ACULTURACIÓN - PIER PAOLO PASOLINI
No ano 2022, cúmpríronse os cen dende o
nacemento de Pier Paolo Pasolini (Bolonia, Emilia-Romaña, 5 de marzo de 1922 – Ostia, Lacio, 2 de novembro de 1975), un autor que deixou unha obra dun deseño admirable, sen igual no seu arco temporal e
espacial de poeta, cineasta, ensaísta, narrador, dramaturgo, e todo
un criterio apabullante feito ós froitos dos días e dunha fresca
inspiración. Cuestionando as ideas imperantes de obra, beleza e
artista, e do papel da arte na sociedade tardo-capitalista. Consciente da súa
individualidade: “Eu carezo de calquera autoridade que non sea a
que se desprende, paradoxalmente, de non ter ningunha e non querer
tela; de estar en condicións de non ter nada que perder, e por elo,
de non ser fidel a ningún pacto que non sea o que teño cun lector
ao que considero, polo demais, digno da máis escandalosa das
indagacións”.
A idea central do último Pasolini, é
a de que "fascismo somos todos" por dar as costas a Terra e o
Misterio; que esta sociedade, en esencia, é unha sociedade fascista,
a que por momentos se lle saltan as costuras dunha democracia
formal.
Para Pasolini, o fascismo mussoliniano
só foi o antecedente do fascismo democristiano, o cal a súa vez,
foi o antecedente do fascismo da sociedade de consumo, antecedente
directo, concluíndo, do fascismo da nosa sociedade global, xa que a
sociedade de consumo é a mesma que hoxe se vive en boa parte do
planeta, se ben máis tele-matizada.
O seu análise goza de total
actualidade: "fascismo somos todos", hoxe con matices climáticos,
migratorios, sanitarios; o noso xeito de vivir e as políticas que
apoiamos (dúas cousas nunha), é o que nos trouxo ate aquí: “Non fai
falta ser moi forte para oporse ó fascismo nas súas formas
desmadradas e ridículas, pero si fan falta unhas forzas enormes, para
oporse ó fascismo como normalidade, como codificación, digamos,
alegre, mundana, socialmente electa, do fondo brutalmente egoísta
dunha sociedade”.
O mérito de Pasolini foi non dar por
superada a crítica, anticipada pola Escola de Frankfurt, Anders ou
McLuhan. A crítica a implementa e a pasea pola rúa, levándoa a súa propia
vida e dotándoa de forza lírica, como facía con canto tocaba.
ACULTURACIÓN
Moitos son os que se laian (neste gran momento de austerity) das incomodidades debidas á falta dunha vida
social e cultural organizada, fora do Centro “maligno”, nas
periferias “boas” (vistas como dormitorios sen espazos verdes,
sen servizos, sen autonomía, sen verdadeiras relacións humanas).
Lamentación retórica. Se de feito existise nas periferias aquilo do
que se lamenta a falta, sería tamén organizado dende o Centro. Por
aquel mesmo Centro que, en poucos anos, destruíu todas as culturas
periféricas que, ate hai poucos anos, tiñan asegurada unha vida
propia, substancialmente libre, mesmo nas periferias máis pobres e
absolutamente miserables.
Ningún centralismo fascista conseguiu facer o que fixo o centralismo da sociedade de consumo. O fascismo
propoñía un modelo, reaccionario e monumental, que ficaba en letra
morta. As diversas culturas particulares (rurais, subproletarias,
obreiras) continuaban imperturbablemente a súa uniformación
respecto dos antigos modelos. A represión limitábase a obter a súa
adhesión verbal. Hoxe, polo contrario, a adhesión aos modelos
impostos polo Centro é total e incondicional. Os modelos culturais
reais, son renegados. A renuncia consumouse. Pódese, xa que logo,
afirmar que a “tolerancia” da ideoloxía hedonista desexada polo
novo poder é a peor das represións da historia humana.
Como se pode exercer tal represión?. A través das dúas revolucións internas: «a organización burguesa -a revolución das infraestruturas-» e «a
revolución dos medios de información». As estradas, a motorización,
etc..., uniron estreitamente a periferia co Centro, abolindo calquera
distancia material.
Pero "a revolución dos medios de información" foi
aínda máis radical e decisiva. Mediante a televisión o Centro
asimilou ao país enteiro, que era historicamente moi diferenciado e
rico en culturas orixinais. Comezou unha obra de «homoxeneización destrutora»
de toda autenticidade e concreción. É dicir, impuxo,
como dicía antes, os seus modelos desexados pola "nova
industrialización", que non se contenta cun “home que consuma”,
senón que pretende que non sexan concibibles outras ideoloxías a
parte da de «consumo». Un hedonismo neo-laico, cegamente esquecido de
calquera valor humanista e cegamente alleo ás ciencias humanas.
![]() |
Pasolini con María Callas, 1970. |
A ideoloxía precedente desexada e
imposta polo poder era, como é ben coñecido, a relixión; e o
catolicismo, de feito, era formalmente o único fenómeno cultural
que “homoxeneizaba” que é o hedonismo de masas; é, en canto
conflúen, o novo poder comezou, xa hai algúns anos, a liquidalo.
Non, hai, de feito, nada de relixioso no modelo do home novo e da
muller nova proposto e imposto pola televisión. Trátase de dúas
persoas que avalían a vida só a través dos seus bens de consumo
(e, ben entendido, aínda van á misa, os domingos, en coche). Os
italianos aceptaron con entusiasmo ese novo modelo que a televisión
lles impón, segundo as normas da produción creadora de benestar (ou
mellor, de rescate da miseria). Aceptárono, mais, están en verdade
preparados para realizalo?.
Non. Ou o realizan materialmente só en parte, converténdose así na súa caricatura, ou só conseguen
realizalo tan minimamente que se converten en vítimas. A
frustración, ou a verdadeira ansiedade neurótica son hoxe estados
de ánimo colectivos. Por exemplo, os subproletarios, ate hai poucos
anos, respectaban a cultura e non se avergoñaban da súa propia
ignorancia. Polo contrario, estaban orgullosos do seu propio modelo
popular de analfabetos en posesión, non obstante, do misterio da
realidade. Ollaban cun certo desprezo arrogante aos “fillos de
papá” aos pequeno burgueses dos que se disociaban mesmo aínda
cando estaban obrigados a servilos. Agora, polo contrario, comezan a
sentir vergoña da súa propia ignorancia, renegaron do seu modelo
cultural (os máis novos xa nin o lembran, perdérono de todo), e o
novo modelo que tratan de imitar non prevé, nin o analfabetismo, nin a
rusticidade. Os rapaces subproletarios humillados, tachan do seu
carné de identidade a cualificación do seu traballo para
substituíla pola de “estudante”. Naturalmente, dende que
comezaron a se avergoñar da súa ignorancia comezaron tamén a
desprezar a cultura (característica pequeno burguesa que adquiriron
de súpeto por mímese). Asemade, o mozo pequeno burgués, ao
adaptarse ao modelo “televisivo”, que, por ser creación e desexo
da súa propia clase, lle resulta substancialmente natural, vólvese
estrañamente groseiro e infeliz.
![]() |
Se os subproletarios se
aburguesaron, os burgueses paralelamente, subproletarizáronse. A
cultura que eles producen, sendo de carácter tecnolóxico e
estritamente pragmático, impide o desenvolvemento do "vello home”
que aínda existe dentro deles. De ahí resulta unha especie de
retraemento, das facultades intelectuais e morais.
A responsabilidade da televisión en todo iso é enorme, non o é, claro está, en canto “medio
técnico”, mais si en canto instrumento de poder e poder mesmo. Non
é simplemente un lugar polo cal circulan as mensaxes, senón un
centro elaborador de mensaxes. É o lugar onde se fai concreta unha
mentalidade que doutro xeito non sabería onde instalarse. A través
do espírito da televisión, maniféstase concretamente o espírito do
novo poder.
Non cabe dúbida (os resultados
demóstrano) de que a televisión é o medio de información máis
autoritario e represivo do mundo. Comparados con ela, o xornal
fascista e as pintadas mussolianas nas fábricas son unha broma; como
(dolorosamente) o arado comparado cun tractor. O fascismo, teimo, non
foi quen, no fondo, nin de rabuñar a alma do pobo italiano; o novo
fascismo, a través dos novos medios de comunicación e información
(especialmente da televisión) non só a rabuñou, senón que a
violentou, contaminouna para sempre …
Fragmento inicial dun artigo publicado no Corriere della Sera (9/12/1973), co título de “Sfida ai dirigenti della televisione (Reto aos directivos da televisión)”, e publicado nos “Escritos Corsarios (Edicións Positivas)”
![]() |
Fontes:
- ANIMAL – Revista Cultural para
Todas as Especies, nº 17, Outono 2007. Edicións Positivas.
-“Fascismo somos Todos” de Jorge Gimeno, Tinta Libre, nº 102, Maio 2022.




