ULTREIA: SEGUNDA XEIRA (2/3)
“Pola noite, teño a ansia de escoitar a verba agarimosa de Castelao. Por fin chega a xente, e acomódome para non deixar escapar nin unha soa das súas verbas, pero pronto teño que poñerme de pé, pois é tal a afluencia de xente, que a sala non é capaz de que podamos estar sentados.
Pronto chega Castelao e unha salva de aplausos acolle a súa entrada na sala, que xa está chea de xente.
Cóntanos Castelao, os desprezos de que son obxecto os galegos nas demais rexións da Hispania. Logo le versos de autores casteláns, que son un verdadeiro insulto para Galicia. Prosigue resaltando a falta que fai preparar a xuventude para o día de mañá, e remata dicindo que esa xuventude serán os "ultreias", o que aplaudo cunha ilusionante fé e esparanza.
Logo concorremos à cea que no seu agasallo está preparada. O fago cun apetito sen igual, pois xa fai dous días que xantamos á maneira dos mariños, a pesar de que unha cea así non debe ser tomada con esa voracidade.
Despois da cea, na compaña de Carlos, íamos brincando de contentos, a chimpar no correo unha carta para casa.
Chegamos ó muelle, a marea está baixa e todos en terra discorrendo o modo de embarcar no Xaquín; collemos por fin unhas táboas e puxémolas ate un veleiro intermedio, e dende alí xa pudemos ir en bote a embarcar no “Xaquín Pérez”. Fixémolo por quendas, e logo de despedirnos de Castelao e Martínez López, ao que xa lle profeso un gran cariño, cantamos "Hei, Armórica". Eu pola miña parte fágoo moi mal, pois aínda non lle collín o ton, e como algúns están o mesmo que eu, Castelao case se bota a rir ô ver que non damos xeito ô himno”.
Fragmento do diario do 2/07/1932 de Antonio Beiras Cal con 16 anos, tripulante na Xeira Marítima no Xaquín Pérez. #LegadoActivoBeirasCal.
ÁLVARO MARIA DAS CASAS E BRANCO
Álvaro das Casas (Ourense
1901-Barcelona 1940) remata en Lugo no 1918 o bacharelato con
matrícula de honor, continuando a súa formación académica de
Historia na recén creada Facultade de Filosofía e Letras na
Universidade de Valladolid.
Pasa a súa vida de adolescente entre
Valladolid e Madrid, comezando a súa actividade literaria e
xornalística.en publicacións galegas e españolas. No 1920 comeza a
participar da política española como directivo da Asociación de
Estudantes Católicos de España (AECE).
No outono de 1921 ocupa a
praza de profesor auxiliar de Historia de España Antiga na
Universidade de Valladolid.
En febreiro de 1922 estrea a súa
comedia “Las Caracochas” coa trama da decadencia da fidalguía
galega, a beneficio das damas da Cruz Roxa para os feridos españois
do conflito hispano-marroquino. Neste mesmo ano participa na guerra
entre España e Marrocos, motivo polo que é condecorado coa Medalla
de África e dúas Cruces Vermellas do Mérito Militar.
A finais de maio de 1923 da aulas os sobriños de Alfonso XIII, os infantes Xosé Uxío, Fernando e María Teresa de Baviera e Borbón.
Entre 1924-25 ocupa o posto de secretario político do alcalde de Madrid (Fernando
Suárez de Tangil e Angulo). Na primavera de 1924 a Confederación
Nacional Maríana (CNM), dirixida por Pedro María de Ayala, amigo de
Das Casas, e da relación que mantiñan cos Boy Scouts, crea a
“Congregación Mariana dos Exploradores”, formada por mozos de
doce a vinte anos, que facían excursións e camiñatas a pé polo
monte, na procura do contacto directo coa natureza. Esta experiencia,
Das Casas, a viviu como integrante destacado dos “Luíses de Madrid”
o que deixaría unha forte pegada nel.
A finais de 1924 lle conceden
a Cruz de Alfonso XIII polo seu traballo de aproximación
hispano-lusa, nomeándoo dias despois “Xentil-Home de Casa e Boca”.
Mantén boas relacións con varios intelectuais galegos, sobre todo con Vicente Risco, publicando dende 1925 algúns artigos en galego en
Nós e A Nosa Terra e na colección Lar as novelas “O xardín do
castelo de Vidre” e “Ladaíña”, ao tempo que tamén o fai en
castelán, neste caso en particular na conservadora revista viguesa
Vida Galega.
Das Casas nesta etapa da súa vida,
desenrólase moi ligada a monarquía, a aristocracia española e ao catolicismo.
EUROPA: O HOME NOVO
A experiencia da primeira guerra
mundial actuou como catalizador da modernidade, precipitando a
chegada do “novo”, sometendo a millóns de individuos a
autoridade absoluta da planificación, da instrución, da produción
en serie, a estandarización e a loxística. O sono do Home Novo, un
superhome que transcendera todas as limitacións, foi a resposta a un
medo cultural profundamente arraigado nos países industrializados.
A principios da década de 1920 na
alemana República de Weimar (1918-1933) existían comunidades
nudistas socialistas e escolas alternativas de adoración o sol.
Proliferaban os ximnasios e clubs deportivos para crear corpos fortes
e bonitos; os campamentos de verán para traballadores, incluían
unhas horas de ximnasia e nudismo, acoutando extensas zonas de praia
para o “baño de ar e luz”. Nesta década dos anos vinte, centos
de miles de alemáns participaron no movemento “Freikörperkultur
(FKK)”, a cultura do corpo libre, converténdose nun novo estilo de
vida sen as restritivas normas burguesas, sen avergoñarse da
desnudez do corpo.
En 1933, na véspera da chegada dos nazis o poder,
as asociacións FKK tiñan sobre uns cen mil membros rexistrados, e
moitos máis simpatizantes. En poucos meses, os nazis transformaron
as ideas utópicas en políticas concretas, adueñándose das
organizacións e individuos que as representaban. A vida cultural, o
ensino universitario, a administración pública e o sindicalismo
adaptáronse ideoloxicamente, tamén a cultura física foi
rapidamente controlada por eses modernos “forzudos”. (“A
Fractura: Vida e cultura en Occidente, 1918-1938” de Philipp Blom).

O lider Indalecio Prieto, dispois da conferencia que pronunciou no Ateneo Madrileño, acompañado do Dr. Marañón, Dubois, Clara Campoamor e outras persoalidades. Álvaro das Casas é o primeiro pola dereita. 1930.
SEGUNDA REPÚBLICA
A militancia galeguista, que se estaba
configurando coa instauración da segunda república, retomando o
testigo da labor das “Irmandades da Fala”, interrompida durante a
ditadura de Primo de Rivera, asumen a Ultreia como organización
xuvenil propia, facendo proselitismo para integrar o maior número de
mozos na organización:
“... concienciar aos rapaces galegos do que
era Galicia, da identidade galega. Para iso publicou algúns folletos
de exaltación de figuras populares, de poetas, de temas folclóricos,
etc., que se difundían gratuitamente polas feiras e por todas partes
(da entrevista a Francisco Fernández del Riego do 9/10/2001)”.
Co éxito de convocatoria de Ultreia,
se ian intensificando as diferencias entre Álvaro Das Casas e o
Partido Galeguista. Ao mes do nacemento de Ultreia (10/02/1932), Das
Casas causa baixa do Consello Executivo do Partido Galeguista:
“...dimito do cargo de conselleiro; primeiro porque non estou de acordo
coa orientación do Consello, autorizando a indisciplina de
Paz-Andrade, non ocupándose de refacer o grupo de Vigo, non
revisando os grupos constituídos. Bóveda saíndose da súa misión
de segredario, obra como xefe absoluto do Partido. E segundo, porque
dame noxo a política, porque quero afastarme dela, e porque quero
adicar todos os meus esforzos aos grupos Ultreias. Bóveda e
Filgueira danme todo xeito de espricacións. Fico a organizar grupos
Ultreias en cúa xefatura confirman, ninguén máis do Consello
intervirá na miña laboura, e eu afástome”.
O 11 de maio de 1932 é nomeado director do instituto de Noia, o 28 de outubro de 1933 renuncia ó cargo, motivado pola apertura dun expediente que lle incoa o reitor da Universidade Compostelá, o noiés Alexandre Rodríguez Cadarso, pola conferencia co título “Verbas aos mozos galegos: O momento universitario” que Das Casas pronuncia o 3 de marzo do 33 no Paraninfo da Universidade, e que un grupo de vintetrés catedráticos universitarios consideraron un alegado separatista.
O 4 de xullo do 32 celébrase no Paraninfo da Universidade de Santiago a "Asamblea de Concellos de Galiza", convocada polo Concello de Santiago (alcalde Santiago López Pol), para dar un impulso municipalista a elaboración definitiva do Estatuto de Autonomía. Nesta asamblea estaban representados todos os elementos políticos, administrativos, económicos e culturais de Galicia, decidíndose nomear unha Comisión para a redacción do anteproxecto. Se suceden seis meses de intenso traballo, con reunións desta Comisión todos os domingos en Santiago de Compostela, onde os nove ponentes (cinco deles do Partido Galeguista) refunden os anteproxectos e ponencias presentadas nun proxecto estatutario.

Froito das investigacións de Luís Lamela no Arquivo Xeral da Administración do Estado en Alcalá de Henares, documenta o intento dos militares golpistas de incautarse os fondos ante o Banco Pastor, dun crédito bancario do Comité Central da Autonomía, para a Campaña do Plebiscito polo "SI" ó Estatuto de Autonomía, que contou co apoio de máis do 90% de aprobación da poboación galega, celebrado o 28 de xuño do 36, sendo Secretario do Comité Central da Autonomía da Galiza, Enrique Raxoi Leloup, o avó de "M. Raxoi".
A mercede das confidencias dunha prostituta, o Goberno de Azaña estaba ó tanto do pronunciamento militar do xeneral Sanxurxo (o León do Rif, gobernador militar de Melilla, responsable do desembarco de Alhucemas no 1927, coa detención do líder rífeno Abd el-Krim, tamén Xefe da Garda Civil no 1931, e nese momento Xefe de Carabineiros), o 10 de Agosto do 32. O Goberno da República resposta sacando a aprobación da Cámara a Lei da Reforma Agraria e o Estatuto de Autonomía Catalán.
Durante este verán do 32, Álvaro das Casas, plantease afastarse do Partido Galeguista, por supostas discrepancias no terreo ideolóxico con Alexandre Bóveda entre outros. Das Casas manifestábase ideolóxicamente como “arredista” ou defensor da independencia total de Galicia con respecto a España, sentimento alimentado dende Buenos Aires polo grupo da Sociedade Nazonalista Galega “Pondal”, que publicaba o periódico “A Fouce”.
Este conflito de intereses entre o Partido Galeguista e Álvaro Das Casas, fai que medre a idea no Partido Galeguista de organizar unhas mocidades galeguistas, con independencia da existencia de Ultreia.
Na Asamblea do 17, 18 e 19 do nadal en Santiago, entre debates de envergadura se aproba o texto definitivo do Estatuto de Autonomía para Galicia co apoio da representación do 84,7% dos concellos da Galiza. Queda aínda un bo proceso, para que o Goberno central autorice por decreto a votación popular a prol do Estatuto.
Expedicionarios ultreias e tripulación no Xoquín Pérez. |
SEGUNDA XEIRA
A idea de organizar esta xeira marítima xurde nunha noite de marzo de 1932, conversando pola rúa compostelá do Preguntoiro entre Xurxo Lourenzo, Xosé Martínez López e Álvaro das Casas, facéndose asiña realidade. O primeiro de xullo seguinte, partía do porto muradán o paquebote.
Tamén chamada a Primeira Xeira do Mar,
realízase entre o 1 e o 14 de xullo de 1932, Ultreia desenvolverá
un cruceiro de dúas semanas polas Rías Baixas. O proxecto e deseño
desta sengradura pola costa, enlaza cos desexos manifestados diante
do peche da 1ª Xeira: estancia convivencial dunha semana na Granxa de Salcedo (Pontevedra) do 20 ó 27 de Marzo de 1932.
En total embarcaron no paquebote ou balandro “Xoquín Pérez”, 28 persoas, todos homes, alugado ao armador muradán Antonio Pérez Rodríguez (Carraspello), coas características: 24,65 de tonelaxe, 16,25 m de eslora, 4,77 m de manga, 1,40 m de puntal e un motor auxiliar. Fora construído en 1920 –supoñemos que nalgún dos estaleiros da ría de Muros-Noia-, estaba matriculado en Vilagarcía de Arousa e inscrito en Muros.
A tripulación integrada por: Pedro
Rama Piñeiro (patrón), Xosé Lois Louro (motorista) e Juan Mayo
(mariñeiro). Os expedicionarios que ían ser 25 entre rapaces e
profesores: 1. Álvaro das Casas Branco; 2. Isidro Parga Pondal
(director dos laboratorios de Xeoquímica da Universidade de
Santiago); 3. Fuco López Casado; 4. Xurxo Lourenzo; 5. Xosé
Martínez López; 6. Ramón Martínez López (catedrático do
Instituto de Lugo); 7. Carlos Iglesias; 8. Veiras; 9. Xoán Astorga
Anta; 10. Claudio González Laso; 11. Mengoti; 12. Garcia
(Vilagarcía); 13. Fuco Penas Goás; 14. (o outro de Lugo) González
Paz; 15. Ramón Baltar Abella; 16. Xulio Garcia; 17. Manuel Encisa;
18. Mariño / Ximnasta; 19. Adolfo Torres Caplane; 20. Camilo Xirón;
21. Manoel Buxán; 22. Xosé Vieitez Cortizo; 23. Antón Míguez; 24.
Xoaquín Pérez; 25. Ramón de Valenzuela. Os dezaoito ultreias de
Vigo, Noia, Pontevedra, Lugo, Vilagarcía, Compostela e Ourense,
participantes da “primeira xeira”, máis tres recén incorporados.
O Consello pedagóxico para esta singradura estaba integrado por
Isidro Parga Pondal, Ramón Martínez López, Xurxo Lourenzo e Álvaro
das Casas.
En total de Muros saíron 28 persoas das que rematarían o
periplo en Vigo unha menos, co gallo de que Parga Pondal enfermou e
tivo que abandonalo en Bueu.
![]() |
Trátase da xeira máis interesante de cantas organizou a Agrupación e tamén a única que se desenvolveu no mar, tanto polos días de duración —entre o 1 e o 14 de xullo—, como tamén polo número de participantes. Nunca se fixera unha actividade semellante de carácter pedagóxico, cultural e lúdico en Galicia —e quizais, tampouco en toda a Península—, que empezou en Muros e remata en Vigo pois, malia que tiñan pensado chegar ata Baiona, desistiron de facelo polo mal estado do mar.
Durante estas dúas semanas de singradura, os mozos foron coñecendo aspectos e características propias da costa galega, profundando na historia do país, realizando estudos de navegación, xeoquímica, historia, xeografía e etnográficos, anotaban as súas dúbidas e observacións nun diario de actuacións, que nalgúns casos foron publicados na revista “NÓS”. Baixando a terra en todos os portos que paraban para coñecer as poboacións, falar cos veciños, recoller mostras de rochas, visitar lugares e xacementos arqueolóxicos, centros turísticos, etc. Ademais practicaban deportes e natación, facían exercicios de ximnasia, encargábanse da limpeza do barco, da adquisición de víveres, da elaboración dos alimentos, etc.
Esta singradura pasará a historia, entre outros motivos, por ser o primeiro barco que navegou portando o pavillón de Galiza na súa popa, o que provocou multa en Bueu ou a retirada para atracar en porto.
O motoveleiro na singladura da Xeira Marítima. |
Non resulta difícil maxinar a
expectación que levantaban estes mozos. Seguindo sempre a costa de
preto, con escalas en Noia, Aguiño, Ribeira, Rianxo, Vilagarcía de Arousa,
illa de Arousa, O Grove, Cambados, Sanxenxo, Pontevedra, Marín,
Bueu, illas de Ons, Cangas e Vigo, organizándose actos de recepción
nos portos onde arribaban, contando coa participación de destacados
intelectuais e artistas: Castelao, en Noia; Rafael Dieste e Arturo
Noguerol, en Rianxo -os ultreias
entonan o seu himno Keltia ou Celtia na ofrenda floral no cemiterio
de Rianxo na tumba do poeta Manuel Antonio-; Xosé Núñez Búa e Antonio Fraguas Fraguas, en
Vilagarcía de Arousa; Casto Sampedro, Antonio Iglesias Vilarelle,
Xosé Filgueira Valverde e Ángel del Castillo, en Pontevedra; o
artista Federico Ribas e o industrial Gaspar Massó, en Bueu...
Calcúlase que percorrerían arredor de
160 millas náuticas (sobre uns 300 km), nun paquebote ateigado de
rapaces, coa única experiencia dos tres homes que formaban a
tripulación, en boa parte só coa forza do vento xa que o motor
avariouse varias veces, atrevéndose aínda así a tentar de arribar
ou fondear en portos tan perigosos coma o da illa de Sálvora.
Fermín Bouza-Brey, comporía para
estes mozos unha poesía ou himno titulado “Fanfarria” que con
música de Antonio Iglesias Vilarelle, membro da Sociedade Coral
Polifónica de Pontevedra, lembraría esta 2ª xeira:
A balandra dos Ultreias
leva os corazóns por vela,
navega cara o futuro
toda Galicia vai n'ela.
leva os corazóns por vela,
navega cara o futuro
toda Galicia vai n'ela.
Toda Galicia vai n'ela
prenda do meu paladar
os mares, pol-o infindo,
que leviáns son de pasar.
prenda do meu paladar
os mares, pol-o infindo,
que leviáns son de pasar.
Que leviáns son de pasar,
prenda do meu corazón,
os astros forman trisqueles
en cada constelación.
prenda do meu corazón,
os astros forman trisqueles
en cada constelación.
En cada constelación
ouse cantar unha estrela:
“Alá vai a frol das naos;
toda Galicia con ela”.
ouse cantar unha estrela:
“Alá vai a frol das naos;
toda Galicia con ela”.
Na illa de Ons. |
Nos actos organizados para conmemorar o
Día de Galicia o 25 de xullo de 1932 polo Partido Galeguista, Antón
Beiras Garcia, falou do periplo das Rías Baixas.
Un mes despois de se desenvolver o
cruceiro polas Rías Baixas, malia algún problema interno de
non pouca importancia, relacionada coa homosexualidade de Das Casas, os Ultreias seguían a
desenvolver un traballo que ía na liña de integrar na organización
a toda a mocidade galega:
“Adicámonos a eiscursiós, deportes
e ximnasia para endurecer noso corpo; queremos ser sans, fortes,
rexos, para redimirnos de doenzas e alifafes; para que o día, de
mañá os nosos fillos medren ergueitos como os nosos piñeiros,
duros como os nosos carballos, fermosos e variles como os nosos
antergos, aqueles que se morrían de vellos sin saber de boticas”.
En setembro deste ano, Das Casas viaxa
a Barcelona, entrando en contacto coa organización xuvenil Palestra,
dirixida polo nacionalista catalán Batista i Roca, o que xogou un
papel referente en canto modelo ideolóxico e organizativo de
Ultreia. Palestra era unha organización xuvenil con forte
implantación social, do que daban mostra o seu local social. Nunha
conferencia, dicía dela que: “... estaba dotada dunha boa
biblioteca, conferencias, laboratorios fotográficos, equipos de
aviación, de remo, de fútbol, de alpinismo, de iate, etc.”
A Xeira polas Rias Baixas constituíu
unha aventura excepcional, arriscada e fermosa, única na nosa
historia e coa que non é doado atopar comparanzas noutras latitudes.
Os ultreias saudando atracando en porto. |
SEMANA NAS TERRAS DO RIBEIRO
Foi un percorrido por esta comarca
vitivinícola ourensá durante toda unha semana na que, como lembra
Francisco Fernández del Riego, ademais de visitaren igrexas,
mosteiros e pazos, tamén houbo clases teóricas e prácticas sobre o
cultivo das cepas e da elaboración do viño. Estiveron no mosteiro
de San Clodio aínda habitado daquela por monxes bieitos; en
Esposende, é de supoñer que no pazo dos Ulloa, que era da dona de
don Álvaro —agora é propiedade privada e ten nel a súa sede a
Asociación “Álvaro das Casas”—; e en Beade vendo a igrexa que
pertenceu á orde de Malta na que hai varios enterramentos de
cabaleiros, así coma o famoso calvario debuxado e estudado por
Castelao. Tamén pasaron por Leiro; en Santo André de Camporredondo
visitarían a monumental casa reitoral, actualmente en proceso de restauración para convertela en Museo do Viño...
Segundo datos da organización, Ultreia
contaba con máis de un milleiro de mozos cara a finais de 1932.
Durante este ano, levan a termo tres xeiras: a da Misión Biolóxica,
o “roteiro” polas Rías Baixas e unha semana nas terras do
Ribeiro. Publicaron 2.000 exemplares da postal coa carta das nacións
celtas, unha Escolma de Cantigas e as biografías de Méndez Núñez
e Rosalía de Castro.
Fontes:
- "A Segunda República en Lousame e
Noia - Radiografía dunha Época" de Xerardo Agrafoxo.
Edicións do Concello de Lousame
Edicións do Concello de Lousame
- “ÁLVARO DE LAS CASAS: Biografía e Documentos” de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.
Editorial Galaxia.
Editorial Galaxia.
- “ÁLVARO DE LAS CASAS” de Francisco Abeixón Núñez.
Editorial Toxosoutos-Colección Fasquia
Editorial Toxosoutos-Colección Fasquia
- #LegadoActivoBeirasCal
-https://www.google.com/amp/s/www.eldiario.es/galicia/politica/franquistas-intentaron-campana-estatuto-promotores_1_3275820.amp.html
- “MAR ADIANTE / As Xeiras dos Ultreias” de Clodio González Pérez. Edita: Pío Garcia Edicións
http://www.galeguizargalicia.com/archivos_editor/file/ULTREIA.pdf
XEIRAS PUBLICADAS:





