FESTAS PATRONAIS 1948 / 50 ANIVERSARIO DE LOIS CADARSO REI / SONETO AO BERBERECHO + ...
A BATALLA DO CAVITE (FILIPINAS)
O 1 de Maio de 1898 o capitán de navío Lois Cadarso Rei (Noia, 24/11/1843 – Cavite (Filipinas), 1/05/1898), xunto co seu fillo Demetrio Cadarso, alferez de navío que formaba parte do continxente militar no mesmo cruceiro que o seu Pai, falecen en combate nas augas da baía filipina de Cavite, comandando o cruceiro Reina María Cristina: "casco de madeira deseño antigo, construído facía 13 anos, con 3 pezas por costado de 16 cm., tendo que manobrar para usar todas as súas baterías dispoñible, facendo un total de 6 pezas de artillería"; defendendo as últimas colonias do vasto imperio español, contra a moderna escuadra norteamericana do almirante Dewey.
O almirante Dewey dirixía as operacións dende o acoirazado Olympia, de deseño moderno, construído facía 3 anos, con catro pezas de artillería de 20 cm., montadas en torre móbil, podendo efectuar disparos por estribor e babor, sen ter que manobrar o barco. E 5 pezas por costado, facendo un total de 9 pezas.

Escena da batalla naval de Cavite, cos buques españois no primeiro plano e a líña estadounidense a dereita. Cadro de Ildefonso Sanz Doménech.
En 90 minutos de bombardeiros da escuadra ianqui, morreron 381 soldados españoles -moitos galegos- e filipinos, sen que os norteamericanos sufrirán apenas algún resguiño.
En decembro deste ano asínase en París o armisticio de Washington, que liquidaba o Imperio Hispano coa perda de Filipinas, Porto Rico, Guam e Cuba. No ano seguinte España vende a Alemaña os arquipélagos das Marianas, Caroliñas e Palos.
A decadente, mentirosa, corrupta e ladra monarquía borbónica, igualmente o alto mando militar, indoente e indiferente ante a sorte dos seus subordinados e soldados, foron incapaces de negociar un acordo cos EUA que evitara esta matanza de mandos militares e soldados, podendo chegar a un acordo proveitoso para España.
1948
LEI DE SUCESIÓN Á XEFATURA DO ESTADO
Na política do Estado, destacar que a consecuencia da abafante vitoria no plebiscito celebrado o ano anterior polo réxime do ditador Francisco Franco, este se postulaba, por votación popular, como o lexítimo titular da Xefatura do Estado, fronte o novo orde que xurde após do final da Segunda Guerra Mundial e da derrota e colapso do fascismo italiano e o nazismo alemán, o "instrumental político" do capitalismo armamentístico.
O Ditador, elucubraba en imporse como Rei, contando para elo co apoio do Vaticano e da oligarquía capitalista española, fortalecida ao pairo do apoio ao golpe militar e posterior guerra de exterminio ideolóxico-físico e a instauración dun réxime de terror.
Neste ano, o ditador mantén unha tensa entrevista con Xoán de Borbón, fillo de Alfonso XIII e sucesor na liña borbónica da monarquía española, a bordo do iate Azor, ancorado nas augas de San Sebastián, acordando que o seu fillo Xoán Carlos estudará en España.
![]() |
Acto no Homenaxe ao Capitán Lois Cadarso da dotación militar do cruceiro “Canarias” asinando a rúa Corredoira Dafora na súa lembranza. |
O "acordo", desbota a ilusión do ditador de proclamarse Rei, a cambio o "infame Borbón" identifícase coa Ditadura, abríndolle a vía para a recuperación do ansiado trono polo seu fillo.
O príncipe Xoán Carlos (actualmente emérito e exiliado en Amu Dabi-Dubai), chegaba a Madrid no mes de novembro no tren Lusitania Express, era a primeira vez que pisaba territorio hispano.
A Lei de Sucesión franquista, declara a constitución ou restauración en España dun "reino", con Franco como rexente mentras viva.
CRONOLOXÍA
1 Febreiro: Falece o médico Jovita Rodríguez Romeu.
16 Febreiro: Renovación de Concelleiros no goberno municipal.
19 Abril: Presentación no Coliseo Noela da opereta cómica-musical “Dona Mariquiña do Meu Corazón”.
Combo da opereta “Dona Mariquiña do Meu Corazón”. |
DONA MARIQUIÑA DO MEU CORAZÓN
Presentación da obra “Dona Mariquiña do Meu Corazón”, comedia musical ou opereta cómica. Texto de Xosé Muñoz Román e música de Francisco Alonso, presentada en Madrid o 15 de xaneiro de 1942.
O combo noiés que o ano anterior representou “Xigantes e Cabezudos” (reposición da presentada nos tempos da Segunda República), presenta “Dona Mariquiña do Meu Corazón”, achegando ó público local as comedias máis destacadas e novedosas do panorama hispano.
A parella protagonista integrada por Leonor Reino e Francisco Vaamonde, acompañada por Emilia Caamaño, Clarita Fidalgo, Melecia Dominguez, Carmela Fidalgo, Maruxa Martinez, Olguiña Fernandez, Rosiña Gómez, Matilde Reino, María Martínez, Margarita Gómez, Rosiña Creo, Francisco Pérez, Xesús Arufe, Xosé Luís Pestonit, Xosé Brenlla, Xosé Suárez, Ramón Fiuza, Ramón Seijas, Santiago Martinez, Xosé Luís Rodríguez e Félix Louro. Escenografía a cargo de Eduardo Mariño Mirazo. Ten un carácter altruísta e a recadación é a beneficio do Asilo Municipal.
Esta obra é un claro expoñente dos novos gustos da revista, mudando o seu aspecto clásico, por un que se achega as comedias musicais de corte semellante as de Broadway (EUA) ou a revista espectáculo, sen que perda a esencia do sainete ou da comedia de costumes netamente peninsulares. Comedia de enredo, perfectamente executada, cun desenlace ben plantexado e resolto, cunha trama enxeñosa e chispeante. A música é un alarde de elegancia e modernidade na melodía, sen que perda a súa esencia.
Cabe destacar os números: “O Tiroliro”, o pasodobre “Xoves Santo Madrileño” ou a parodia dos dúos de zarzuela “Ai Mae, que noite aquela!”, que este combo de afeizoados de Noia, executa con solvencia e fai as delicias do numeroso público que asiste a súa representación.
![]() |
Portada do Diario de Barcelona do 5/05/1948 referíndose ao Homenaxe celebrado en Noia |
1 Maio: Conmemoración do 50 Aniversario da morte do capitán de navío Lois Cadarso Rei na Batalla da Baia de Cavite en Filipinas.
Cumpríndose o 50 aniversario da penosa batalla do Cavite, o almirante Luís Cadarso Rei recibe no seu pobo natal, o homenaxe das autoridades militares do réxime franquista. Na punta do muelle botaron 6 coroas ó mar: pola Mariña de Guerra, pola Vila de Noia e unha por cada provincia galega. Lois Xosé Xáudenes, bisneto do almirante Cadarso, de nove anos de idade, descubriu unha placa conmemorativa na casa natal do Alférez Luís Cadarso no Curro.
14 Maio: Remata o Mandato Británico de Palestina, encomendado pola Sociedade de Nacións ao Reino Unido no Oriente Medio, após da Primeira Guerra Mundial e como parte da partición do Imperio Otomano, co status de “territorio baixo mandato”.
Ao día seguinte se crea o Estado de Israel, provocando a guerra Árabe-Israelí, que se saldou coa vitoria de Israel. Estes asumen como propios, os territorios do 78% do mandato británico.
A Nakba (catástrofe palestina) se produce durante e pouco despois desta guerra, e define a expulsión e fuxida de 700.000 palestinos, o despoboamento e destrución de máis de 500 pobos palestinos e posterior borrado xeográfico, a negación do dereito palestino ao retorno, a creación de refuxiados palestinos permanentes e a desintegración da sociedade palestina.
24 Xuño: A URSS bloquea Berlín. Provocando o peche das fronteiras que compartían o Reino Unido e os EUA coa Unión Soviética no territorio alemán ocupado, e que se desenrolou entre o 24 de xuño ao 12 de maio de 1949.
30 Xuño: Asasinato de Mahatma Gandhi en Delhi (capital da India). Líder político que revolucionou o xeito de enfrontarse a colonización inglesa do seu país, cunha acción pacifista, de xexún e vida ascética, loitando por una restauración digna dos pobres e marxinados.
9 de Xullo: Peregrinación do Arciprestado de Postmarcos de Arriba a Santiago de Compostela. Presentando a ofrenda o alcalde Pedro Sáez Pichel.
25 Xullo: Daniel R. Castelao pronuncia o discurso “Alba de Groria” na conmemoración do "Día da Patria Galega" no festival do Centro Galego de Bos Aires celebrado no Teatro Arxentino. Discurso publicado neste mesmo mes no nº 463 de A Nosa Terra. Castelao manifestou que comezara coa escrita deste manifesto un ano antes, no 1947 en Marsella (Francia).
8 Agosto: Primeira retransmisión televisiva en España.
14 Agosto: Acta notarial que certifica a calidade e riqueza marisqueira da praia de Testal, realizada polo notario da localidade Cesáreo Vázquez Ulloa.
SONETO AO BERBERECHO: 2.252 BERBERECHOS m2 x 0,25 m.
O alcalde Pedro Sáez aproveitando a visita das máis altas autoridades da Mariña Española, que acudiron ó 50 aniversario da morte do Capitán Lois Cadarso Rei, celebrado o 1 de Maio deste ano, informa ó almirante Moreno da perigosa intención de transformar o importante e vital banco marisqueiro para a Vila, nun negocio privado.
Meses despois, o alcalde solicita a intervención do Notario Cesáreo Vázquez Ulloa, para que certificase a calidade e riqueza marisqueira de Testal. Levantando a seguinte acta:
“Na vila de Noia a catorce de agosto de mil novecentos corenta e oito. Eu Cesáreo Vázquez Ulloa, Avogado-Notario residente na localidade, e pertencente ao Ilustre Colexio da Coruña. Dou fé: Que fun requirido polo Sr. Alcalde deste Excmo. Axuntamento, Pedro Sáez Pichel, en unión do Primeiro Tenente Alcalde Xosé López Pérez, do Concellal Alexandre Barreiro Lafuente; do Secretario de dita Corporación Constantino Sieira Bustelo; do Xefe da Garda Municipal Xosé Arufe Maián; do Patrón Maior da Confraría de Pescadores de San Barlolomé de Noia, Xesús Martínez González; e dos mariñeiros Manuel Arufe González e Luís Carreño Torea. Son todos maiores de idade e veciños desta vila; solteiro, Xesús e casados os demais.
Ten por obxecto o requirimento, solicitar do Notario, trasladarme acompañado de todos eles a praia da Telleira, no paraxe sitúado entre Pedras e Mexilloeiro, a fin de observar a cantidade de moluscos, coñecidos co nome de “berberechos”, existentes dentro da extensión dun metro cadrado, ate a profundidade de vintecinco centímetros.
Aceptado o requirimento e sendo as dezaoito horas, constituinme acompañado dos Señores requerintes na praia da Telleira, paraxe antes indicado, e a unha distancia aproximada de noventa metros da mentada veciña “Telleira do Casal”. Procedeuse seguidamente polos mariñeiros e Patrón da Confraría de Pescadores, a extraer os berberechos que se atopaban na área de 1 m. x 0,25 m. de fondo.
Efectuado o reconto dos mesmos, resultaron ser dos mil douscentos cincuenta e dous (2.252) berberechos.
Observamos así mesmo, que nos demais lugares da praia onde se removeu a area, apareceron “berberechos”, e que na zona onde chegaba a auga no fluxo da marea, chegaba con rañar a superficie da area coa man, para que quedasen aqueles ó descuberto en gran cantidade, denotando a existencia dun riquísimo criadeiro natural.
Manifestan os mariñeiros asistentes, que na mesma zona, adentrándose un pouco no mar, a unha distancia de menos de douscentos metros da terra, acostuman a pescar bastante ostra e ameixa.
Con todo o cal, dase por conclusa a presente acta, que leo integramente pola súa elección dos requerintes, quenes se ratifican e asinan.
A certificación notarial, daba ao traste co argumentario do Axudante de Mariña da improdutividade da praia, e aliviaba a denuncia deste, contra Eduardo Mariño Mirazo e Francisco Pérez Morales autor do “Soneto ao Berberecho”, e que os acusaba, de ser os instigadores das protestas que mobilizaron as mariscadoras contra a privatización de Testal, e que se resolverá o próximo ano no xuízo a celebrar na Audiencia Militar de Ferrol.
22/29 Agosto: Actuación nas Festas Patronais do Circo Price de Madrid, no campo do Triquinai (onde se situa actualmente o Polideportivo Municipal). Era a primeira vez que un circo actuaba na localidade.
PROGRAMA FESTAS PATRONAIS 1948
Formato: 10,50 x 15,80 cm. (de peto)
Impresión: Tipográfica, a 4 tintas. Texto interior en azul, programa festivo en vermello -páxinas centrais-, a publicidade en vermello, azul e verde, a portada e contraportada en negro.
38 Páxinas:
- 18 pax. numeradas: 1/2-Rincones de Lenda: A Calexa d’as Bruxas, de Andrés Rodríguez Millares; 2/3-S.O.S. (Artigo do ABC de Madrid) de Gonzalo Fernández de la Mora; 4/18-Percorrido de Sabor Histórico de F.P.M.
- 14 pax. con publicidade: 7 en páxina completa + 5 con dous publicitarios + 2 con tres publicitarios.
- 4 pax. co Programa das Festas que ocupan as páxinas centrais.
- 2 pax. coa portada e contraportada coa publicidade da imprenta anfitrioa e promotora do programa festivo, Inocenta Loroño Laciana.
Como curiosidade, nas paxs. 28 (impresa)/29, que son a antepenúltima/penúltima según as contamos, a folla que falta está cortada, poñéndolle un selo en vermello do Concello, como atestigüando a corrección-censura?, pudo o compoñedor intuir que podería ter problemas o que podía estar impreso nela e xá a situou ó final para facilitar o corte da folla?, ou simplemente quedaba unha folla en branco e quedaba mellor sen ela?.
![]() |
Casa de Mercedes Cobas e Patricio no Forno do Rato (Plumilla de Paco Ferrador). |
29 de Setembro: Falece Mercedes Cobas Lojo, distinguida pianista que formou a varias xeracións en diversas facetas artísticas, casada con Patricio Pérez Morales e Nai de Arximiro Pérez Cobas viola solista da Orquestra Nacional de España, da Orquestra de Cámara do Palacio de Oriente coa colección de Stradivarius.
20 de Outubro: Falece Leopoldo Xáudenes Cadarso, capitán da Mariña Mercante e Subsidiario da CAMPSA en Santiago.

Francisco Romeu Branco (n.San Pedro de Tállara (Lousame), 21 de outubro de 1838 - m.Noia, 21 de novembro de 1918) exerceo como médico, investigador e divulgador centífico, Catedrático e Rector da Universidade de Santiago e Senador español.
26 Outubro: Falece Lucila Romeu Molezum, filla do catedrático de Anatomía da Universidade de Santiago Francisco Romeu Blanco da aldea de Vilar de Tallara.
No seu testamento realizado en Madrid o 24/07/1947, Lucila Romeu M. facía figurar unha cláusula para a creación dunha fundación co nome do seu Pai destinada a asilo para pobres: “… dispoño que todos os meus bens, despois de pagar gastos, se destinen a construír unha Fundación Benéfica na memoria do meu Pai, co nome de Romeu Blanco, establecéndose nunha das fincas de piñeiral que poseo no Vilar de Tallara, para adicala a asilo ou residencia de anciáns pobres”.
Nunca se cumpriu esta petición testamentaria, xa comezando co Padroado constituído por velar polo seu cumprimento, que adoptou como primeira medida adquirir unha finca en Noia para a súa construción. Logo se fusiona coa Fundación “Marqués de Monroy". Coincidencia que no Programa das Festas Patronais, Don Pakito (F.P.M.) na súa aportación de "Un Recorrido con sabor Histórico" das páxinas impresas 4/18, dende a 7 á 16 relata o orixen desta Fundación Monroy e os entortos administrativos para a entrega dos bens da Fundación e destinalos ao fin para o que foron donados, rematando cunha semblanza das boas condicións nas que vivian as anciáns pobres no Asilo Municipal.
Co tempo, que o branquea todo, os fondos diñeirarios se foron esfiachando entre os administradores ate a desaparición de ambas Fundacións.
As novas investigadoras deberán poñer o foco neste asunto, para que o espírito destas predecesoras siga paseándose polas rúas e lugares de Noia e do Mundo.
10 Decembro: A ONU asina en París a Declaración dos Dereitos Humanos como garante da salvagarda da dignidade humana, após a destrución de Europa, Rusia e por extensión do resto do Mundo, provocada pola infame industria armamentística.
![]() |
Membros do primeiro Padroado da Casa de Rosalía de Castro con Gala Murguía. |
28 Decembro: Constitúese a 1ª Xunta de Goberno da Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. Participa como representante da familia e filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, Gala Murguía, e entre outros personaxes: Borobó, Otero Pedraio, Manuel Gómez Román, Fermín Bouza-Brei, Iglesias Albariño, ….
FONTES:
- “MEMORIAS DO FRANQUISMO: A Época do Wolfran en Lousame-A Corporación de Noia en Meirás” de Xerardo Agrafoxo. Publica: Editorial Toxosoutos.
- “EFEMÉRIDES NOIESAS” de Manuel Hermida Iglesias (Fanaraco) e Xosé Agrelo Hermo (Pepe Agrelo). Publica: Eco Franciscano, 1971 – Santiago.
- “NOIA: Ribeiras de Mar Enxoito”, da Sociedade Liceo de Noia.
- “A Batalla de Cavite” de Enrique C. López Veiga. Colección “A Fraga Universitaria da Editorial IR INDO, 2002.
- Folleto da Comisión de Cultura do Concello de Noia, en homenaxe a “Arximiro Pérez Cobas” en Setembro 1984.
- DIARIO NÓS
- WIKIPEDIA
PUBLICADOS:











