O BALDAQUINO: FRISO DO POÑENTE (A MORTE)

Friso do Poñente. Foto de Ruth Matilda Ánderson 1926.
O Baldaquino do Campo Santo de Santa María a Nova é unha reconstrución, ben por risco de derrubamento ou por traslado de lugar, posiblemente sea por traslado.
Na actualidade presenta unha planta cadrada de 3 x 3 m. Nos extremos da planta arrancan columnas directamente da terra, algo pouco frecuente, xa que o normal sería que dispuxera de bases. As columnas son de 0,50 x 0,50 m., cunha altura media de 3,7 m., con estrías nas catro arestas, as cales non gardan simetría entre si. As columnas rematan en capiteis de pouco grosor con molduras de caveto (cóncavas); de cada columna sobresae un canzorro; que tampouco gardan a mesma relación na altura. O coñecemento da misión destes canzorros daríanos unha luz moi importante dos posibles ritos celebrados neste Baldaquino.
A parte superior está formada por catro frontóns cunhas medidas aproximadas de 2,90 m. De longo, 0,50 m. De alto e 0,15 m de espesura. Dous teñen labrados uns encaixes nos extremos, que posiblemente serían para entrelazarse entre si; estes non gardan unha orde construtiva con respecto os capiteis.
A parte do pano que queda entre os capiteis está rebaixada e decorada. Na parte inferior comezan cunha estría similar á das columnas e continúa cun plano rebaixado do que sobresaen catro canciños imitando o soporte dun aleiro; este é posible que estivese decorado con dentes (dentículos).
O máis interesante desta obra está na iconografía, gravada en altorrelevo en dous frisos. A orientación ritual destes frisos é: nacente e poñente; é dicir, mirando ó nacente estaríamos vendo o friso do nacente e o outro friso situado cando miramos ao poñente. Imos comezar por este último, para así axudarnos del e interpretar o do nacente.
Friso do Poñente. Gravado de Antoñeta Castro.
O friso do poñente ten a seguinte representación: comezando pola dereita temos un porco/a que é perseguida por un can que axuda na persecución ó guerreiro que vai montado nun cabalo, en actitude de lanzear a presa.
Estas figuras foron representadas polo artesán medio axeonlladas, dado as reducidas medidas do friso. O obxectivo principal é a caza do porco.
O poñente como orientación ritual, que como na maioría das relixións, representa o final, ou o que é o mesmo "a morte".
Este altorrelevo é practicamente idéntico ás figuras da estatuíña de bronce atopada en Mérida. A estatuíña trátase dun carro de guerra (celtibero). Actualmente atópase no museo de Antigüidades Nacionais de Saint-Germain en Laye (Francia). As relixións que están relacionadas con esta iconografía son: celta, celtibera e cristián.
Entre os historiadores e investigadores se cree, que a relixión en Galicia sería unha mistura entre a relixión practicada polos celtas e a celtibera. Parece seguro que os poboadores desta terra eran coñecedores da cultura celtibera.
A estatuíña aparecida en Mérida, Jean Markale dalle a seguinte interpretación: "Este carro representa unha cacería de xabaríns, na mais pura tradición dos relatos mitolóxicos irlandeses e galeses, particularmente a cacería do xabarín Twrch Trwyth emprendida polo rei Arturo".
Heroe Celeste dando caza o xabarín infernal. Estatuiña de bronce atopada en Mérida.
Xaquín Caridad Arias (catedrático de filoloxía moderna e celtólogo) fai a seguinte interpretación da estatuíña: "O heroe celeste tenta dar caza o xabarín infernal".
Jean Markale di que o xabarín é un animal sagrado entre os celtas, e di do Porco branco: "é xabarín fantástico ó que o heroe persegue e o leva ata o Outro Mundo. Descubrimos entón que o Porco Branco era un dos aspectos do fado do Outro Mundo, o que ven sendo, unha antigüidade feminina que se namora dun mortal".
Esta interpretación dos investigadores da estatuíña, da lugar a confusión por nomear no mesmo apartado o porco e o xabarín, xa que simbolicamente teñen distinto significado. Na mitoloxía céltica, a porca branca é a fada do outro mundo, ou unha antiga divindade feminina que se namora dun mortal.
Na iconografía cristiá, a porca branca é representada como un exorcismo de Xesús, que expulsou os demos dos corpos posuídos e fixoos entrar nunha piara que tirou ó mar. Tamén é símbolo de voracidade, ignorancia, egoísmo e luxuria. San Clemente de Alexandría, citando a Heráclito, dicía: "A porca goza na lama e no esterco". Empregado como símbolo de burla, sobre todo no xudaísmo, representando unha sinagoga montada sobre un porco.
O Baldaquino. Foto: Juán Fernán Bello
O xabarín na cultura celta, xeralmente é un símbolo positivo. Empregado polos guerreiros, como símbolo de valentía, enfrontándose ferozmente co enemigo, estando ferido mortalmente. Pausanias, viaxeiro e xeógrafo grego do ano 150 d.C., dixo dos guerreiros celtas: "combaten coa desesperación do xabarín mal ferido; que aínda tendo o corpo cuberto de saetas segue buscando ó seu inimigo. Chegando ó punto de inmunidade ante a dor dunha lanza clavada no seu corpo, que a outros houbera forzado a quedar no chan aullando da dor, eles a arrincan do seu corpo, e coa mesma embisten contra os seus rivais. Nin os machados, nin as espadas, nin o lume os forza a recuar. A cega cólera xamais os abandalla, se lle quedan folgos. Téñoos visto incorporarse agoniantes, tentar de seguir pelexando e, logo morrer de pé, ...
Na relixión cristiá, primeiramente era símbolo de salvaxismo e posteriormente foi un símbolo positivo. Cando na fraga buscou protección dos ermitáns contra os cazadores, pasou a ser atributo de San Calumbano e San Emiliano.
Entón, a interpretación deste friso do poñente do Baldaquino pode ser: "O guerreiro celeste, axudado por un can, persegue a porca tentando darlle morte ou expulsala da vida terreal"; polo que é unha iconografía representativa da morte.
Fonte:
"O Baldaquino de Santa María a Nova" de Manuel Ces Canle. Publicado na revista Alameda da Sociedade Liceo de Noia.
PUBLICADOS:

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN