RAPID DE RIVEIRATORTA - 6 / ROYAL NAVY – 5
![]() |
Curiosa instantánea da Equipa do Rapid, pódese apreciar como pasaron do melón o balón. |
Recuperamos hoxe, non un personaxe, senón un feito histórico inacreditablemente esquecido:
"O Primeiro Partido de Fútbol acontecido na Europa Continental".
No ano 1.869, atopándose de manobras a Escuadra Inglesa en Villajarsia, o que empezou sendo unha pelexa de mozos novos e bébedos, que falaban distintas linguas na Romaría de "Santa Isaura do Monte" -abojosa dos virollos-, rematou cunha oferta por parte do Lord Almirante Míster Johnson, dirixida ó Señor Alcalde da nosa Vila, de lavalas ofensas e golpes, nun neutral campo de fútbol -oferta moi en boga naqueles tempos e entre aquelas xentes-.
O rebumbio que se montou nas aldeas do concello, foiche de “moito carallo”. Todos querían xogar!. Foi necesario facer unha primeira selección, descartando a tocos, coxos, cegos, chepas e encrequenados. Non foi adiante porque Paco "O Toco", que lle faltaban "oito dedos", demostrou as súas habilidades collendo melóns no ar, polo que por unanimidade acordaron poñelo de porteiro.
Para abreviar diremos que acabaron compoñendo o equipo de Riveiratorta: Paco "O Toco" de porteiro, Chicho, Miluchiño, Eleuterio e Mialma na defensa; O Torto, Pasiensia e Portujes na media, e na dianteira o esbaradizo "Pichinguiña", o rompedor "Pepe O Mulo" e o oportunista "Patacón".
![]() |
Momentos antes do encontro, o cura Don José de árbitro. |
Polos Ingleses formaron: "Porter" de goleiro, Bank's, Carringhtom, Johnson e Smith na defensa. Na media: Churchil, Boby Charltom e Johnny Walker. E na dianteira: Robinson, Ramiro e Cosme.
O encontro tivo lugar o 26 de agosto, ás 7 da tarde na leira de Rafael Pernastortas. Construíronse porterías ó efecto, e para marcar os límites do campo e as áreas, trouxéronse xeixos da canteira da banda de alá de Riobravo, o que provocou as protestas dos ingleses. Finalmente acordaron facelo coa area da praia.
Nas leiras colindantes a masa incrible de espectadores, “fodíalle” a colleita de millo ós seus propietarios, que non chistaban ante o que alí se xogaba.
Máis de 6.000 ingleses (todos os membros da Escuadra), e outros tantos paisanos esperando espectantes o comenzo do encontro. Cada quen desexaba que ganara o seu equipo, para deixar alto o honor da aldea por un lado, ou o do Imperio Británico polo outro.
De árbitro estivo o señor Cura "Don José", que se empapou no regulamento para a ocasión, e de linieres o capelán da escuadra inglesa "Míster James" e o comandante de posto da Juardiasivil "Cabo Mosteiro".
A diferencia técnica dos ingleses, acostumados a xogar con balón esferico e non, no mellor dos casos con melóns, ou cando a colleita era moi mala, con pelouros de seis kilos como os nosos paisanos, inclinaron pronto o prato da balanza a favor dos forasteiros.
A media hora da primeira parte ganaban os fillos da Jrán Bretaña 3-0, rematando o primeiro tempo cun vergoñoso 5-0.
![]() |
Simpática imaxen da Royal Navy en carro de vacas. |
No descanso, pais, nais, veciños e amigos dos nosos xogadores déronlles tal tunda de hostias, que espabilou ós seus membros unha cousa incrible.
A nosa "Invensible Formasión", como se coñecía o equipo na bisbarra, saltou ó campo ca seguridade de que unha derrota escandalosa sería a súa morte, e unha derrota honrosa, a que simplemente lles machicaran a patadas os collóns. A consigna era «Ou janar ou morrer!».
E así, "Pasiensia" no minuto seis da segunda parte, rouba un balón na súa área, arranca coma un tolo pola banda esquerda, pronunsia a histórica frase «espalládevos que sentro», jinda o esférico e "Pichinguiña" escornea conseguíndo o primeiro gol.
![]() |
Anos dispois do histórico partido, creáronse equipas femininas. Na imaxen, as capitanas saudándose antes do encontro. |
Nas leiras os ingleses sorrían con indulxencia e os nosos paisanos, que pouco antes toleaban de carraxe, suspiraban un "menos mal", que se transformaba nun látego de esperanza cando "Pepe O Mulo", cun «trallaso que nin diola» consigue o segundo gol.
A falta de dous minutos, o partido estaba empatado a sinco; goles de "Mialma", e dous de "Portujés".
Ajora tanto indíxenas coma estranxeiros, ajarrábanse das orellas e do pelo, no clímax de nerviosismo que os invadira, cando Don José -Diós o teña na jloria!- pitou un "penalti inexistente", contra o Rapid de Riveiratorta. Miles de gorxas proclamaron ó unísono o seu anticlericarismo. Pero «si Deus non é bo, o Demo tampouco é malo».
"Paco O Toco" parou a bola, este envia a "Pasiensia", que ó grito de «cada quén ó seu, e o resto ó ataque», lanzou ós nosos mozos dereitiños cara a portería contraria.
Pasou a "Chicho", este de «espola» a "Pichinguiña", que tras un «cano» e unha «boina maxistral», encara a área contraria. Desborda, con «pase ó oco», que recolle maxestoso "Eleuterio", que se desfai cunha increíble "bisicleta" do defensa anglosaxón, e fai o «pase da morte» a media altura, para que "Patacón", vindo desde atrás, nun "atlético reviracollón", marque cunha espléndida «chilena» por toda a escuadra.
Delirio, éxtase e final do partido, por invasión do terreo de xogo, de todo o público.
Os espectadores da terra, voltaron repentinamente a fé católica, e a "Capela de Santa Isaura", zafouse da queima de milagre.
Este feito ven recollido no "Falabarato de Riveiratorta" n° 6.854, do luns 28 de Agosto de 1.869. Descuberto recentemente e en exclusiva para nós -selectos lectores-, polo autor "Lelo Dapena", investigando infatigablemente no arquivo histórico: "Cronicae Riverae-Tortorum".
Lelo Dapena
Fonte:
Relato publicado no Falabarato nº 22 de Novembro de 1995, no apartado de "Galería de Personaxes Históricos Esquecidos". |



