ULTREIA: PRIMA XEIRA (1/3)

Álvaro Das Casas coa indumentaria de Ultreia, 1932.
ULTREIA
Ultreia” é un saúdo entre pelengríns que fan o Camiño de Santiago. Verba recollida no Códice Calixtinus do século XII, onde aparece, entre outras partes, na parte musical do apéndice II, na coñecida “Canción dos pelengríns flamencos” ou “Canto de Ultreia”, imno ou canto dos pelengríns a Santiago: Oh Sinor Santiago! / Bon Sinor Santiago! / Eultreia! Euseia! / Protéxenos, Deus!. Tiña o significado de “Imos alá”, “Vaia adiante”, “Date presa, sigue adiante”, completando o saúdo ca resposta de “et suseia!” co significado de “e máis alá” ou “ate o alén”, no que a procura do destino transcende a vida.
XEIRAS
As “Xeiras”, verba que os ultreias empregaban para referirse as súas excursións e viaxes de traballo. Facían investigacións científicas, e os participantes anotaban as súas dúbidas e observacións nun diario de actuacións, que nalgúns casos foron publicados na revista “NÓS”.
CRONOLOXÍA
1930 - 27 de Abril: no local da Irmandade da Coruña, desenvólvese a VI Asambreia Nazonalista. Entre as distintas adhesións enviadas pola organización de este acto, figuran as de Álvaro das Casas e Ramón Otero Pedraio. Este último, o 9 do nadal ingresa na Real Academia Galega (RAG), nun acto que se desenvolve no Círculo de Artesáns da Coruña.
1930 - 1 de Outubro: Fixa a súa residencia en Noia Álvaro Mª das Casas Blanco (Ourense 1901 – Barcelona 1950), tomando posesión da súa praza de catedrático de Xeografía e Historia no Instituto de Ensino Medio (actual edificio dos Xuzgados) da vila.
Nestas datas, Das Casas aparece como impulsor e asinante xunto a María Vázquez Ulloa, Luís Vilanova, José López, Juán Leiceaga, Blas Agra Cadarso, Abelardo López e o crego de Fruime, entre outros, do manifesto fundacional da Irmandade Galeguista da localidade. No manifesto proclaman que a Irmandade nace “en horas decisivas e para moitos insospeitadas, da Historia da Terra. Estase a entrever unha Galiza nova, que ven fortalecida de recordos e cobizosa de esperanzas”, sumando os seus asinantes, que traballarán “sen acougos para ollar a nosa bandeira azul e branca latendo en tódolos ventos, dende á vila a freiguesía máis lonxana, faremos renascer aquela Galiza gloriosa que foi o eixe da civilización occidental”.
Hotel Abeijón (Noia). Residencia de Álvaro Das Casas e a súa Dona do 1930 ó 36.
1931 - 19 de Abril: Dispois das primeiras eleccións municipais da 2da. República en Noia, celebradas o día 12 de abril, a Xunta Provisional Republicana presidida por Santiago Peiteado Valls encargada de velar pola celebración electoral e asignar o resultado dos electos, estaba presidida este día por Álvaro Das Casas que substituía ó presidente que estaba enfermo, medíando no conflito entre os Umedistas de Anxo P. Morales e os Liberais de Xermán V. Barreiro, os únicos que quitaron representación dos catro partidos (“Republicáns” encabezado por Das Casas e “Socialistas”) que se presentaban, e que se enzarzaron nunha discusión, que capitalizou o desenrolo desta sesión. Ambos cruzaron acusacións de coaccionar ós veciños durante a campaña. A discusión foi cortada por Álvaro das Casas, que fixo a recomendación ós presentes: “... e polo ben da República, orde, paz e tranquilidade, pois non agardaba menos da cultura cívica de esta vila de Noia”. O Presidente da Xunta declara non proceder a dar posesión ós Concellais electos, e facer consulta á superioridade sobre este particular. Dando por rematada a sesión.
1931 - 25 de Abril: Sesión extraordinaria do Concello, presidida por D. Álvaro das Casas (membro da Xunta Provisional Republicana), acompañado do tenente da Garda Civil e o notario señor Hermida. O señor Anxo Pérez Morales (umedistas) insistía na ilegalidade das eleccións do día 12. Vidal Barreiro replicaba, acusando de coaccións ós liberais. O Presidente levantou a sesión sen dar posesión os candidatos, por ser unánimes as protestas. A presidencia provisional do goberno da República, acorda a repetición dos comicios municipais para o día 31 de maio.
Claustro do Instituto de Noia. "Das Casas" cuarto pola dereita. "Carlos Maside" cuarto pola esquerda.
1931 – 5 e 6 do Nadal VII Asambleia Nazonalista na cidade de Pontevedra, na que se crea o Partido Galeguista. Forman parte da dirección: Álvaro das Casas, Banet Fontenla, Alexandre Bóveda, Núñez Búa, Tobío Fernández, Carbalho Calero, Alonso Ríos (Sinor Afranio), Plácido Castro, Vicente Risco, Lugris Freire, Ramón Martínez e Paz Andrade.
1932 – 10 de Febreiro Nace a organización xuvenil nacionalista Ultreia, auspiciada por Álvaro das Casas. O proxecto bota a andar cos alumnos que 'Das Casas' tiña no Instituto de Noia.
Os agrupamentos Ultreia, nacen co propósito de acadar unha educación integral da xuventude coa Patria. Amparada polo Seminario de Estudos Galegos, bebendo das fontes da chamada “Europa Nova” daquel tempo, tratábase de formar unha xeración capaz, unha élite preparada para axudar a transformar o país e quitalo do atraso no que se atopaba. Estes “boys scouts” galeguistas, uniformados con casaca blanca e co trisquele bermello bordado no peito, espalláronse rapidamente polos principais Institutos de Galiza, da man dos profesores vinculados ó galeguismo: Noia, Pontevedra, Compostela, Vilagarcía, Vigo, Ourense, Tui, Redondela, Padrón, Lugo, Ribadeo, ...
TRISKELE
O “triskele” vermello, símbolo que representa a inscrición propia da cultura megalítica, que tiña o nacional-socialismo alemán como signo distintivo, e polo que seria criticado o ourensán. Das Casas, defendéndose desas críticas, argumentaba: “... un triskele vermello, que vai sempre sobre o noso peito i-en cada unha das nosas bandeiras, un triskele que non ten cheiro, como algún quixo supor, da esvástica hitleriana: é a expresión do home correndo tal cal apareza nas nosas insculturas da prehistoria. Quer dicir dinamismo, marcha, avance, procura do noso ideal de máis alá. Un triskele que por outra, parez recoller os tres temas fundamentais de noso orgullo de cidadáns galegos: fogar, raza e lingua”.
A organización tivo a sede en Pontevedra, na rúa Manuel Quiroga, 24. Estaba dirixida por un Consello do que formaban parte como vocais: Xosé Filgueira Valverde, Xurxo Lourenzo, Antón Iglesias Vilarelle, Raimundo D'Aguiar e Xosé Antón Tenreiro, o secretario xeral era Francisco Fernández del Riego e a organización estaba encabezada por un “rexente”, cargo ocupado por Álvaro Das Casas.
As crónicas da época definían Ultreia como: “...constitúe hoxe a vangarda do nacionalismo galego en canto a reconstitución total da Patria nun senso novo, dinámico e libre. Pretende construír unha Galiza anovada e enxebre, en libre comunión con todos os pobos da terra ...” (NÓS, 25/07/1933).
DECÁLOGO
Para unha mellor comprensión dos obxectivos da organización, estableceron entre os rapaces un decálogo de obrigado cumprimento.
1. Porque amo á Galiza con toda a miña alma, adicareille os meus mellores esforzos para tornala eternamente felís.
2. Porque a vida está encheita de mágoas, miña mocidade será unha leda canzón que ha erguer o esprito de tódolos coitados.
3. Porque estou afincado ao chan nativo e endexamais hai crebar as ligazóns coa miña xente, manterei sempre aceso o facho do meu lar.
4. Porque penso no que fun, no que son e no que teño de ser, respetarei aos vellos e pequenos e defendereinos de todo aldraxe e sufrimento.
5. Porque quero a eficacia da miña laboura, axudarei os nobres desexos dos meus compañeiros como quixera que me axudasen a min na arela dos meus limpos enxoños.
6. Porque teño de ser home útil á miña Terra, cumprirei tódalas miñas obrigas para ire facendo a miña historia de cidadán eisemprar.
7. Porque quero limpar a miña axuda de erros, educarei meu espírito no estudo e no traballo.
8. Porque teño de ser rexo na axuda aos meu irmáns, fortalecerei meu corpo na craridade das augas e no ar das montañas.
9. Porque soño nun porvir de verdadeira fraternidade, farei porque rente de min se xunten tódolos rapaces galegos para que o día de mañán non nos afasten prexuízos de caste.
10. Porque quero unha Galiza enteiramente galega en convivio con tódalas razas, en fala con tódalas culturas, abrirei meu peito a tódolos homes de boa vontade e reita intención
O escrito foi integramente redactado polo profesor, que o leu na clase e logo pedíu voluntarios que estivesen de acordo para asinalo e poñer os seus enderezos. Os asinantes foron: Manuel Blanco Ons (Corredoira, 33 / 15 anos), Xoán Suárez Oviedo (Campo de Noia / 15 anos), Antonio Busto (Comercio, 23 / 14 anos), Miguel Roig Lestón (Mazacáñamos, 2 / 16 anos-Porto do Son), Gonzalo Rudiño (San Breixo, Santa Cristina / 15 anos) - Noia, 3/02/1932.
1ª Xeira: Semana na Misión Biolóxica de Galiza
A un mes da fundación da organización xuvenil “Ultreia”, según Álvaro das Casas, contaba con oitocentos mozos de entre doce e dezaoito anos, localizados maioritariamente en Noia, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Ourense e Santiago.
Nesta primeira Xeira, organizan unha estancia convivencial dunha semana na Granxa de Salcedo (Pontevedra) do 20 ó 27 de Marzo de 1932, que xunto con outras organizacións xuvenís, visitaron a chamada “Misión Biolóxica de Galiza”, onde se están a desenvolver estudos agropecuarios que revertan en favor dunha modernización da xestión do agro galego en particular, e do país en xeral. Serían recibidos polo director Dr. Cruz Gallástegui de Unamuno e polo rector da Universidade, quen ó mesmo tempo era o presidente do patronato que sustentaba o Centro. Visitarían a Deputación e serían recibidos polo presidente, Dr. Caamaño e polo alcalde da cidade de pontevedra, Dr. Osorio Tafall.
Xúntanse, catro liñas de Ultreia: Noia, Vilagarcía, Vigo e Ourense. Osorio-Tafall, X. Filgueira Valverde, Iglesias Vilarelle e Claudio Losada, colaboran xunto a Das Casas para que a semana se desenvolva nun ambiente de camaradería co maior proveito intelectual e físico dos mozos ultreias.
Manuel Lesteiro, Claudio Losada, Álvaro Das Casas e Filgueira Valverde, cos Ultreias participantes da 1ª Xeira, Noia 1932.
O mozo Alexandre Agra Cadarso describe así esta experiencia: “... antes das oito xa estamos todos no xardín e poñémonos a facer ximnasia, flexións, saltos, carreiras … D. Álvaro dinos que o termómetro marca sete graos. Todos gozamos moito nesta ximnasia que é cousa moi saudábel. Desaiunamos na cociña, un gran tazón de chocolate. Ven a buscarnos o señor Filgueira e ás dez saimos para Pontevedra”.
A experiencia desenrolouse según o previsto polos organizadores, ficando todos coa idea de volver a repetir xuntarse os ultreias noutra convivencia de varios dias: “temos de xuntarnos moitas veces -decímonos uns os outros, lígannos lazos sagros que non poderán crebarse nunca”.
Así resumía Das Casas esta primeira Xeira dos Ultreias:
"Concibín a idea de crear os agrupamentos Ultreia libre de toda suxerencia; si acaso pensando no éxito que nun tempo alcanzaron no noso país os exploradores -xa totalmente desaparecidos- e na posibilidade de inspirar unha organización que, recollendo o espírito xuvenil daquelas tropas, se mantivese ao marxe de patrioteiras puerís e de malsáns parodias castrenses. Coidaba que o intre era propicio: nosa mocidade, aburrida dos partidos políticos, cansa de loitar por conquistar metas excesivamente fáciles, arelaba xuntarse nunha gran cruzada espiritual na que os obxectivos, por lonxanos, serían infinitamente máis cobizados. Outras organizacións semellantes (como SCHOKOL no estranxeiro e PALESTRA na Iberia) coñecinas despois de estar en marcha. en prena realización, a miña idea. Agora, sabendo como viven as xuventudes da Europa nova, estudado o interesantísimo libro de Alexandre e Beryl Parker en col da educación na Alemaña, síntome máis que nunca orgulloso da miña obra e teño a certeza de que, continuando como ata aquí, a miña patria será un belo exemplo.
1ª Xeira participan os ultreias Alexandre Agra Cadarso e Miguel Roig Lestón de Noia, e Xaime Illa Couto, Remixio González Gándara, Rufo Pérez González, Carlos R. Padín, Xohán Astorga Anta e Manuel Rei Lado de Vilagarcía, Vigo e Ourense.
Perfectamente perfilada miña visión sobre o que tiñamos de facer, pedín colaboración aos meus alumnos do Liceo de Noia. e con eles lancei un chamamento á mocidade galega que foi datado en dez de febreiro deste ano i-espallado tres días despois. Cando correu un mes tíñamos arredor de nós oitocentos rapaces, dos doce aos dezaoito anos. Ourense, Pontevedra. Vilagarcía, Vigo, Compostela deron no entusiasmo e na eficacia das respostas, unha proba máis da súa afervoada galeguidade.
Certo de que o noso trunfo dependía de organizar rapidamente unha xeira de unha semana, na que puidesen convivir preto de min, rapaces de diferentes vilas e cidades aos que tería de explicar amplamente o meu pensamento, requirín o concurso dos meus amigos de Pontevedra medio que, por todol-os aspectos, era o máis adecuado para unha xuntanza na que se ía a xogar o noso porvir; si dela os rapaces saían satisfeitos, nosa vida ficaba garantida, senón podía darse todo por perdido. Resta dicir que, despois desta xeira, case se duplicou o numero de ultreias.
"D. Álvaro é baixo, gordo, sano, alegre, e sempre de bó humor; é moi dicharacheiro e na primeira ollada fáisenos simpatiquísimo. Ofrece un vivo contraste co señor Filgueira Valverde; D. Álvaro é gordo e baixo, e o outro alto e delgado; aquél é home de izquierdas e éste de dereitas; aquél é dunha alegría espontánea e rebuldeira, e éste de alegría repousada e silenzosa, e sin embargo son íntimos amigos, acaso porque se completan moi ben. D. Álvaro paréceme, na vida e na literatura, un romántico..." (reflexión no diario de Remixio González Gándara)
Coa xuntanza tíñamos que conquistar un dos fins da nosa obra, cal é, a de ir coñecendo pouco á pouco as grandes institucións da terra, e maxinamos dende o primeiro instante solicitar albergue na benemérita MISIÓN BIOLÓXICA. Temos a obriga de afirmar que tanto o presidente do seu padroado Reitor Dr. Cadarso, como o presidente da Deputación Dr. Caarnaño e o presidente do Concello pontevedrés Dr. Tafall, déronnos todo xeito de facilidades, prendendo nosa gratitude á este xesto que a todos nos honra.
A estadía dos rapaces durante esta semana foi totalmente gratuíta e de seus traballos, das fondas emocións sentidas, dan idea os diarios feitos. Decátense os galegos. por unha páxina de cada rapaz, da magnitude do esforzo e dos longos vieiros que, nesta orientación, ábrense ás novas xeracións.
Pol-a miña parte tamén, eu fixen o meu diario, dende logo moito menos interesante que o dos rapaces. Entanto, para que esta información sexa o máis completa posible. recollo uns anacos deles por si é que poden totalizar a visión que os nosos irmáns deben ter desta gran xeira lograda na GRANXA DE SALCEDO dende vinte a vintesete de marzal do mil novecentos trinta e dous (..)".
Ultreia, 1ª Xeira-Misión Biolóxica de Galiza, Compostela: Nós, 1932
(APUBDJ: Arquivo Persoal de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel)
Postal das Nacións Celtas co texto do himno.
OS NOSOS CANTOS
Os poemas que os mozos cantaban nas súas excursións serían publicados pola organización nun libriño titulados “Os Nosos Cantos”, no que intentaban transmitir a ledicia dos rapaces, sería espallado por todo o país e alcanzaría moita sona. Tiñan himno de seu co título de Keltia ou Celtia alude ás raíces célticas de Galicia:
“EI, ARMÓRICA, CORNUBIA, E CÁMBRIA SCOTIA,
EIRIN, GALICIA E A ILLA DE MAN
Son as vellas nacións celtas
Fillas do pai Breogán,
Pero ti, miña Terra
ti és, e ti serás
entre todas elas
o máis quente fogar.
Son estes sete cisnes broncos
os fillos dos Dedaniáns.
Para ti, miña Patria
Nos beizos un cantar
Nos peitos a ledicia
Da nosa mocedá.”
Armórica é a rexión francesa situada entre os ríos Sena e Loira, que desde que a invaden os bretóns entre os séculos V e VII pasa a denominarse Britannia (Bretaña). Cornubia ven a ser o condado inglés de Cornwall (Cornualles). Cambria corresponde ao nome latino do País de Gales. Escocia; Erín, nome gaélico de Irlanda, e a illa de Man, que é unha das situadas no mar de Irlanda, pero pertencente a Gran Bretaña. Os Dedaniáns son seres míticos, sabios e valentes, nomeados nas crónicas e poemas irlandeses, Tuatha Dé Danann, que invadiron na antigüidade a illa, e aínda agora continúan vivindo ocultos a semellanza dos nosos mouros. Non falta quen coide que se trata dunha raza real e mesmo tamén que son os deuses que levaron a Irlanda os invasores milesianos, dos que se di que eran orixinarios de Galicia.
Fontes:
- "A Segunda República en Lousame e Noia - Radiografía dunha Época" de Xerardo Agrafoxo.
Edicións do Concello de Lousame
- “ÁLVARO DE LAS CASAS: Biografía e Documentos” de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.
Editorial Galaxia.
- “ÁLVARO DE LAS CASAS” de Francisco Abeixón Núñez.
Editorial Toxosoutos-Colección Fasquia
XEIRAS PUBLICADAS:

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN