MBB: MÁXIMO BRUTO BARREIRO: «O AGRÍCOLA»

Retrato de Máximo Bruto Barreiro «O Agrícola» - Noé
Hoxe imos lembrar a esgrevia figura de Máximo Bruto Barreiro, galego-román sobrevivinte da batalla do Monte Medulio, quen foi primeiro cautivo dos románs e logo centurión célebre, pola sua combatividade e astúcia na batalla.
Achegámonos a Máximo Bruto da mán de "Cuevillas". Este insigne historiador trás investigar os restos dos romanos achados en Sta. Baia de Coiros (Campolongo de Areatorta), atopou nunha "ola funerária", unhas taboiñas de barro cocido, onde se recollían os mais vibrantes momentos da vida de Máximo Bruto Barreiro, así coma o certificado de cidadanía expedido polo emperador Augusto no ano 33, outorgándolle unha parcela con casa e facenda no lugar da Insuiña (Sta. Baia de Coiros), onde debeu pasar os últimos anos da sua vida.
Taboiñas atopadas por Cuevillas
Os escritos apenas fan mención a vida anterior a súa captura do noso persoaxe, pero supoñemos que pasaría a vida, como tódo-los galegos da época, traballando na terra, coidando o gando e botando a partidiña de tute con naipes de pedra.
Certo dia, alertado-los galegos coa invasión do chan pátrio polos malvados imperialistas romanos, deciden facerlle frente na famosa desfeita do "Medulio", onde a valentia e a entrega dos nosos heróis pouco pudo facer ante a maior capacidade técnica, superioridade numérica e as novas estratexias castrenses dos latinos. Feito que quedou recollido perfeutamente polo historiador da época "Cayo Calpurnio Pisón", na sua obra histórica "Bellum Gallaicum". Remataba, a descripción da batalla coas verbas: "Hostiles escarallatis sunt, cum magnae patadae in collonis habebant" ("Derrotados foron os enemigos cunha “sutil estratexia táctica").
Os supervivintes foron levados cargados de cadeas a Roma, participando no desfile do triunfo de Décimo Xunio Bruto "O Galaico", quen nun xesto de xenerosidade e altruísmo perdonoulle a vida a Barreiro a cambio de enrrolarse nas lexións, outorgándolle o seu propio nome "Bruto", polo seu decidido xeito de combatir.
Escena da Batalla do Monte Medulio
O noso herói -home pacífico-, dedicouse nun principio a buscar comida, fregar platos, cráteras, limpeza das tendas de campaña, ... en fín, as tarefas máis duras e nobres da alegre vida castrense.
Pero un feito transcendental veu acontecer. Estando en longa campaña contra Partos e Medas, perto de Bitinia, encomendáronlle ó noso paisano que conseguise trigo para a Décima Lexión, e como parecía que aquelo ia demorando, decidiu sachar e sementar trigo nun terreo de tres mil estádios (aprox. 3.546.748 Has.).
Aplicouse duro Barreiro. Dispois de 71 dias consecutivos, sachando 24 horas diarias. Faltándolle menos da cuarta parte para rematar, Partos e Medas lanzan un ataque sorpresa sobre o Campamento. Máximo Bruto Barreiro ó ver a cabalería enemiga, plantouse só diante e erguendo o sacho díxolles: «Mirade ben "Merdas e Patos" (sic), esnaquizade o que vos saia dos collóns, pero como me pisede-la "leiriña", vai haber hóstias». Como os "pailáns" dos Partos e dos Medas non entendian o galego, as tropas avanzaron sobre o terreo sementado. Nunca tal fixeran!. Ergueo de sacho e escomenzou, nun ataque de rabia histérica, a cargar el só contra as filas enemigas. Causou mais de "trinta mil mortos", e dos "cinco mil sobrevivintes" capturados, mais de "catro mil" estaban sen dentes.
A partir desa batalla unha nova arma pasou a formar parte das lexións, xunto co "gladium" (espada), o "pilum" (lanza), o "sachum" fixo a sua aparición na escea bélica. As tácticas revolucionáronse. Desde aquela, o avance das lexións fíxose inexorable. Máximo Bruto Barreiro foi ascendido de "Tiñosum", a "Centurión da Décima Lexión", co sobrenome de «O Agrícola».
Dende Bitinia foi a Roma, onde foi condecorado, dalí a Alexandría, Cartago e Roma de novo. Participou no aplastamento da revolta tártara do Mármara, nos Vesgos, ...
"MáxBruBarr" «O Agrícola» en Campaña
Recollemos esta cita de Suetonio en «Fedentus Vitae (Vida de Cheirentos)»:
"... estando Máximo Bruto Barreiro «O Agrícola» rascando o carallo (con perdón) tras unha batalla, achegouselle o César Xullo e díxolle: "Arrea a jaca esa -Alea Jacta Est-". Respondendo o noso herói textualmente: «Ego fago quid carallus me saliunt». César respostoulle coa frase que fixo historia: «Mandat carallus in Habanae». E tuvo que dar media volta e marchar coa orella jacha.
Finalmente tras máis de 347 batallas, Máximo Bruto Barreiro «O Agrícola», quedou fatalmente ferido, nunha escaramuza sen importancia na Bretaña:
“...avistadas varias galeras Vikingas, Máximo Bruto pideu ó seu «magister navis (almirante)» que as perseguise, mais este negouse pola pouca importancia do enemigo. Encabreouse «O Agrícola», e preparou unha catapulta, na que él mesmo se puxo na lanzadeira, cortou a corda, e cun puñal e o famoso "sachum" voou a groria, con tan mala fortuna que "a punta do mastro", onde estaba o vixía, enganchóuselle na bolsa dos "melindreques", o que lle supuxo, segundo parte médico atopado por Cuevillas: "Evisceración testicular con posterior amputación do membro. Desgarro de esfinter anal, dende a base da espalda ata o pescozo. Esbalsamento de menudillos. Perdida de esfera ocular dereita. Esguince de esternocleidomastoideo e múltiples contusións e fracturas". Contusións ampliadas polos Vikingos, que mallaron nel máis de catro horas, ata que o tiraron ó mar. Calquer home de temple normal morreria afogado, pero Máximo Bruto nadou sete dias, cun brazo que lle quedaba, e axudado polas orellas -que milagrosamente tiña enteiras-, conseguindo acadala costa e poñerse a salvo.
«O Agrícola» no fragor da batalla
Foi Licenciado e feito Cidadán Román. Outorgándoselle en premio a súa entrega, dedicación, valentía e sagacidade, a finquiña antes citada, onde pasou os últimos setenta anos da sua vida completamente, pero completamente escarallado,... mais feliz por chegar a herói.
Segundo estúdios actuais, suponse que os romanos herdaron do "noso paisano" non só o "Sachum", senon tamén o acueducto, o arco de medio punto, a bóveda, a xeometría e mesmo o latín, que manda carallum!.
O que son as cousas, que se non fora polo "Cuevillas", o noso Máximo Bruto Barreiro «O Agrícola», seria un de tantos lexionarios anónimos que estercaron as estepas de Europa.
¡Gloria a Máximo Bruto Barreiro «O Agrícola»!
Lelo Da Pena
Fonte:
Relato publicado no Falabarato nº 17 de Xuño 1995, no apartado de «Galería de Personaxes Históricos Esquecidos».

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN