A TUMBA DO FUXIDO DESCOÑECIDO

Ruíns de correaxe, avanzaron en posición de asalto contra a árbore, para descargar sobrada fusilaría contra aquel castiñeiro do que saíra a "fumata delatora". Eran falanxistas e gardas, actuando na maior das impunidades, contra un fuxido sen rostro nin defensa.
Os veciños escoitaron o estrondo dos fusís, que balearon durante horas naquel castiñeiro de aldea. Disparaban unhas xentes contra del, des-que descubriran fume entre os seus ramallos, unha mañanciña xeada. Alí estaba, fumando o seu caldo, un home agochado. Daqueles que se botaron ao monte.
O gando andaba ceibo polos montes, e os veciños, ollaban ao lonxe tristes e impotentes. Desde os labradíos e toxais pescudaban, logo de deixar eixadas e traballos. Ao pouco, gardáronse nas casa e, dentro delas, seguiron a palpexar os seus corazóns trementes. Os cans, tamén andaban agachados, para que non lles dese por ladrar.
Despois do estrondo da balaceira, veu un longo silencio, do que tamén quedaron ausentes os cantos dos paxaros. Mais voltou o tiroteo e, logo ao pouco, un, só un disparo bateu contra o avellentado castiñeiro.
Toupetearon os homes armados, e axitáronse ao pé da árbore. Dentro del, atoparon a súa presa. Un ser humano, cunha descargada e aferruxada pistola na man.
Aínda tiveron folgos, para deixar no oco do castiñeiro, unha bomba de man. Estoupou, e o home, e a árbore, ficaron esnaquizados.
Todas as primaveras, o vello castiñeiro, empéñase en agromar. E ano tras ano, pasado o crime, reviven as follas verdes da esperanza e da memoria.
Ninguén soubo dar razón do nome do acribillado. Ninguén soubo de onde viñera, nin tampouco se coñeceu dos seus familiares e amigos. Mais, hoxe mesmo, ante a tumba do fuxido descoñecido, todos os veciños e apañadores de cogomelos pasan diante dela con respecto.
Hoxe, lembramos a súa tumba ao pé do castiñeiro de Rairós. Aí estamos en pé, cando agroman esperanzas de tempos mellores, dando vida todas as primaveras xunto ao seu carón.
Porque, alí acouga, quen se quixo coidar da xeada, agardando pola liberdade.

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN