O CACIQUE "PAKARAIÑA"
![]() |
Ponte Vella (Betanzos) |
No local da dereita, onde o sinal de "prohibido o paso", posiblemente foi a taberna dos pais do Cacique Pakaraiña e onde nacería «o grande cazador que mata de lonxe», «o vaqueano, que sempre ten a palabra xusta».
O CACIQUE PAKARAIÑA
Longo é o camiño do río para chegar ao Iavari-Mirim. Desde Iquitos hai que ir por terra Taushiiaco. Terra de planura, de mato baixo. Cana brava, guadua. Xacarandá de flor azul e vermella. Milleiros de vagalumes na noite. Na noite aberta, infinda, Anzola pon na pequena radiola de pilas a 5º de Beeethoven. Todo o volume. E a noite colle unha dimensión sideral, inmensa. Noite no medio da vida, aquela. Para recordar.
Comerciar con "indio Aguaruna" é cousa arriscada. Indio reducidor, o primeiro que ve é a túa cabeza. Días antes de chegar, xa a tribu anda avisada.
Os paxaros revoan. O fume. O indio vai vixiando de lonxe. Vai vendo as acampadas. Curiosea se o campo fica
só. O indio Aguaruna non rouba; manda á muller roubar. Cousa de orde.
Anzola é quen coñece o terreo. E a xente. Vello tratante no troco de cabeza reducida por machete, por azucre, por sal. O Aguaruna dá voltas e voltas deica saber se traemos bos ou malos espíritos. Desa vez foi a música.
Indio que escoita música na noite, espanta.
![]() |
Selva Amazónica |
Arremete de mañá cedo con macana ou lanza de bambú. Frecha envelenada non. O curare prexudica a cor da pel no traballo de reducir. Pero antes sempre avisan. É a nobreza natural. Inocencia mesmo.
Así foi ese día na planura do Omaguas. Xa tiñamos trocado pezas e a cousa ía de ben. Indios de
paso, sen chegaren aos apousentos da tribu. Aquela noite a música da
radiola de pilas puxo á xente aqueloutrada. E os Aguarunas avisaron.
Na primeira luz do mencer vimos a tenda rodeada de lanzas de cana. Nereo pide acougo, serenidade, silencio. Carga o rifle e sae da tenda coa radiola na man. Vótaa nas brasas aínda acesas do lume da noite. Un fume negro de cheiro a plástico sae da labarada.
Os Aguarunas ao lonxe entoan unha salmodia interminábel. Desde a tenda axexamos o seu rito coas armas na man.
![]() |
Arte Aguaruna |
Salvounos o lume purificador. Máis de tres días estivemos, sen alimentos case, para que se acercaran a nós. Logo viñeron vindo río abaixo, cada vez máis.
Foi cando soubemos do cacique Pakaraiña, «o grande cazador que mata de lonxe», como lle di a súa xente. «O home que non se deixa ver», como lle di Nereo, «o vaqueano, que sempre ten a palabra xusta».
![]() |
O noso negocio tamén é negocio de babilla, de caimán pequeno, de xacaré. Pelexo de baleirar con coidado para reencher de herba. Suvenir. Caza fácil, aparentemente. Caimán pequeno goza do río na noite e os ollos alumean facendo un branco fatal. Queda teso co disparo, coa barriga volta, mergullado como pau de balsa. O perigo é ilo coller. Río de noite é de andar con tento.

Antón Avilés de Taramancos (n. 6/04/1935, Taramancos-Noia / m. 23/03/1992, Coruña) volta do seu esilio o 15/08/1980, converténdose nun referente dinamizador cultural, tentando poñer en papel toda a súa creatividade poética e literaria dende o seu oficio de taberneiro na Tasca Típica.
Caemos o Nereo e mais eu na ardentía da tarefa, e na noite pecha non había ninguén para acudir. Acaso a cercanía da morte fixo saír de min o noso berro máis íntimo:
- Botade unha man, carallo!.
A man que me agarrou era redonda e forte. Man de cacique mesmo.
- E logo, ti de onde és?.
Escoitei a súa voz no medio escuro do río. Fiquei algo abraiado, mais con dúbidas. Nesa parte, o contacto coa terra do Brasil pode dar unha lingua confusa. Unha lingua franca, digo eu. Pero non.
Unha emoción estraña medrou no corazón. Xa na beira do río démonos unha aperta fonda. O cacique Pakaraiña é de Betanzos. Seu Pai tiña unha taberna embaixo da Ponte Vella. Longa historia de liberdade persoal que me rogou non contar nunca.
E gárdolle a palabra.

"Nova Crónica das Indias" da edición en Xerais do 2002. Relatos cunha voz lírica telúrica, irónica, cun estilo no que combina a sensualidade intimista cun canto ó indixenismo, enfocándose na memoria, a terra e a identidade cun fondo sentimento de rebeldía contra o poder dos colonos europeos, que se apropian con violencia xenocida dos territorios virxes de caza dos nativos, para plantar algodón.
Fonte:
- “Nova Crónica das Indias” de Antón Avilés de Taramancos. IRINDO EDICIONS.
Outros artigos de Antón Avilés de Taramancos:



