O BALDAQUINO: FRISO DO NACENTE (A VIDA)

O “baldaquino” (italianismo para "baldachino", que provén de Baldac, nome con que se coñecía na Idade Media a cidade de "Bagdad") é unha especie de templete formado por catro columnas que sosteñen unha cúpula ou dosel plano, destinado a cobexar o altar cando ten posición illada. Tamén denomínase “ciborio” (do latín ciborium), aludindo a súa forma de copa invertida.
Maqueta do Baldaquino exposta en Santa María a Nova, por iniciativa do autor do artigo, Manuel Ces Canle.
BALDAQUINO: O FRISO DA VIDA
No «friso do nacente», podemos observar cinco medallóns entrelazados entre si por un cordón (de estilo celta) ou discos (adornos característicos na arquitectura románica).
O número cinco é considerado positivo en moitas relixións. Na cultura celta é o número dos deuses do panteón céltico. Deuses que foron asimilados polos romanos: Lug a Mercurio, Dagde a Xúpiter, Ogme e Nuada a Marte, Diancecht e Mac Oc a Apolo, Brigit a Minerva, ...
As cores tentan ser o mais parecido as utilizadas na obra orixinal.
O cinco era chamado polos pitagóricos "número nupcial" ou "arquetino (exemplar ideal)", abstracto da xeración, pois xunta o primeiro número par, chamado "matriz", co primeiro número impar, chamado "macho" (2+3=5). O cinco tamén é o número da harmonía e da beleza, en particular do corpo humano. O pentáculo, polígono estrelado ou estrela de cinco brazos, foi o símbolo do amor, creador da beleza viva e harmoniosa, expresión dese ritmo impreso por Deus á vida universal. Nesta relixión é o número de ouro, polo que pode que, o dos cinco medallóns non sexa coincidencia.
Que os cinco símbolos estean gravados dentro de discos, pode ter un significado mitolóxico máis que decorativo. O círculo forma contraste co cadrado. Simbolicamente, no cristianismo o círculo representa a Deus e ó ceo, o cadrado á terra e ó home. Na Idade Media, o círculo era de vital importancia na arquitectura sagrada. Unha vez elixido o emprazamento para a construción do templo, cravábase un pao e marcábase o sistema «Gnomon (indicador das horas nos reloxos de Sol)». A sombra do pao, marcaba no círculo a separación máxima da mañá da tarde, co cal xa se tiña o primeiro paso para o trazado do templo; isto danos a importancia que ten o círculo. Unha representación significativa e coñecida pola maioría dos lectores son as cruces da consagración da Catedral de Santiago (ano 1211), existentes nas naves laterais e na cirola; estas, están labradas dentro dun círculo en altorrelevo.
O primeiro medallón, comezando pola esquerda, podemos interpretalo como unha cruz dentro dun círculo, neste caso decorada posiblemente con catro pétalos ou corazóns (a cruz en ningún modo nos reflexa un símbolo exclusivo do cristianismo, xa que é empregada por outras culturas incluso anteriores ó cristianismo).
A cruz céltica, como símbolo xeral da cruz, está inscrita nun círculo e a diferencia con respecto ó medallón en estudio é que na céltica, na maioría dos casos, sobresaen as extremidades do círculo e é coñecida co nome de "cruz de queste".
Na iconografía cristiá, a cruz dentro dun círculo é signo de consagración... Roda solar decorada. Cruz circunscrita de catro raios, antigo símbolo precristián do sol e da luz, que se converte en signo de vida que trae o reino de Cristo ó mundo (símbolos similares a este foron empregados polas primeiras comunidades cristiás, nos primeiros séculos do cristianismo, primeiramente foi o emprego dos símbolos en sartegos e en estelas funerarias, como identificación dos enterramentos cristiás, teles como as estrelas das tumbas de Castillós (Monforte) -a devoción ós símbolos e ás imaxes comezou a principios do século V-. As cruces circunscritas foron empregadas ata ben entrada a Idade Media).
No contorno da Catedral de Santiago (Travesía da Quintana), concretamente na cabeceira da capela da Corticela, podemos ver unha cruz circunscrita, posiblemente das poucas existentes en Galicia.
O segundo medallón trátase dun libro aberto, cunha man apoiada sobre el, como indicando a lectura a seguir. A este medallón igualmente poderíamos darlle infinidade de interpretacións, con resultados moi similares. É dubidoso que o símbolo do libro faga referencia á mitoloxía céltica, xa que os druídas (sacerdotes celtas), sendo coñecedores da escritura, tiñan prohibido terminantemente escribir sobre os seus coñecementos. Estes transmitían os coñecementos ós iniciados no druidismo de forma verbal, de aí o gran baleiro sobre o coñecemento da vida desta xente, xa que os datos literarios que se coñecen son de historiadores estranxeiros e estes, a maioría das veces, obtiñan a información a través de segundas persoas. Historiadores contemporáneos dubidan da credibilidade destes datos literarios, xa que estaban a tratar sobre a vida da xente que consideraban os seus inimigos.
Nalgúns tímpanos das portas dos templos cristiás, podemos ver as referencias que se fan o libro aberto. Este pode figurar, entre outras representacións, na imaxe de Cristo en maxestade ou en gloria (imaxe de Pantocrátor), o Señor do Universo sentado no trono, coas mans erguidas, a dereita, en actitude de bendicir, e a esquerda, co libro no que están consignadas tódalas accións dos homes, que se designan como alfa e omega. Podemos considerar este medallón, como símbolo da vida.
O terceiro medallón, posiblemente se trate do Deus do Sol e pode relacionarse coa relixión celta ou celtibera así como coa cristiá.
Entre as divindades celtas, a principal e Lug ou Lugus. É unha divindade Solar, un deus politécnico (hábil en tódalas artes), o deus dos deuses máis pequenos. Algúns autores pensan que na época cristiá existiu algunha transferencia de funcións luminosas e solares de Lug a San Miguel, posto que santuarios galorrománicos dedicados a Mercurio (os romanos asimilaron a Lug con Mercurio), convertéronse coa cristianización, en centros dedicados ó arcanxo San Miguel. Outra divindade foi Belenós, un deus solar curandeiro, susceptible de ser asimilado con Apolo, ....
A representación do Sol na relixión cristiá, é de gran importancia. Un templo cristián é un templo solar destinado a unha liturxia solar. «Cristo Rei» é a luz do mundo, foi asimilado de forma natural ó sol, como símbolo máis adecuado a súa divindade. O sol, que xorde polo nacente é símbolo de xustiza, de inmortalidade e resurrección. O ano luar de 354 días, foi substituído polo ano solar de 365 días, os 12 días que os separaron, deron lugar as solemnidades do Nadal e da Epifanía. A «Navidade», que orixinalmente celebrábase o día 6 de xaneiro, a igrexa latina trasladouno para o 25 de decembro; deste xeito, a igrexa substituía o culto ó Sol, polo culto a Cristo. O día 25, designouse como a «Natividade do Sol Invencible».
O cuarto medallón, é unha repetición do segundo. A diferencia deste é que posiblemente estean labradas dúas mans, unha en cada parte do libro; dicimos posiblemente pola dificultade de descifrar con exactitude de que se trata, polo afectado que se atopa e pola abundancia de liques. Unha representación que é similar a esta, é a que se facía no medioevo dos anos 1170 polos "monxes copistas", representados por un libro aberto, con dúas mans, sostendo nunha man unha pluma e na outra o corno da tinta, pero dubido de que este medallón faga referencia ós "monxes copistas".
Antoñeta Castro (autora do gravado), ante a dúbida, representa este medallón co libro sen máis símbolos, para non crear interpretacións erróneas.
O quinto medallón é outra repetición do terceiro. A súa interpretación, é unha incógnita para nós, seguramente teña relación coa interpretación dada ó terceiro medallón. Unha figura similar a estes dous medallóns, é un "fragmento cerámico numantino", con cabeza en relevo. Cabezas labradas en pedra, foron atopadas en escavacións realizadas en castros xa romanizados en Galicia e fora de Galicia. Esta cultura de representar cabezas, continuou ata a época Medieval, e algunhas edificacións desta vila son un bo exemplo. Tampouco se debe descartar a posibilidade de que se trate de máscaras ocultando o rostro de divindades, frecuente na cultura celta.
Despois da incógnita deste quinto medallón, fágome as seguintes preguntas, porque a representación dos dous libros, coa posible variante de que nunha figure unha man e na outra dúas, motivo aparentemente insuficiente para xustifica-las dúas representacións. O segundo e o quinto medallón, idéntico ó terceiro, coa mesma xustificación aparentemente co cuarto medallón. Cal é o motivo de que estes medallóns estean intercalados?, este punto podía resolve-lo enigma.
O Baldaquino figura na actualidade cun teito en forma de pirámide, polo que se pode apreciar claramente que non pertence a obra orixinal. Para nós é dubidoso que fora concibida con teito, excluíndo os nervios e o "rosetón" que fai de clave dos nervios; estes nacen nunhas bases circulares que se apoian nos capiteis das columnas.
O rosetón, ten labrado na parte inferior unha piña, e a parte superior está formada por aneis, que se van reducindo en diámetro.
Manuel Murguía, menciona unha cruz de bronce existente neste baldaquino, pero ninguén puido comprobar a súa existencia; de existir, ben puido figurar como símbolo de cristiandade, neste remate final.
Para min, estamos ante unha obra dos primeiros séculos do cristianismo, que non está ubicada no seu emprazamento orixinal, e que posiblemente, fora tamén utilizado para posibles celebracións de "rituais precristiáns".
Fonte:
"O Baldaquino de Santa María a Nova" de Manuel Ces Canle.
Publicado na revista Alameda da Sociedade Liceo de Noia.
PUBLICADOS:

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN