FARXÁCOLAS: A PESTE DE 1569 EN COMPOSTELA

Gravado de Santiago de Compostela, 1669.
A PESTE DE 1569 EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
Ano calamitoso foi para a cidade de Santiago o de 1569, no que recrudecía una peste desenrolada tres anos atrás en varios pobos de Galicia, provocando incontable número de vítimas, a pesar das medidas sanitarias que se puxeron en práctica.
O Concello de Santiago, o 2 de Maio, mandou ó Bachiller Paz, médico titular da cidade, que visitara ós enfermos do municipio, “e ver que enfermidade teñen”, dando conta ó Concello. Coa prevención, de que curase de gracia ós pobres, “e atento ó traballo que nelo ten que poñer, ate que outra cousa se provea, aumentándoselle ós "seis mil marabedís" o seu salario, cando tiña asinado un salario de catro mil”.
A Danza Macabra.
Non consta o resultado do estudio do médico Paz, nin hai informes doutros facultativos sobre a enfermidade que, con varias alternativas, cebouse cruelmente no noso país, por espazo de algúns anos e a que, vulgarmente déuselle o nome de “secas (ou bubas) e nascidas”.
Mandouse poñer gardas as portas da cidade, para que non deixasen entrar mais que as persoas que trouxeran bastimentos, facéndose entre estes, predilecta indicación de troitas, reos e salmóns (consistorio do 6 de Xuño de 1569).
Extremouse a vixilancia, pois o Procurador xeral, Gómez Freire, fixo presente, que os veciños da Rúa do Vilar, queixábanse de que o escribán Silva, que vivía na Porta Faxeira, “por vender viño e outros mantementos, acollía na súa casa, persoas que viñan de todas as partes do Reino, sen que se soubese da súa procedencia, de terra san ou non”.
Dixo tamén que “Benavides ten xunto a Porta Faxeiras, unha casa pegada a cerca da cidade, pola cal, entran por riba do tellado de noite na cidade, moita xente de fora, que pode causar moito dano”.
No consistorio do 17 de Xuño, dispúxose que nas rúas e a bocanoite, se queimasen ramos de loureiro e romeiro “para esparexer os aires maos; que as rúas se refrescasen, dúas veces ó día e non anden porcos por elas”; que a herba palla e feixes de leña, se vendesen no Outeiro de Santa Susana e non dentro da cidade, porque entre os vendedores de estes artigos, podería haber “mozas e mozos danados”, e que se mandase buscar "triaca" (preparado polifármaco composto por máis de 70 ingredientes distintos de orixe vexetal, mineral e animal, incluíndo opio ou carne de víbora), pois non había nas boticas e era medicina importante.
Preparando a Triaca, do Tacuinum Sanitatis
Tal pánico chegou a cundir entre os santiagueses, que os veciños podentes abandonaron a cidade e o Concello quedou en cadro, asistindo ós consistorios so un dos alcaldes, un rexedor e o Procurador xeral, pois os demais capitulares, ausentáronse coas respectivas familias, deixando pechadas as súas casas.
A escaseza de víveres, orixinou serios desordes, promovidos pola “xente común”, que comezou por facer patente o seu malestar, destruíndo as Portas da Cidade.
O consistorio do 23 de Setembro ordenou “que se fagan as dilixencias precisas na Real Audiencia, para que se executen no alcalde e rexedores ausentes as penas establecidas, e que se chame a catro veciños de cada parroquia para que mañá veñan cos cuadrilleiros a tratar do que convén facer sobre a garda da Cidade”. O Procurador xeral ofreceu “traer informe do letrado para o próximo consistorio, sendo Deus servido de que se atope con saúde”.
Gravado da entrada a Santiago, posiblemente sea a Porta de Mazarelos.
O temor de ser vítimas da peste apoderouse da poboación. E sen embargo, unha parte do vulgo, aconsellada, sen duda, pola desaprensión e a ignorancia, chegou a chancearse dos que eran atacados do mal de secas e nascidas, chamándolles “farxácolas”, sinónimo de “persoas de pouco entendemento”. Por elo, a xustiza ordinaria, ditou un bando coa seguinte disposición:
“Na cidade de Santiago a dez e nove días do mes de Novembro de mil e quiñentos e sesenta e nove anos, os Señores Domingo Bermúdez de Saavedra, Xustiza e Alcalde ordinario da cidade e Fernando Ruanova, rexidor, entendendo na gobernación da cidade, dixeron que Noso Señor, foi servido de que houbese na cidade a presente pestilencia e era servido fose adiante, e sendo isto, algúns homes e mulleres, mozos e mozas con pouco temor de Deus Noso Señor, tomaran como Refyn (sic) de dicir ós que tiñan e enfermaban de secas e nascidas, que era o humor da peste, de chamar e dicir que eran "farxácolas", e isto o traían por común falar xeralmente as persoas de pouco entendemento, polas rúas, fontes e camiños: e porque esta praga, Noso Señor foi servido de dar, e non era xusto que se tratase ó semellante, por ende dixeron, mandaban e mandaron que, desde agora en diante, ningunha persoa, home ou muller, mozo nin moza de calquera calidade, sexan ousados de dicir nin digan en público, nin en secreto, que eles tiveran e viran ter e escoitaran dicir, tiñan “farxácolas”, so pena a quen o dixera ou falara ou tratase por calquera vía, lle sexan dados douscentos azotes e sexa desterrado desta cidade por catro anos; e así o dixeron e mandaron que se pregoe publicamente”.
Poucos anos despois, volveu a peste a invadir a cidade de Santiago e outros pobos de Galicia; e foi entón, cando o Arcebispo Compostelán D. Francisco Blanco, fundou o Hospital de San Roque, para que nel recibisen os coidados da ciencia médica, os pobres da súa diocese que se viran atacados do mal de bubas e nascidas, enfermidade a que o vulgo ignorante dera nun principio o nome de “farxácolas”.
Claustro do antigo Hospital de San Roque, Santiago de Compostela.
Fonte:
- “Notas Viejas Galicianas” por D. Paulo Pérez Costanti (O Bachiller Pérez)-Arquiveiro do Excelentísimo Axuntamento de Santiago, das Reais Academias Galegas da Historia e de Belas Artes de San Fernando-. Impreso dos Sindicatos Católicos – Vigo, 1925.

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN