
O desenvolvemento destas actividades implicaba gastos económicos, dos que os máis custosos eran os
desprazamentos en tren ou en autobús, que tiñan que sufragar os propios participantes, coa axuda dalgunhas achegas por parte dos profesores e dos acompañantes e, sobre todo, de Álvaro das Casas,
que máis dunha vez achegou el a diferencia ou mesmo todo o importe.
Por exemplo, na Primeira Xeira na Misión Biolóxica de Galicia di no seu diario o ultreia Carlos R. Padín: "Cerca das tres da tarde, embarcamos en Marín nunha motora pra ir á Bueu. A motora costa dez pesos, pro
convídanos D. Álvaro e non nos costa nada á ninguén".
Non hai constancia de que recibisen
axudas por parte da administración (concellos e deputacións), nin
tampouco de empresas ou de particulares, agás os convites e festas
que organizaban na súa honra. Os agasallos, na maioría dos casos,
cinguíanse a produtos da terra ou do mar (patacas, peixes, ...) ou, como
no caso do industrial conserveiro de Bueu, Gaspar Massó, un
caixón de latas de conserva, coas que xantaron o día 11 de xullo de 1932
os do periplo das Rías Baixas.
A fundación da pequena editorial da
que se encargan os propios alumnos, publicarían varios folletos:
escolmas de alalás, refráns, unha síntese da historia de Galicia,
…, o que lle supuña a Ultreia algún ingreso.

Alexandre Rodríguez Cadarso (Noia, 21 de agosto de 1887 - Lubián, 15 de decembro de 1933) foi médico e político, foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela e deputado pola ORGA, a que estaba afiliado. Naceu en Noia no seo dunha familia de médicos acomodada. Seu pai era médico ciruxano, e procedía de Santiago de Compostela; a súa nai era natural de Noia. Era sobriño-neto do almirante Lois Cadarso Rei, falecido na batalla do Cavite durante a guerra colonialista contra os norteamericanos que se apoderaron de Filipinas, como posteriormente de Cuba.
Alexandre obtivo a cátedra de Anatomía Descritiva en 1916. En 1925 publicou un estudio sobre a arteria carótide no Journal of Anatomy. Fundou o Instituto de Estudos Portugueses e foi nomeado Vicerreitor da Universidade de Santiago o 4 de novembro de 1930, así como deputado en Cortes pola Coruña (1931-1933), período durante o cal mostrou o seu apoio polo Estatuto de Autonomía de Galicia. Como Reitor, pretendeu modernizar a Universidade e desenrolou as residencias de estudantes no Campus Sur (un dos colexios maiores leva o seu nome).
Falece prematuramente nun accidente de coche no municipio de Lubián (Ourense) cando se dirixía de Santiago a Madrid para asistir a actividades derivadas do seu compromiso como Deputado do ORGA. Deixou viúva e fillos.
Alexandre obtivo a cátedra de Anatomía Descritiva en 1916. En 1925 publicou un estudio sobre a arteria carótide no Journal of Anatomy. Fundou o Instituto de Estudos Portugueses e foi nomeado Vicerreitor da Universidade de Santiago o 4 de novembro de 1930, así como deputado en Cortes pola Coruña (1931-1933), período durante o cal mostrou o seu apoio polo Estatuto de Autonomía de Galicia. Como Reitor, pretendeu modernizar a Universidade e desenrolou as residencias de estudantes no Campus Sur (un dos colexios maiores leva o seu nome).
Falece prematuramente nun accidente de coche no municipio de Lubián (Ourense) cando se dirixía de Santiago a Madrid para asistir a actividades derivadas do seu compromiso como Deputado do ORGA. Deixou viúva e fillos.
AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS
A Institución Libre de Ensino (ILE) foi un proxecto pedagóxico, que se desenrolou en España durante medio século entre os anos 1876 e 1936. Está inspirada na filosofía krausista introducida na Universidade Central de Madrid por Xulián Sanz do Río, e tivo unha importante repercusión na vida intelectual da cidadanía española, para a que desempeñou unha labor fundamental de renovación pedagóxica.
Trala morte, no ano 1915, do seu principal inspirador, Francisco Giner de los Ríos, creouse a fundación que leva o seu nome, o catorce de xuño do ano 1916, co encargo de velar polo patrimonio da ILE e proseguir a súa tarefa educadora.

Lorca e Eduardo Ugarte en Vigo, agosto de 1932. Foto: Universo Lorca.
A rexeneración do teatro non puido ter mellores reitores. O escenógrafo, escritor, director de teatro e de cine Eduardo Ugarte, e o poeta e dramaturgo García Lorca, compartían, ademais de admiración mutua e cálida amistade, unha concepción do teatro semellante. Para Lorca, “o teatro está en decadencia… O teatro debe volver ao pobo (…) a clase media e a burguesía mataron o teatro e nin sequera van a ele, despois de pervertelo” (Suero, 1933); e para Ugarte “o noso teatro ofrece unha paisaxe lamentable. A comercialización o desbaratou todo. Empresarios (…) se debaten en medio dunha pobreza espiritual desconsoladora (…) Din que as obras modernas son perigosas. Perigosas, naturalmente, para os seus intereses” (Pérez Doménech, 1933).
As Misións Pedagóxicas, impulsadas entusiasticamente polo reitor da Universidade de Santiago, o noiés Alexandre Rodríguez Cadarso, co fin de achegar a escola ó rural. Transfórmase en Padroado posteriormente, estendéndose por toda a xeografía galega, coa implicación de moitos mestres da categoría de Rafael Dieste, Cándido Fernández Mazas, Carmen Muñoz Manzano, Constantino Suárez Fernández, Urbano Lugris, Maruxa Mallo, ...

Campaña contra o Analfabetismo, 1937.
Os actos misionais abarcaban tres campos básicos: fomento da cultura xeral, orientación pedagóxica e a educación cidadán. Para elo se valían de charlas, proxeccións de películas e documentais, exposicións de fotografías e pintura, teatro de títeres, recitado de poemas populares e audicións musicais. No Barbanza, as Misións Pedagóxicas funcionaban en: Rianxo, Boiro, Noia, Outes, Mazaricos, Beba, Abelleira, Serres e Muros.
Creáronse os Consellos Locais de Educación, que organizaron os Centros de Colaboración Pedagóxica, foro común comarcal, para tratar os problemas comúns dos educadores e solucións conxuntas. As bibliotecas de instrución primaria de servizo circulante, eran uns auténticos centros culturais, facendo chegar a lectura a todas as idades.
MODELO EDUCATIVO REPUBLICANO
En 1928 saen do prelo en Madrid,
editadas pola Compañía Ibero-Americana de Publicaciones, dúas
obras de Das Casas: “Antología de la lírica gallega” e “Dos
días en Orense”, que son ben acollidas.
Neste mesmo ano casa con Natividad Ulloa Sotelo na capela do pazo dos Ulloa de Esposende (Ribadavia), da
que ela era unha das propietarias.
De súpeto, cando ninguén o agardaba, decide trocar a vida aristocrática da capital pola de ensinante,
comezando o seu labor pedagóxico no Instituto extremeño de Fregenal
de la Sierra.
Solicita traslado para Galicia, e o
primeiro de outubro de 1930 toma posesión como profesor de Xeografía
e Historia do instituto de Noia, data que sinala o comezo da segunda
etapa da súa vida, implicándose politicamente coa nacente Segunda
República e o Partido Galeguista.
Mestres, alumnas e alumnos do Instituto de Noia, 1932 |
Ao pouco de chegar, o 23 de
outubro de 1930, achega a súa sinatura para a solicitude da
aprobación do regulamento da “Irmandade Galeguista” na Vila, que
se lle envía ao gobernador civil da Coruña.
Nas primeiras eleccións
municipais da República (abril de 1931) forma parte da lista polo
partido Republicano, con clara tendencia progresista no educativo e
social, participando dun xeito intensivo en actos e actividades.
O Instituto de Ensino Medio de Noia, acada entre os anos 1930 e 1936, un prestixio que o convertía nun modelo educativo republicano, condensando en xeito e fondura a práctica do ensino republicán. Os mestres impartían clases dentro e fora das aulas, cunha serie de actividades complementarias pioneiras aínda actualmente, dándolle un inédito papel protagonista ós alumnos/as. Confluíndo un cadro docente exquisito e comprometido. Practicando un convivio e cordial respecto, entre posicións de fomento das teorías pedagóxicas da Institución Libre de Ensino (ILE), coas clásicas da escolástica tradicional guiada pola igrexa romana, afín ó fascismo italiano e ó nazismo alemán. Cabe nomear que o mestre Xosé Carlos Villar García, forma parte do grupo de asistentes ó acto de constitución das Xuventudes Católicas na localidade en marzo do 32, xérmolo do falanxismo emerxente.

Dúas páxinas do libriño "Escolma de Cántigas" co selo de Ultreia en Pontevedra no ano 1934. Conxunto de cancións, romances, ruadas, himnos, alalás, ... Ao carón de moitos textos populares e anónimos, incluindo outros de Rosalía, Bonza Brey, Curros Enriquez, Lago González e Salvador Golpe.
Das Casas será quen poña en
marcha innovacións descoñecidas e ata revolucionarias. Organizan conferencias en torno a Historia da Galiza, impartida por alumnos. Convida a falar nas aulas a sobranceiros personaxes da cultura: Alejandro
Rodríguez Cadarso, Salvador Cabeza de León, Ramón Otero Pedrayo,
Vicente Risco, Antonio Fraguas Fraguas, Ángel del Castillo, Xoaquín
Lorenzo Fernández, Florentino López Cuevillas, Sebastián González
García-Paz, Aquilino Iglesias Alvariño, Primitivo Rodríguez
Sanjurjo, B. José Castro Rial ... Representan a obra de Das Casas "Auto dos Reis Magos", baixo a dirección de Mariano Pérez Gómez, subindo ó escenario a alumnos que co tempo terían un protagonismo social e político na localidade: Ramón Carreño, Antonio Busto, Manuel Blanco Ons, Gonzalo Rudiño, ...
Reside en Noia dende a súa toma de
posesión da cátedra no Instituto, tendo un contacto decote con
Compostela, atendendo o seu labor docente no Instituto ata a Guerra
Civil.
Sendo destituído como profesor o 11 de agosto de 1936, así como o resto do claustro maxisterial, suspendéndose o labor docente no Instituto.
Após de tres lustros, sendo alcalde o que fora firmante do decálogo de Ultreia e Xefe da falanxe local na República, rehabilita a actividade docente do Instituto, no edificio onde se sitúa actualmente.
Fontes:
- "A Segunda República en Lousame e
Noia - Radiografía dunha Época" de Xerardo Agrafoxo.
Edicións do Concello de Lousame
Edicións do Concello de Lousame
- “ÁLVARO DE LAS CASAS: Biografía e Documentos” de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.
Editorial Galaxia.
Editorial Galaxia.
- “ÁLVARO DE LAS CASAS” de Francisco Abeixón Núñez.
Editorial Toxosoutos-Colección Fasquia
Editorial Toxosoutos-Colección Fasquia
- Xornadas de Bastián Albor" de Álvaro das Casas. Edita Concello de Noia. 2024.
https://www.nuevatribuna.es/articulo/cultura---ocio/misionespedagogicas-iirepublica-historia-espana-cultura/20200323160005172507.html
https://laicismo.org/misiones-pedagogicas-y-la-barraca-la-utopia-cultural-que-quiso-revolucionar-espana/
https://www.farodevigo.es/sociedad/2022/06/19/revolucion-lorca-barracos-vigo-67397524.html
https://es.wikipedia.org/w/index.php?search=misións+pedagoxicas+galicia&title=Especial%3ABuscar&ns0=1&ns100=1&ns104=1
GÜESS WHO?: QUEN É QUEN?.
XEIRAS PUBLICADAS:





