XARINGUEIRA - XARXA - SARXA : SALVIA (cast.)
O seu nome é unha
declaración de intencións, deriva do latín “salvare”. No
século XIV, entre os médicos da Escola de Salermo, preguntábanse
extranados: “Por qué morre a persoa que ten sarxa no xardín?”;
resolvendo coa razón: “Por que ningunha herba do xardín é o
bastante forte contra a morte”. A sarxa non da a inmortalidade,
pero permite vivir con saúde o tempo que podamos pasar sobre a
terra.
![]() |
| Pedanio Dioscórides |
O SABER DAS PLANTAS
Na Galiza temos
indicios do uso de plantas alucinóxenas da familia das Solanáceas
(tomates, berenxenas, pementos, chiles, …) a finais do Neolítico,
polo análise do soporte fixo dun muíño de man, ubicuo no interior
do abrigo prehistórico de “Coto da Moura” en Gondomar. Pero o
seu uso, como curación de doenzas e traumatismos, remóntase á máis
remota antigüidade.
Os escritos máis
antigos son diversos papiros exipcios do século XVII a.C., onde se
misturan elementos de orixe vexetal, animal e mineral, impregnado
todo dun halo máxico. Posteriormente, destacan as aportacións da
antiga Mesopotamia e na India. No cambio de era, destaca o médico
Pedanio Dioscórides, autor da “Materia Médica”, limitado ó
ámbito da bacía mediterránea, exercendo de médico militar nas
campañas bélicas do emperador romano Nerón. Logo, médicos árabes
como Avicena, ou o compendio chinés Pen ts'ao Kang-mou, que recolle
8.160 fórmulas, elaboradas a partir de 1.871 substancias distintas,
as máis delas vexetais.
Na Idade Media os
mosteiros e as boticas monacais se converten en acopiadores e
rexistro das plantas e as súas propiedades medicinais. Algúns
mosteiros preto do camiño de Santiago se enriqueceron con este
aporte ademais de dar atención médica como hospitais de pelengríns.
Actualmente é de
salientar a “Guía de Plantas Medicinais de Galiza” (1996) de
Antonio Rigueiro, Rosa Romero, F. Javier Silva-Pando e Enrique
Valdés-Bermejo, que destaca polo gran número de especies tratadas e
a abondosa información farmacolóxica incluída.
CURANDEIRISMO POPULAR
Dende a
prehistoria até non hai moitos anos, na Galiza a xente se valía por
si mesma, ou recorría á experiencia dos máis vellos. A visita
médica era un luxo, e cando non eran suficientes os propios
recursos, acudíase as curandeiras, sandadoras ou menciñeiros da
contorna. Estes co paso do tempo foron adaptando o primitivo
“chamanismo” ao culto cristián, integrándoo na forma dunha
maxia popular con forte pegada relixiosa. Este coñecemento era
transmitido de nais-pais a fillas-fillos. As veces o poder curativo
da planta era asociado coa súa morfoloxía, por exemplo a “herba
das almorrás” polo seu parecido con estas, aplicación exitosa
debido as propiedades astrinxentes da mesma. Non sempre esta
correspondencia producía a curación.
As meigas/os tiñan un coñecemento moi amplo da natureza, da súa distribución, floración e recolección e a parte da planta a usar. Outorgándolle unha función social de primeiro orde, atendendo a curación de humanos e animais. A sona da eficacia dos seus remedios, atraia doentes de lonxe.
XARINGUEIRA - XARXA - SARXA
No rico
vocabulario galego, podemos atopar a Salvia con nomes como sarxa,
xarxa ou xaringueira. Este último relata a súa morfoloxía, pois os
talos onde agroman as flores son varas cadradas que se elevan rectas,
recordando unha xiringa. Quizais a orixe do nome sexa esta.
No século I d.C.,
Dioscórides escribía na súa “Materia Médica” que a
xaringueira “solda feridas e purifica chagas malignas”. Para
Dioscórides a sarxa “provoca os menstruos e fai parar as comechóns
dos xenitais se se bañan nela”. Pódese pensar que era unha planta
básica na caixa de primeiros auxilios deste médico cirurxián nas
campañas do exército romano. Tamén podía axudar aos soldados coas
picaduras de serpes.
![]() |
| Xarxa officinalis |
Para os gregos era
a planta da inmortalidade, unha fama que perdurou ata a Idade Media
como panacea ou remedio universal. Compoñente fundamental nos
elixires da longa vida.
Nos tratados
hipocráticos xa se recollía o seu uso para afeccións pulmonares.
Carlomagno,
coñecedor das súas bondades, incluíu a salvia como unha das herbas
de obrigada plantación nos xardíns do imperio.
Os síux lacotas
empregan un tipo de salvia a xeito de incenso para iniciar calquera
ritual, e na cerimonia de “inipi” (cabana para suar).
Hildegarda von
Bingen incluíaa nas súas receitas para as toses de peito.
María Treben
conta da salvia, que está considerada herba sagrada dende a
antigüidade.
No Courel usábase
tradicionalmente para todo tipo de afeccións bucofarínxeas, dentes
que se moven ou inflamacións da mucosa bucal.
XARINGUEIRA (Salvia officinalis): A HERBA DA PROTECCIÓN
Foi unha das
plantas máis empregadas nos mosteiros, o seu nome científico
“officinalis”, indica que era moi usada desde antigo en oficinas
de farmacia.
No Toulouse de 1630, a
poboación asolada pola peste negra, uns astutos saqueadores
adicábanse a roubar nas casas das padecentes, incluso nas
tumbas, desafectos ós chamativos e mortais síntomas da Yersina
Pestis. Cando foron apresados e os capitouls lles ofreceron o perdón
a cambio do seu segredo, os ladras declararon que para resistir a
infección frotaban o seu corpo cun vinagre no que maceraban sarxa,
un pouco de tomenlo, esprego e romeiro. Un século dispois, en
Marsella, en circunstancias análogas, foron imitados por outros
cacos que, a súa loción antiséptica, engadiron "allo". Desde entón
o “Vinagre dos Catro Ladras” forma parte da farmacopea natural.
As herbas desta fórmula salvadora son moi representativos da
Provenza francesa, e todas elas contan cun gran poder antiséptico e
desinfectante, son antioxidantes e fortalecen o sistema inmune.
Estas propiedades
confírenlle á salvia poderes sobrenaturais, acadando no medievo un
recoñecido prestixio dentro das consideradas “herbas máxicas”.
Estando sempre presente nos feitizos de protección e de consecución
dos desexos. Imprescindible cando se trata de arredar as forzas do
mal.
Hoxe en día,
continúase usando un atado de salvia seca como sahumerio para limpar
e protexer os espazos das enerxías negativas.
USOS E REMEDIOS
Presenta múltiples
propiedades medicinais.
Da xarxa se usan
as follas e frores, é estimulante e activadora da circulación do
sangue, axudando ó sistema nervioso na súa función. Recoméndase
para todas as persoas que padecen esgotamento -especialmente ós
intelectuais e estudantes en épocas de exámenes-, para os anémicos,
ós convalecentes, ós hipernerviosos, ós neurasténicos e ós
deprimidos (unha señora cunha grave depresión nerviosa recuperou o
seu ánimo nunhas semanas, dispós dunha cura intensiva de xarxa).
Tamén destaca
como tónico, cortando os vómitos e as diarreas, favorecendo a
dixestión e protexendo mellor que calquera outra o estómago e o
intestino.
Ten calidades
astrinxentes (efecto de contracción e desecado dos tecidos: epiderme
e mucosas) que a fan apta contra hemorraxias e tos. As súas virtudes
diuréticas (efecto de eliminación polo uriño), antiespasmódicas
(alivio dos espasmos das fibras lisas da musculatura pélvica,
reducindo as molestias menstruais) e reconstituíntes, a fan moi útil
contra afeccións tan molestas ou graves como a retención de uriños,
pereza do ril, edemas, gota, reumatismo e xaquecas. Ten capacidade
para baixar a febre, evita os desagradables suores nocturnos que
acompañan a numerosas enfermidades infecciosas.
| Xarxa officinalis |
Exerce unha acción
benéfica sobre o delicado aparello xenital da muller: tonifica o
útero, regulariza as menstruacións, evitando o fluxo branco,
axudando as xoves a atopar o equilibrio hormonal, a súa capacidade
extroxénica combate os trastornos da menopausa. Ten a virtude de ser
rica en alfa-tuyona, un composto químico que actúa de modo similar
a hormona estimulante de folículo. Favorece a ovulación. Dende
antigo, o poder da sarxa está asociada cos coidados da muller, cos
seus ciclos e coa súa fertilidade. A xinecoloxía integral
recoméndaa para regular o ciclo menstrual e suavizar as dores
asociadas. A súa infusión, indicada especialmente pola noite,
alivia os sufocos. Dúas horas despois de tomala, vaise notando como
se reduce a excesiva transpiración.
É recoñecida
como un eficaz antidiabético, a súa decocción reduce rapidamente o
índice glucémico no sangue levándoo a niveles normais.
Como planta
vulneraria, en aplicación externa, é antiséptica e
antiinflamatoria, favorecendo a renovación dos tecidos, corta a
hemorraxia e acelera a cicatrización dos tecidos, recomendable en
enxugues (xenxivite, inflamación do padal ou da gorxa, aftas,
amigdalite dos nenos, caries e abscesos dentais). Aconsellable en
locións, en compresas e en baños contra feridas, abscesos, úlceras,
furúnculos, sabañóns, contusións, esguinces e torceduras. Ideal
en queimaduras, cortes, prurito e picaduras de insectos. Se che pica
un mosquito e contas cunha planta fresca preto de ti, simplemente
colles unha follas con atención e intención, esmágaas un pouquiño
nas mans e ponas na zona afectada.
Virtuosa como
“planta de beleza”, coidando a pel de xeito eficaz, reducindo a
caída do cabelo, tonificando e desinfectando o coiro cabeludo.
PREPARACIÓN E EMPREGO
A Xarxa é aconsellable usala de cote na cociña, coas carnes a grella, na preparación de salsas, sopas, …. Canta máis se tome, mellor para a saúde.
![]() |
Infusión (verter auga fervendo sobre flores e follas da planta e deixala repousar de 3 a 5 minutos), votando medio puño (30 grs.) de mistura seca nun litro de auga: Unha cunca despois das comidas, como tónico, dixestivo e estimulante; unha cunca ó deitarse, contra o insomnio, angustia e suor frío.
Decocción (votar a planta na auga fervendo deixándoa ferver un par de minutos) de follas e flores, votando un puño e medio (80 grs.) nun litro de auga. Para uso externo: locións, friccións, xampú, compresas, duchas vaxinais, enemas, …
![]() |
Maniluvios e Pediluvios, na mesma proporción que na decocción. Neste caso, si se vai a facer tratamento durante un tempo, se aconsella facer un preparado base en 2 litros de auga que se ferve e se deixa repousar 5 minutos. Cando mornee engadimos 3 puños de planta (follas e flores), sobre 150 grs., deixando macerar a mistura protexida do po, durante 4 ou 5 horas. Cando dispoñamos de tomar o pediluvio ou maniluvio, férvese 2 l. de auga, deixámola repousar 5 minutos, e deseguido engádese sobre ½ litro do preparado base. O preparado pode conservarse durante oitos días e usarse a diario, simplemente quecéndoo sen que ferva e sen engadir máis planta. Se desaconsella o uso de recipientes de metal para esta práctica, mellor de plástico, pero o ideal é de barro. Salvo indicación en contra, tomar o pediluvio pola mañá en xexún, durante oito minutos. Estará quente pero non fervendo. Pola noite, antes da cea, tomarase un maniluvio, tamén durante oito minutos, tamén quente pero que non ferva. Este sistema tamén é de aplicación satisfactoria nos enemas e duchas vaxinais.
Viño de Xarxa: Votamos sobre dous puños (100 grs.) de xarxa (flores e follas) nun litro de viño tinto fervendo, e infusionamos un cuarto de hora, cóese e endócese a discreción. Tómese un vasiño coas comidas e outro ó deitarse. Outra receita: Deixamos macerar 3 ou 4 puños de xarxa nun litro de bo viño branco ou tinto, durante unha semana. Tómese un vasiño coas comidas. Este viño é fortificante, reconstituínte, … Ideal para todas as afeccións propias do inverno, engadindo na cocción unha ramiña de romeu e engadindo mel no lugar de endulzar con sucre.
Viño de Xarxa para uso externo nas feridas: Deixamos macerar un puño (50 grs.) de xarxa nun cuarto litro de viño por 3 días.
![]() |
Tintura de Xarxa: Deixamos macerar durante 2 semanas, un puño de follas nun cuarto litro de alcohol de 90º. Filtramos e obtemos unha loción para uso externo contra as dores, ou friccionando para estimular a circulación do sangue, ...
Licor de Sarxa: Deixamos macerar un puño de sarxa en medio litro de augardente, durante unha semana. Tómese unha culleriña das de café o día. En aplicacións externas para friccionar en zonas dooridas. Obtense un excelente licor, perfumado e rico en virtudes medicinais.
Para a artrites é recomendable unha infusión de sarxa e menta unha polgada (o que colle entre o polgar e índice: 2 grs. aprox.) de cada unha por cunca. As doentes de trastornos da circulación, engadir a infusión anterior unha polgada de anís, unha de albahaca e unha de verbena.
As follas son perfectas para facer chips de salvia. Se masaxean con aceite de oliva, bótaselles un chisco de sal e se meten no forno a temperatura alta ata que collan textura renxente propia das chips.
PRECAUCIÓN
A sarxa é unha planta potente, poderosa, que infunde respecto. Recoméndase coidado no uso interno, polo forte efecto sobre o sistema nervioso e en individuos de temperamento sanguíneo (moi expansivos, de cara vermella, ...). Pola contra, os biliosos, melancólicos e apáticos, atoparán na xarxa o que precisan para quedar perfectamente equilibrados.
Son imprescindibles os descansos nos tratamentos xinecolóxicos e para a diabete; non superando os dous meses de tratamento.
Debe evitarse o
seu consumo no embarazo, lactancia e en menores de 6 anos. Tamén en
tratamentos con medicación estroxénica e en procesos tumorais de
carácter hormonal (cancro de mama estróxeno-dependente).
MORFOLOXÍA E RECOLECCIÓN
Arbustiño
arrecendente que chega ós 70 cms., de base leñosa, moi ramificada.
Os caules teñen tendencia a deitárense lateralmente, deles brotan
todos os anos renovos tenros.
As follas
dispóñense por parellas griseiras, con pecíolo, ovaladas ou
lanceoladas, e dentiños moi finos nas beiras, a superficie é
rugosa; o reverso é piloso e esbrancuxado.
As frores
agrúpanse en espigas no remate das ponlas, cun cálice bilabiado, o
de enriba de tres dentes e de abaixo de dous. A corola é tamén
bilabiada, de 3 cm. de longo. As veces, o cálice é algo violáceo,
e a corola branco-rosácea, ou a miúdo azul. Dentro de cada espiga
dispóñense en círculos (verticiladas). O cálice bilabiado suxire
a forma de boca con dous labios abertos; o superior protexe dous
estames que saen disparados como nun resorte cando un insecto se
introduce no interior da flor, deitando o seu contido sobre o corpo
do animal. O insecto é utilizado así pola planta como vehículo de
polinización.
A Xarxa é propia
do Mediterráneo, cultívase ao pé das casas. Todas as xarxas teñen
as mesmas calidades en diferente grao.
A época de
recolección é na primavera-verán, dependendo dos órganos da
planta que se queiran aproveitar. O período máis favorable para a
recolección da maior parte das especies é no cuarto minguante da
lúa do mes de agosto (arredor do San Lourenzo).
A Sarxa florece
entre maio e agosto. A recolecta faise polo San Xoán nas rexións
temperás, e polo 15 de agosto nas rexións frías. As partes aéreas
con flor, débense recolectar frescas e antes de murcharen ou comezar
a frutificación. As follas se cortan antes da floración (que pode
producirse en épocas moi distintas, según lugar, altitude e
especie) e totalmente desenvolvidas, en bo estado de conservación,
sen estar danadas de pragas ou enfermidades. Se recollen nun día
solleiro (con sol protexido do vento), completamente enxoitas,
evitando a recolección con sol, sendo o máis apropiado a mañá,
cando o orballo está evaporado, ou ben a tardiña. Transportados en
cestos ou sacos de materiais vexetais.
Secaranse a sombra
ventilada en manoxos colgados ou en bolsas de papel, evitando que as
enzimas que conteñen degraden os principios activos, fungos e
organismos que provocan a súa descomposición. Evitando unha
desecación excesiva que pode provocar a perdas dos seus principios
activos. Como referencia, recoméndase un lugar cuberto e aireado, no
verán as flores secan, como media, entre 3 e 8 días, e as follas
entre 4 e 6 días. Se esfollan, debullan e gardan en recipientes de
vidro, conservadas nun lugar pechado, protexidas do sol. Tamén en
feixiños ou mañuzos pendurados nunha trabe no faiado da casa, na
escuridade ventilada.
| Xaringueira microphylla |
CULTIVO
Si se quere
cultivar a xarxa no xardín, escoller a especie “oficinal”. Gusta
dos terreos secos, lixeiros, calcarios e pedregosos. Plántese de
matas adquiridas ó horticultor, por estacas, acodaduras ou por
sembra. Bínese varias veces e cúbrase de palla o primeiro inverno
(en climas fríos, todos os invernos).
Se atopas salvia
fóra das hortas posiblemente formase parte de antigas hortas ou
cultivos. Nestas latitudes o máis habitual é atopala nos xardíns
aromáticos xunto co romeu ou a herba luísa.
Quizais teñas
algunha persoa coñecida que conte cunha planta de sarxa. É un
encanto facerse con elas deste xeito, así a salvia perpetua a
historia de quen poda ofrecela, dese horto ou do lugar de onde
procede.
Podemos gozar das
súas virtudes durante todo o ano. É unha planta que che axudará a
depurarte, a purificarte e a protexerte das infeccións e dos
radicais libres cando así o desexes. Unha auténtica antioxidante e
rexuvenecedora. Unha herba máxica para a túa saúde, beleza e
benestar.
Ter nas mans as
olorosas e aveludadas follas da xaringueira, de arume enxoito e
alcanforado, infunden un fondo respecto, creando unha auréola de
sacralidade.
FONTES:
- Wikipedia
- Pequena Flora de Galicia, de Xosé Ramón García – Editorial Follas Novas.
- Meu Herbario de Saúde, de Maurice Mességué – Colección Arca de Papel de Praza e Janés
- Plantas
Medicinais de Galicia. Textos: Afonso Rodríguez G., Víctor López
R. e Marisa Castro; Ilustracións: Calros Silvar. Edita: A Nosa Terra
- 7 Herbas
Máxicas: Para a túa saúde, beleza e benestar, Texto: Rosalía
Bermúdez Santos; Ilustracións: Nanda Cabaleiro – Hércules Edicións
- Plantas dos Deuses: Orixes do uso dos Alucinóxenos, Richard Evans Schultes e
Albert Hofman – Fondo de Cultura Económica, México.
- Agradecer a xentileza do servicio de préstamo da Biblioteca Municipal de Noia.







