O BARCO DA MEMORIA

Evasión
Os barcos que partiron da costa galega, nos tempos posteriores ao golpe fascista do 18 de xullo, levaban xente cun destino gravado na íntima bitácora: volver. Non habería que falar en realidade de fugas, senón dunha epopeia de salvación. Eran barcos que "zafaban" dunha morte segura, da cacería humana desatada en terra. Xunto coas vidas a salvar, aqueles barcos levaban un transporte valiosísimo, un tesouro laboriosamente labrado durante moitos anos, unha obra transmitida e continuada de xeración en xeración de loitadores: a consecución das liberdades e os dereitos humanos, a procura dun "habitat democrático" que dera un xiro copernicano á historia, que cambiara o signo fatal de séculos de dominación reaccionaria e escurantista. E tamén, dende diferentes ópticas, tomaba corpo a reivindicación dun autogoberno, o que os librepensadores republicanos e galeguistas denominaban “a redención da Nosa Terra”. Todo iso ía neses barcos. Moitos deses refuxiados, a quen o mar deu amparo "in extremis", foran protagonistas de episodios heroicos de resistencia, loitaran a peito descuberto, desvalidos na práctica, fronte a maquinaria pesada do armamento ao servizo da barbarie.
No fondo do mar.
Non esquezamos nunca, que o que trouxo aquel golpe -o fascismo español-, foi un réxime ilexítimo, un estado de excepción permanente, de guerra manifesta ou encuberta contra a propia poboación, prolongada durante medio século.
Aqueles “imperialistas fracasados”, como lles chamou Castelao, adestrados na guerra colonial, dirixiron o punto de mira das súas armas, cara ao propio país para conquistalo e coa confesa intención de “aniquilar a media España” se for preciso para arrincar de raíz a memoria da liberdade. Non esquezamos nunca que aquel golpe, e polo tanto o réxime que instaurou, foi un acto de alta traizón.
Entre os primeiros asasinados en Galicia polos golpistas atopábanse os gobernadores civís das catro provincias e os principais alcaldes e representantes do pobo, mais tamén os primeiros mandos militares, que podemos encarnar na figura exemplar do xeneral gobernador militar Caridad Pita, que morreu berrando “Viva a República!” diante do pelotón de fusilamento.
Non esquezamos nunca, que o propósito do golpe e o réxime de terror que lle seguiu, tiña por obxecto, como recollen as instrucións dos golpistas, decimar a poboación republicana, eliminar ás persoas que se significaran polos seus ideais democráticos e liberadores, o que os represores denominaban como decisiva proba acusatoria “o ter ideas avanzadas”. Así, nesa cacería humana que foi a guerra en Galicia, actuaron con especial asañamento contra traballadores e campesiños afiliados a sindicatos, ateneos ou organizacións solidarias, e cos homes e mulleres que exercían o maxisterio e eran vistas como as luces da República. Non esquezamos nunca que as dimensións da represión, continuada de xeito inmisericorde despois da guerra, co seu ronsel de execucións, campos de concentración e exilio, permítenos falar, na súa escala, dun “holocausto español”, pois había unha clara vontade e unha arañeira de procedementos especiais para eliminar a poboación “desafecta” co fascismo.
Todo pola Patria, a relixión e a familia!
Non esquezamos nunca, que o denominado alzamento militar do 18 de xullo, ese acto de alta traizón, foi parte dunha conspiración, entrenzada dende o comezo do réxime democrático do 14 de abril de 1931, e que os seus protagonistas contaron sempre coa complicidade e apoio do fascismo italiano de Mussolini e do nazismo alemán de Hitler.
Non esquezamos endexamais, que a resistencia que o pobo presentou, foi un exemplo que conmoveu ó Mundo. Así que non se trata soamente de condenar o fascismo, a destrución da legalidade democrática republicana e a dictadura que estragou a vida de xeracións, senón tamén, de facer a elemental xustiza de repoñer a verdade, de dar a coñecer a "épica democrática", de liberar a Historia das mans dos “secuestradores do pasado”, e sobre todo de devolver a luz, ao lugar da honra colectiva, os nomes espoliados, os de aqueles que sendo o mellor da humanidade, foron tratados como alimarias.
Volven os nomes. Cada un deles ten a forma dunha barca, a caligrafía dun ronsel na ardora.
Ao longo da historia, o mar foi para nós o primeiro dos camiños. O camiño do sustento, a xenerosa despensa. O camiño da emigración e do comercio. O camiño das ideas e das innovacións culturais. Podemos dicir que Galicia nunca estivo rodeada polo mar, senón arrolada polo mar, liberada polos camiños e eidos do mar. O mar, nos tempos escuros, estivo estreitamente vixiado. O mar sempre foi tratado como un sospeitoso. O retrouso do mar, a súa linguaxe secreta, é un convite sempre a recomezar. A arquitectura máis fermosa creada polo ser humano é a dos barcos. Esa é tamén, a forma que adoita ter a memoria cando quere avanzar, cando a memoria se sitúa no chamado “círculo de iluminación”, visíbeis como astros os soños compartidos, e pon rumbo a esperanza.
Si. Volven os barcos. Volven os compañeiros, Liberdade!.

Manuel Rivas - Cambados, 17 de xullo do 2006

Este é o Deus dos feixistas
Ilustracións do álbum "Atila na Galiza" de Daniel R. Castelao.

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN