CARTAS D'ALÁ

Pepe Miñóns, o primeiro pola direita, con maletín e gafas, na factoría baleeira de Caneliñas (Cee).
DE FISTERRA A BARCELONA, POLA VOLTA DE RIO XANEIRO
Copia fidel dunha carta recibida en Rìo de Xaneiro e datada en Fisterra o 19 de Xaneiro do 1937, que pudo sair de Galiza agachada no seo dunha muller. Trátase de persoas honradas e dinas de fé, cuios nomes non se din por ter alá familia que pudera ser ouxeto de represalia.
Follas do Outono
Querido irmán: Como fai tanto tempo que non sei nada de ti, teño medo que che pasara algún mal, n’estes tempos en que todo esta revolto. Saberás que, desde o mes de xullo do ano anterior, que houbo un levantamento de tropas na Coruña contra o Goberno, en toda Galiza reina o mais espantoso medo, porque se fusila e persigue a todos cantos tiñan ideas ou compromisos esquerdistas. E polo que toca a este Partido de Corcubión, asusta o que pasa meu irmán, pois a todos os amigos de don Pepe Miñóns, persoa tan boa e amante dos probes, que non fixeron nada malo, zoupan n'eles como si foran cans doentes.
O 25 de xullo, chegou a Cee un camión cheo de fascistas armados con fusiles, ò mando do tenente da Garda Civil de Corcubión, Rodrigo Santos Outeiro, o mais grande criminal que se pode coñecer, e uníronselles deseguida a Garda Civil de Cee e Corcubión, e feixistas d'estes pobos. Logo de chegar ordenaron un tiroteo pol-o pobo matando ao Garda Municipal, Pedro Ozòn, e ferindo a outros varios, ninguén ten armas e ninguén fixo resistencia.
Queiman, rouban e asesinan no teu nome. Album Nós, Castelao.
Despois d'aquel día, veu unha chea de prisións, persecucións e crimes a eito, contra todos aqueles que se distinguiran nas eleccións de febreiro votando a Fronte Popular.
Encheron as cárceres de Corcubión e outros lugares que arranxaron como prisións, con xente de toda esta comarca. Os mais vagos e perdidos, metéronse a feixistas, e andan facendo as mais vergoñentas falcatruadas, sobre todo cos que eles coidan inimigos seus.
Ao Alcalde de aquí, Cipriano Fernández, radiotelegrafista, director da Estación deste Cabo, levárono a Coruña dicindo que tiña que ir declarar, e d'alí a poucos dias apareceu o seu cadáver preto da Arzúa, todo desfeito que poñía espanto.
Corcubión, década anos trinta.
N'este pobo tan miserento e probe, puxeron multas por máis de dez mil pesos, e houbo que ver tristes escenas entre os que non tiñan os cartos, nin quen llos prestase, pois levábanos presos a Corcubión e a Coruña, maltratándoos barbaramente. Non obstante non ter cometido, a xente de esquerdas, ningún abuso cando estiveron no poder, non lles valeu de nada ser bos, porque algúns que saíron presos de Fisterra, de Corcubión, de Cee, e dos outros pobos do Partido, non chegaron á Coruña e quedaron pol-o camiño asasenados. Entre eles figuran o alcalde de Zás, señor Varela, doce concelleiros, e o oficial do mesmo Axuntamento, Luís Cereixo; o alcalde de Vimianzo, señor Alborés, un irmán do mesmo, Manuel «Cordas», contratista de obras; o se-gredario e o oficial maior do mesmo Axuntamento, avogado Andrés Ferreiro Gavilàn e o señor Lamela, respectivamente, que era xordo; o maquinista Xosé Sardiña, de Corcubión; o rexistrador da propiedade que foi da mesma Vila, Anxo Garcia Toribio, que o asasinaron en Pontedeume; a mestra de escola, natural de Corcubión, Mercedes Romero, con cuxo cadáver ensañàronse brutalmente por estar casada co dirixente socialista da Coruña, Mazariegos, que xa o fusilaran n'aquela cidade os primeiros dias.
A un celador de telégrafos de Corcubión, chamado Daniel, fórono a asasinar preto de Santiago.
Da fábrica de Carburos de Brens (Corcubión), foron mortos os seguintes empregados, por teren pertencido a unha sociedade obreira: Norberto Recamàn, Xosé Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Xesús Chouza Filgueira, Florentino Canosa Barreiro, Manuel Garcia Castiñeiras, Domingo López Domínguez, o fillo de Granada de Brens, outro apelidado Moledo e Domingo Antonio, secretario da sociedade. Ao presidente da mesma, Victorino Blanco, déronlle unha tunda tremenda, rompéndolle os brazos e varias costelas, pero sin matalo aquel dia, ate uns cantos despois, que levárono d'ese xeito a Santa Comba, onde o asasinaron e despedazaron o cadáver.
>
Arriba os probes do mundo!.
Album Nós, Castelao.
Falta unha chea de xente de todos estes pobos; moitos están agachados. No pedregal do Pindo, no alto do monte, estarán agachados uns 120 homes d'esta comarca, uns dos reemplazos da Mariña que non acudiron á chamada, e outros simpatizantes do Fronte Popular. Como non teñen armas, nin alimentos, vense precisados a baixar do monte para buscar que comer, e aínda que os veciños protéxenos, non poden evitar que a numerosa garda que os vixía embaixo atrape algúns, que desaparecen, dicindo que os levan para o fronte, pero non se volve a saber deles. Algúns outros puideron fuxir, e os máis, detéñenos e din que os levan para a Coruña. Como aparecen algúns cadáveres de xente descoñecida, dise que algúns de aquí lévanos a asasinar a outro sitio para que ninguén poida recoñecelos.
A un fillo do comerciante de Corcubión, don Segundo Rey, chamado Luís, de 15 anos, estudante, déronlle unha paliza tan grande que morreu ao pouco tempo de resultas dela. A outro fillo do procurador don Xoaquín Fernández Vara, tamén estudante, téñeno gravísimo; e a un irmán d'este, déronlle unha tunda que o teñen a mal traer. Ao procurador do mesmo xulgado de Corcubión, e perito agrícola, que ti ben coñeces, Emilio Durán Graíño, perseguíano de tal xeito, apesares de ser home vello e enfermo, que se quixo matar dándose un corte no pescozo, e aínda que non morreu, perdeu a razón.
Represión golpista.
Arturo Souto, 1937.
Foron multados e destituídos : o xefe de Correos; o de Teléfonos, Manuel Díaz ; o de Telégrafos, Arturo Romaní, e o oficial, Antonio Barcala; o primeiro foi deportado a Cuntis, e o segundo a Redondela. Tamén destituíron ao mestre de Cee, Cándido Rodríguez a quen lle mataron un fillo, que non sei como se chama. A dona da fonda, Antonia Martínez “Poia”, despois de multala repetidas veces, leváronlle dous netos; a un deles matárono, a o outro ferírono. A probe señora, ao saber a noticia, morreu repentinamente na porta da casa.
Ó axudante de Mariña “Garrote”, apesar de que é moi dereitista, ten dous fillos que simpatizaban cas esquerdas e fixeron propaganda, e por esta causa foron condenados a cadea perpetua. A mesma pena déronlle a Manuel Trillo “Paula”, os tres de Corcubión, e aos veciños de Cee: Xosé Cernadas e Manuel Rodríguez, deportándoos ao presidio de Pamplona, non se sabe nada d'eles.
Xenocidio franquista.
Arturo Souto, 1937.
A os amigos de Pepe Miñóns que se salvaron destas salvaxadas, acribíllannos a multas, e agora, a moitos d’eles, estanlles embargando os bens. Figuran entre os máis perseguidos: o procurador Xoaquín Fernández, o avogado Xan Bugeiro, os comerciantes Segundo Rey e Antonio Teixeira, así como tamén Ricardo Xouvanova, a dona do café Basilio, ao mestre xubilado, Xan Díaz, médicos: Xan Esparis e Manoel Pardiñas e outros máis que non recordo.
Espantan as atrocidades que se están cometendo, principalmente a que fixeron co Deputado do Fronte Popular, Xosé Miñóns, de Corcubión. Despois de telo preso na Coruña desde o principio, condenárono a morte e a pagar unha multa de 1 millón de pesetas, a fins do mes d'outono, rematando por fusilalo o dous de decembro. N'este ínterim, tivérono tres ou catro veces en capela varios dias. Así estivo c'unha agonía alongada de mais de un mes, ate que foi fusilado, porque había interese en que desaparecera por parte dos seus inimigos que estiveron traballando, baixo corda, ate saíren coa súa.
Pepe Miñóns ca dona Maruxa ca pequena Pilar no colo e os irmáns.
Para darche unha pequena idea da moral d'este gran home que so aspiraba ao engrandecemento do seu pais de nacenza, ate sufrir tan terrible martirio, direiche que morreu perdoando a todos os seus inimigos, e finou como un valente, defendendo a berros os seus ideais de liberdade e democracia. Outra proba da entereza e lealdade que tivo, móstrase no feito de que despois de telo preso varios dias, ao comezo da guerra puxérono en liberdade provisoria; así estivo uns dez dias, aconsellábano todos que escapara, cousa que non fixo, porque non quería abandonar neses tráxicos momentos os seus amigos en perigo, e a causa que defendía. Non lles bastou matalo, senón que despois d'esta salvaxada, embargáronlle todo canto tiña, e despois foron a casa da viúva (que medio tola e enferma, vivía so para os catro filliños orfos, o maior de sete anos), e sacáronlle os mobles, tendo por elo que ir buscar teito e axuda a familiares dela, pois nada lle deixaron. A probe Nai e á Tía d'este novo mártir, puxéronlle unha chea de multas, e tamén lles embargaron os bens que herdaron dos seus pais.
"Negra Sombra"
de Federico Rivas Monteagudo.
A Xesús Miñóns, irmán do deputado morto, tivérono catro meses pechado na cadea de Corcubión, facéndolle ir con caldeiros de porquería a lavalos á fonte pública que hai no medio da vila diante da súa casa, para que o visen d'aquel xeito e medio en coiros, os veciños todos e a propia muller e a nai. Apesar de que nunca se metera en política, debeu librarse da morte a causa de que exerceu o cargo de vice-cónsul da República Arxentina, e debido a protesta do cónsul da Coruña, non lle pasou peor mal. Agora din que o mandaron desterrado a montaña de Lugo.
O irmán, o médico Manolo, tivo a sorte de saír uns dias antes do “golpe militar” para Madrid, e gracias a iso, non-o colleron, pero andiveron como tolos buscando para matalo, antes que ó seu irmán, e encartárono no mesmo proceso, facendo figurar n'el, entre outras cousas, que ía manexando un camión con explosivos, según din. Xa ves que calumnia tan grande, pois como che digo, xa saíra antes do “golpe militar” para Madrid.
Pluma estilográfica coa que Pepe Miñóns escribiu as súas derradeiras cartas á familia e amizades dende o cárcere da Coruña. Foto: Cristina Varela.
Non che digo nada dos dirixentes de Fisterra, nin das barbaridades que fan, porque conmigo non se meteron, e teño medo falar. Tampouco che mento, de outros lados d'esta comarca, mais arredados, porque aínda que me dixeron nomes de persoas que mataron, non-os coñecía, nin me lembro quen son.
En Vimianzo, Corcubión e Cee, os dirixentes mais criminais son, según se dí, o tenente da Garda Civil, xa nomeado Rodrigo Santos Outeiro e o seu fillo; o procurador Salvador Blanco, e o fillo chamado Chete ; o secretario do xulgado de primeira instancia, Augusto Abella, e o seu cuñado Pepe Trillo, xefe este dos feixistas do Partido; o alcalde de Corcubión. Francisco Trillo “Cámpia”; os fillos do médico Cándido Ramón, chamados Paco e Antonio, e os fillos de Figueroa. En Cee, o director da fábrica de Carburos de Brens, Eduardo Garrone (que é Italiano); o banqueiro, Perfecto Castro «Cú de ouro»; o avogado Paco Leis, e os fillos d'estes dous. Tamén lle botan moita culpa aos médicos Alexandro Sendón e Cándido Ramón, que din que foron os que prestaron declaración con Paco Leis, Augusto Abella e Salvador Blanco, e sobre todo o tenente Santos, no proceso contra o deputado Miñóns. Algúns destes e os outros que che nomeo, de Cee, son os que levan a culpa de teren contribuído á morte dos obreiros da fabrica, e d'outras persoas máis, así como das tundas e demais barbaridades que uns e outros fan e autorizan.
Non enterran mortos, enterran semente de libertade.
Album Nós, Castelao.
A fábrica de Brens, traballa día e noite, mais que nunca, en facer carburo e manganeso, e todo o que se fai lévano barcos alemáns e italianos.
Por aquí din que o vapor Alberto, da mesma fábrica, fondeado no porto, está sempre preparado para en caso de un levantamento, ou si visen as cousas mal paradas, fuxir con toda aquela xente, incluso cos dirixentes da Coruña e Santiago.
Tamén che direi, que teñen chamado ós quintos que lles correspondía entrar os anos 38, 39, e xa se fala de que axiña avisarán para os do 40.
Estamos pasando un fero inverno. Alimentos aínda hai, e non van caros, pero fallan cartos para mercalos, pois non se ve diñeiro por parte algunha. O que falla, ou escasea moito, e véndese a prezos que ninguén pode acadar, son as roupas, fíos, teas, calcetíns e medias, calzado, agullas e toda crase de ferretería e maquinaria; e o que non se dá no país.
En fin, meu irmán, avisa, por aí, de certa maneira, aos coñecidos, que non veñan a Galiza pol-o d'agora, mentres vivimos ca alma nun puño, pois non temos ningunha garantía, con tantas salvaxadas e crimes.
FONTES:
Carta publicada en “Nova Galiza”, nº 15, Barcelona, 01/02/1938.
https://www.elsaltodiario.com/memoria-historica/jose-minones-o-home-que-trouxo-luz-coruna-barrie

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN