OUTES 1931

 


A lei do 28 de xaneiro de 1906, dou orixe aos Sindicatos Agrícolas (de tradición católica). No período da ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), xurdiron multitude de sindicatos e organizacións obreiras. Se crea a Sociedade de Estibadores do Freixo, sindicato fundado no Freixo o 1 de xullo de 1927. No lugar do Rego, créase o 13 de decembro de 1927, “A Fraternidade Liga de Amigos”, que aparece nos rexistros como asociación político-social, e foi dirixida por Manuel Torrados Alborés ,  Antonio Domínguez Fernández e Ramón Molinos Villar.
Na Constitución de decembro de 1931, contémplase unha cobertura xurídica, legal e real dos sindicatos. As leis sobre asociacións profesionais de maio de 1931 e 8 de abril de 1932, apoiadas por Largo Caballero (Secretario da UXT), marxinaron o sindicato CNT, con máis de 800.000 afiliad@s no Estado, e con forte presencia nos colectivos profesionais na Comarca (Muros, Carnota, Serra de Outes, Lousame, Noia, Porto do Son).

1930
30 de Xaneiro: Renuncia de Miguel Primo de Rivera como Presidente do Goberno.
10 de Febreiro: O Ditador abandona o territorio español rumbo a París (Francia).
26 de Febreiro: Restablécense as liberdades co goberno do Xeral Berenguer (Xefe da Casa Militar de Alfonso XIII).
Substitúese a Corporación Municipal do Concello da Serra de Outes dirixida por Domingo Romero, por Manuel Piñeiro Rama, afín o réxime caído.
22 de Abril: Substitúese ó recén nomeado Alcalde por Félix Alconada Rodriguez do Partido Radical de Lerroux.
1931
14 de Febreiro: Alfonso XIII, aconsellado por Cambó, substituíu a Berenguer por Sánchez Guerra para a construción dun goberno de Concentración Nacional. Ca dobre tarefa de: convocalas eleccións municipais para o 14 de Abril e gañalas. A vitoria electoral daría pé a políticas continuadoras do réxime “primariverista”, o Borbón seguiría exercendo un posto de dirección que lle era alleo, con mentalidade de monarquía medieval, cun exército humillado pola perda de colonias, frustrado e corrupto, apoiando a implantación do cristianismo privilexiado, caciquil e de dobre moral, o séa “o mellor do peor”.
14 de Abril: Primeiras Eleccións Municipais da 2da. República.
29 de Abril: Suspensión dos resultados electorais en Outes, como tamén noutros Concellos, declaradas como irregulares (para entender esta suspensión, só hai que situarse mentalmente naquel ano 1931).
Creación por orde do Gobernador Civil da Provincia, dunha Comisión Xestora Municipal, configurada por Xesús Martinez Arcos (Presidente), Xosé Sotelo Ferreiro, Manuel Coiradas Alborés e Santiago Vilariño Róo; quedando a recaudo da Administración Municipal ate a celebración das novas eleccións municipais.
26 de Xuño: Reúnese a Comisión Xestora Municipal na que son convocados os concellais electos según os resultados electorais do 14 de Abril. Dáse lectura a certificación da Xunta Municipal do Censo electoral, que xunto a comunicación do Eximo. Sr. Gobernador Civil, validan os resultados das pasadas eleccións municipais. O resultado do reconto foi de 2.085 votos os Socialistas, correspondéndolle 12 concellais, e de 1.037 votos os da ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma) de Casares Quiroga, con 6 concellais. Nesta mesma reunión acórdase facer unha votación para a elección do Alcalde-Presidente, quedando elixido Xesús Martínez Arcos por dez votos, quedando de segundo, pola metade de apoios, Antonio Mayo Espetch.
Xesús Martínez Arcos desempeñara o traballo de estibador na emigración en Newark-New Jersey (EEUU), un dos portos con máis movemento de mercancías do Mundo naquel momento. Era o presidente da Sociedade de Estibadores do Freixo, sindicato fundado no Freixo o 1 de xullo de 1927.
A elección de Xesús Martínez Arcos como Alcalde de Outes, dáballe o control do concello ós socialistas.
En tan só dous anos, foran nomeados catro alcaldes no Concello: o primeiro, Domingo Romero, representa a ditadura primoriverista, o segundo, Manuel Piñeiro Rama, electo nas eleccións do 26 de febreiro de 1930, o terceiro, Félix Alconada Rodriguez, no inmediato plebiscito do 22 de abril do mesmo ano; e o cuarto Xesús Martínez Arcos a fronte da nomeada Comisión Xestora Municipal creada o 29 de Abril do 31 e ratificado como Alcalde da Serra de Outes o 26 de Xuño do 31, que confirmaron os resultados das eleccións do 22 de abril, dando paso a un novo período histórico.
O semanario socialista “Traballo” do 4 de xullo de 1931, destaca:
“...a súa cultura representa o sentir a necesidade imperiosa, de modificar a política destrutiva que imperou sempre, para transformala en construtiva, en facer xustiza administrativa, sen odios nin pasións, e velar polos intereses do pobre co memo afán e agarimo que si foran propios.

Permítome lembrar a este bo camarada, a obriga de todo socialista de facer cumprir a xornada de oito horas, a hixiene pública e en particular as escolas. A atención preferente dos servicios da beneficencia municipal, xa que afectan as clases tan necesitadas de apoio como son os pobres. Os camiños veciñais, sen preferencias, xa que é Alcalde de todo o Axuntamento. Para elo conta coa cooperación dos compañeiros da Sociedade de Amigos “La Fraternidad” que tantas probas de disciplina socialista deron e que tan identificados están en todo o que séa engrandecemento e prosperidade de Outes.”
Corporación Municipal de Outes 1931: Xesús Martínez Arcos (Socialista-Alcalde), Luís Arcos Martínez (Socialista-1º Tenente de Alcalde), Pedro del Río Cambeiro (Socialista-2º Tenente de Alcalde), Xoán Viña García (Socialista-3º Tenente de Alcalde), Xosé Lourido (Socialista-Síndico), Ramón Martínez Rodríguez (Socialista-Síndico 2º), Manuel Mayo Sacido (Socialista), Manuel Antelo Agrelo (Socialista), Francisco Suárez Martínez (Socialista), Xosé Froxán Campañó (Socialista), Manuel Bouzas Serpe (Socialista), Manuel del Río Montes (Socialista), Adelino Tuñas Mayán (ORGA), Manuel Alborés (ORGA), Domingo Alborés Campos (ORGA), Antonio Mayo Espeltch (ORGA), Domingo Lourido Nieto (ORGA) e Alfredo Blanco Moledo (ORGA).
Fontes:
- "A Segunda República en Lousame e Noia: Radiografía dunha Época" de Xerardo Agrafoxo; publicado por Edicións do Concello de Lousame: Historia.
- O Asociacionismo en Outes na 2da. República" de Xoán Fco. García Suárez. Na publicación de "Terra de Outes (Revista da A.A.C.C. Serra de Outes)", nº2 de Abril do 2008

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN