O NÉCORAS

Eduardo Ponte Carracedo, O NÉCORAS (Campo das Hortas - Santiago de Compostela, 17/03/1886 - Capturado nalgún lugar preto de Santiago e paseado arrastrando o seu corpo polas rúas de Compostela, como un trofeo do "circo romano", na traseira do vehículo conducido polo criminal falanxismo no 1936).
Hai vidas que de ser recollidas nun libro, parecerían unha esaxerada fixación no apoderamento do cidadán ante un estado político-relixioso que o deprecia e acosa. Así é a desbordante e fascinante vida de, Eduardo Ponte Carracedo “O Nécoras”.
Nace en Compostela o 17 de Marzo de 1.886, na panadería do Pai, Antonio Ponte Arrochena no Campo das Hortas.
Foi un dos fundadores do colectivo “Xuventude Liberal” e participa nun mitin en memoria de Francisco Ferrer i Guardia no 1910 (un ano despois da súa execución, decretada pola xustiza Alfonsina).
En Xaneiro de 1912 secuestra a namorada Adela Garcia, para casar sen contar coa aprobación da familia dela. A meniña da Coruña, de alta posición social, ao pouco, o abandona por incompatibilidade persoal.
Segundo información periodística, en outubro de 1912, a consecuencia dunha lea entre O Nécoras e un garda municipal en Santa Susana. O Nécoras dalle unha malleira ó Garda, polo que foi xulgado e condenado a dous anos de cadea. Para evitar o ingreso en prisión, embarca para América, fuxindo do seu inmediato cativerio.

AVENTURA AMERICANA: EVITANDO A CADEA
Embarca facendo labores de panadeiro na cociña do barco, no que liderará unha protesta reivindicando melloras nas condicións laborais da tripulación. A dirección que comanda o barco decide desembarcar Ó Nécoras no primeiro porto no que teñan oportunidade, e queda na Arxentina, prescindindo dos seus servizos, deixándoo aterrado.
Contra finais da segunda década -a década da Primeira Guerra Mundial-, ao Nécoras o colle plenamente inxerido, nun forte movemento operario de orientación anarquista na zona da Patagónica (Terra do Fogo), loita na que destaca o liderado de varios emigrantes de orixe galega. Asentado na localidade de Porto Desexado, figura como un dos piares da Federación Obreira de Magallanes, traballa como escultor e dirixe o xornal Sud-Oeste. É detido no contexto dunha Greve Xeral en Abril de 1918. Ó pouco tempo de conseguir a súa liberdade, vaise ó veciño Chile, instalándose en Punta Arenas.
En Chile, e a resultas do seu compromiso co movemento operario, é detido no barco militar Centeno, deportándoo a primeiros do 1919 a Arxentina.
Na Arxentina instálase en Río Gallegos, onde volve resultar preso pola súa actividade subversiva. Desta é enviado a prisión situada na latitude máis austral do planeta, en Ushuaia.
Rematando a súa aventura americana nos inicios de 1920, cando o goberno arxentino lle aplica a Lei de Residencia (lei promulgada co único obxectivo de purgar ó País de activistas da esquerda operaria de orixe estranxeira), sendo deportado a España no 1921.

DEPORTADO DE ARXENTINA: DE VOLTA A CASA
Nas décadas dos anos 20 e 30 do século XX a figura de Eduardo Ponte tórnase nun referente público das esquerdas compostelás, sendo habitual a súa participación en comicios públicos. Quen o coñecera nesta época o lembraría como un “Anti-clerical incorrixible" e ovella negra dunha familia acomodada de padeeiros estabelecidos co campo das Hortas, asumindo a responsabilidade de conselleiro do Sindicato de Paneiros “A Espiga” da CNT, tomando protagonismo na Greve de 1921.
Fai anuncio público da sua intención de se presentar como candidato ás eleiçons de 1923 (ano do final da Restauración monárquica de Afonso XIII e comenzo da ditadura de Miguel Primo de Rivera que protexe a unha monarquía decadente e inútil).
A súa heterodoxia, non casaba ben cos encadramentos ideolóxicos excesivamente estreitos do persoal sindicado, o que provocará o enfrontamento coa organización sindical da CNT. A mediados da década dos vinte, decide afastarse da organización obreira e interromper a profesión familiar de panadeiro.
Decide montar un “bar” que lle permite o contacto público no que fluían viño, palabras e ideas, bautizouno co nome de “O Inferno”.
O seu profundo anticlericalismo, ten a súa orixe coa morte dunha prima, que un cóengo da Catedral deixara preñada. Obrigada a abortar na clandestinidade, morre da hemorraxia provocada a consecuencia da intervención. A sua fobia Anti-relixiosa a manifestaría, sempre que veia oportunidade. Persistindo en boicotear as procesións que pasaban pola rúa do Vilar. Nunha ocasión interpuxo diante da procesión un burro cunha cruz as costas. A súa incontrolábel paixón pola blasfemia diante de calquera cóengo que pasase onda ele, especialmente teimudo e ofensivo co canónico que provocou a morte da súa Tía.
Manifestantes pola continuidade das obras do ferrocarril en xuño de 1931. |
REPÚBLICA GALEGA: ESTATUTO AUTONOMÍA
A proclamación da República coas eleccións municipais en abril de 1931, que xa viña precedida da interrupción das obras do ferrocarril que conectaba Galiza con Madrid, na altura da cidade de Ourense, condenando ó paro a uns 15.000 obreiros. As mobilizacións obreiras proclaman en Ourense o Estado Galego.
O 27 de xullo do ano 31 organízase unha manifestación en Santiago. Na concentración-mitin da Alameda, toman a palabra militantes da Esquerda Galeguista: Xosé Carneiro Valenzuela, o dirixente sindical Eduardo Ponte “O Nécoras” e os nacionalistas retornados da emigración arxentina: Pedro Campos Couceiro e Antón Alonso Ríos (Sinor Afranio). Anuncian: “... imitar o exemplo de Catalunya, proclamando o Estado Galego como medio de evitar no sucesivo as continuas desatencións a Galiza por parte do Poder Central”; “... só a revolución poderá redimir a Galiza”; “... neste momento non nos interesa a República Federal Española, senón a República Galega. Invocando a proclamala por encima de todos os caciquismos, de todos os gobernos civís, de todas as arbitrariedades do Poder Central. Galiza está en pé, en aberta revolución, para conseguir a súa liberdade, a autonomía e a independencia absoluta” (El Pueblo Gallego, 28/06/1931).
No mesmo periódico (El Pueblo Gallego), Eduardo Ponte é presentado como: “... de coñecida ideoloxía comunista, e que rexeitou os aplausos do público congregado dicindo: que todos os cidadáns galegos, deben concentrar no corazón e no cerebro, esa forza espontánea do bater das palmas, e utilizala, para levar a forca a todos os que actualmente están vendendo ós galegos. Rematou co desexo dunha Galiza soviética se fai falla”.
![]() |
“Os presentes no mitin da Alameda, participaron dunha manifestación que se dirixiu a Praza do Obradoiro, izando a bandeira azul e branca de Galiza no Pazo do Concello, proclamándose o Estado Galego. Os manifestantes eran unánimes declarando a Alonso Ríos como Presidente da Xunta Revolucionaria, manifestando este que a Presidencia era do pobo”.
Ó ano seguinte, en marzo de 1932 en Ourense, manifestantes en protesta pola decisión gobernamental de paralizar novamente as obras do camiño de ferro, proclaman a “República Galega”, esta foi duramente reprimida polas forzas da orde -o goberno republicano entendía estas reivindicacións como desestabilizadoras da recente condición política republicana-, con disparos contra os manifestantes por diferente puntos da cidade das Burgas, que provocaron a morte do mozo republicanista Xenaro Ortiz Neira, recoñecido e lembrado “Martir Civil da Galiza” polo Partido Galeguista.
O 4 de xullo do 32 celébrase no Paraninfo da Universidade de Santiago a Asamblea de Concellos de Galiza, convocada polo Concello de Santiago, sendo o alcalde Raimundo López Pol, para dar un impulso Municipalista a elaboración definitiva do Estatuto de Autonomía. Nesta asamblea estaban representados todos os elementos políticos, administrativos, económicos e culturais de Galicia, decidíndose nomear unha Comisión para a redacción do anteproxecto. Se suceden seis meses de intenso traballo, con reunións desta Comisión todos os domingos en Santiago de Compostela, onde os nove ponentes (cinco deles do Partido Galeguista, entre eles Alexandre Bóveda que xoga un papel moi activo na configuración do texto, aportándolle unha calidade fiscal ó Estatuto modernizadora e única ate ese momento) refunden os anteproxectos e ponencias presentadas nun proxecto estatutario.
Na Asamblea do 17, 18 e 19 do nadal deste ano 32, entre debates de envergadura, se aproba o texto definitivo do Estatuto de Autonomía para Galicia, co apoio da representación do 84,7% dos concellos da Galiza. No Estatuto se recollen as bases políticas para a creación da futura República Galega.
![]() |
O Nécoras, retrato realizado por Díaz Baliño (Pai de Isaac Díaz Pardo), posiblemente na Falcona do Palacio de Raxoi, onde compartiron presidio. |
PRISIÓN E MARTIRIO
A relevancia pública que atinxiu, o converte na primeira vítima de calquera acción represiva. No 1934, a raíz da revolución mineira de Astúrias, foi detido de forma preventiva.
Cando se proclama o golpe militar-relixioso en xullo de 1936, busca refuxio nos restos do Castelo da Rocha Forte, os fascistas o atrapan e o converten nun dos primeiros ocupantes da Falcona, os calabozos do Pazo de Raxoi, que na altura tamén serán ocupados por Camilo Díaz (Pai de Issac Díaz Pardo), Ánxel Casal (Alcalde de Santiago e impresor), Xoán Xesús e tantos outros.
De Compostela é levado en comboio para León, ocasión que aproveita para fuxir. Lamentabelmente non consegue un refuxio seguro e é apañado de novo e asasinado.
Son varias as versións que circulan sobre como aconteceu a súa última detención e execución. Hai quen di que foi apañado á porta da sua propia casa; outros afirman que foi na casa dunha familia amiga e outros aseguran que o detiveron na Ponte da Rocha no paraxe da Amañecida en Compostela.
Sexa como for, non se lle deu unha segunda oportunidade e, despois de ser asasinado, o seu cadáver cuberto de sangue foi deitado na traseira do coche dos falanxistas, paseando o trunfo do irracional capitalismo relixioso-militar polas rúas de Compostela, coreando o Cara al Sol orgullosos da presa cazada.
Así morreu Ernesto Ponte Carracedo “O Nécoras”, un rebelde coa fonda certeza, de que só dispuña da súa vida para botarlle o pulso ó radical pensamento capitalista de “todo por e para a pasta”.
A súa existencia constituía un insulto intolerable para o excrecente e en auxe pensamento nazi-fascista, creado polo capitalismo da industria armamentística, coa benzón do Vaticano.
Para saber mais:
“La Patagonia Rebelde” de Osvaldo Bayer da Editorial Planeta;
“O Home sen Nome", novela de Suso de Toro.
Fontes:
- Tríptico publicado pola Associaçom Cultural “A Gentalha do Pichel”.
- “República Galega: A Historia por Facer”, de Cilia Torna. Publicado no Sermos de Galiza nº 559”.

