A RESURRECCIÓN DO ALERCE

VARLAM TÍJONOVICH SHALÁMOV (ruso: Варлам Тихонович Шаламов), Vólogda, 5 de xuño de 1907–Moscú, 17 de xaneiro de 1982
A firmeza moral, a persoalidade indoblegable de Varlam Shalámov fórmase enfrentada a outro carácter forte, o do seu pai Tijon, pope e home profundamente relixioso, parecido o seu fillo en rigor pero moi distinto nas súas creencias. Nadezhda, a esposa de Tikhon Shalámov, enxendra un fillo fanáticamente ateo. O pai, un home noutro tempo misioneiro en Alaska, amante da caza que, por costume e necesidade, cría e sacrifica, claro está, animais domésticos, educa a un fillo que, como confesa Varlam nas suas memorias, é incapaz de matar a un ser vivo nen polo mesmo alimentarse da súa carne. Pero a fidelidade extrema e obstinada ós seus respectivos idearios, a súa firmeza moral, será moi semellante en pai e fillo.
O pequeno de cinco irmáns, será o fillo máis querido da súa nai, unha mestra que abandona a súa profesión para entregarse á familia. Ela ensinará a Varlam a leer ós tres anos e dela, escribe o fillo, recibirá o seu amor as letras e a poesía.
Nado en Vologda en 1907, vive a revolución o traveso dos ollos do seu pai. A pesar de ser testimonio dos excesos do poder bolchevique cos que se instala o novo réximen na súa cidade, será un firme partidario do poder soviético.
Viaxa a Moscú para iniciar a súa carreira universitaria, traballa nunha fábrica de curtidos para adquirir o dereito de ingresar nos estudios superiores, acceso so permitido ós fillos de proletarios e campesiños pobres. Ós dous anos de estudar na Facultade de Dereito Soviético, será expulsado tras unha denuncia na que un compañeiro o acusa de ocultar o seu orixen.
Na universidade súmase a oposición leninista de esquerdas, enfrentada a política de Stalin. A difusión do chamado “Testamento de Lenin” será o motivo da súa primeira detención. En 1929 Shalámov é condenado, como “elemento socialmente perigoso”, por difundir a “Carta ó Congreso” do Partido, na que Lenin -xa moi enfermo-, reclamaba retirar a Stalin do cargo de Secretario Xeral. A súa primeira condena é de tres anos a "traballos forzados" en Vishera, na rexión dos Urais.
Dalle ao "plei", e acompaña a lectura cunha das mellores interpretacións do «Concerto de Aranxuez» de todos os tempos.
A RESURRECCIÓN DO ALERCE
Somos supersticiosos. Pedimos milagres. Inventamos símbolos e con eles vivimos.
Un home no Extremo Norte busca unha saída para a súa sensibilidade non destruída, non envelenada tras longos anos en Kolimá. Envía por correo aéreo un paquete, non libros, nin fotografías, senón unha rama de alerce, unha rama morta de natureza viva.
O estrano presente -unha rama enxoita, batida polos ventos dos avións, esmagada, quebrada nun vagón correo, unha rama dun marrón claro, dura, osuda dunha árbore do Norte- a poñen en auga.
Enchen un bote de conservas con auga da billa de Moscú, unha auga malva, chea de cloro, desinfectada, que por ela mesma é perfectamente capaz de secar todo o vivo: a auga morta das cañarías moscovitas.
Os alerces son máis serios que as flores. No cuarto hai flores, flores de brilantes cores. Colócanse ramos de cereixo aliso, ramos de lilas que se poñen en auga quente, as ramas machácanse e mergúllanse en auga fervendo.
A extremada remota rexión toma o seu nome do río Kolimá, de 2129 km. de longo drenando unha conca de 680.000 km2. (superficie territorial da Península Ibérica: 583.254 Km2). Esta conca está constituída por montañas ó sur e o este, con 3.000 metros no monte Chen, nos montes Cherski, e pola vasta chaira de Kolymá o norte, co río desembocando no océano Ártico. O seu caudal, de 4060 metros cúbicos por segundo, é o sexto maior de Rusia. O río Kolymá permanece xeado a unha profundidade de algúns metros durante 250 días o ano. O clima da rexión é subártico, con invernos de seis meses de duración e temperaturas extremas que oscilan entre os -19ºC e -45ºC.
O alerce está en auga fría, algo morna. O alerce viviu máis preto de Chórnaya Rechka (un dos campos de concentración polos que pasou Varlam Shalámov no Norte) que todas esas flores, que todas esas ramas de cereixo, de lilas …
Isto o sabe moi ben a muller da casa. Tamén o alerce.
Obedecendo a ardente vontade do home, a rama reune todas as súas forzas físicas e espirituais, pois é imposible que a rama resucite só coas forzas físicas: o calor de Moscú, a auga clorada, o impasible bote de vidro. Na rama acordan outras forzas, unhas forzas secretas.
Pasan tres días e tres noites, e a muller a desperta un estraño arrecendo, un arume que lembra a trementina, débil, delicado, novo. Na recia e leñosa pel ábrese paso, brotan á luz unhas novas agullas, xoves, vivas, agullas frescas de pinocha.
O alerce está vivo, o alerce é inmortal; este milagre da resurrección é imposible que non sea certo, pois o alerce púxose no bote con auga no aniversario da morte en Kolimá do marido da ama de casa, un poeta.
Incluso esta lembranza do home morto participa do retorno a vida, da resurrección do alerce.
O delicado arume e o verde cegador son principios decisivos da vida. Son febles pero vivintes, resucitados por unha misteriosa forza espiritual, agochados na rama mostrada á luz.
O arrecendo libián e claro do alerce, que ningunha forza no mundo podería borrar aquel arresendo, apagar a cor e a luz do verde.
Cantos anos, acaneado polos ventos, polas xeadas, xirando tras o correr do sol, o alerce, cada primavera, estende hacia o ceo as súas novas follas verdes.
Cantos anos?. Cen. Douscentos. Seiscentos. O alerce de Daúr alcanza a idade adulta ós trescentos anos.
O río Kolymá só está libre de xeo desde principios de xuño a principios de outubro.
Trescentos anos!. A rama do alerce, a ramiña que respiraba na mesa de Moscú era do tempo de Natalia Sheremétieva-Dolgorúkova (1714-1771, filla de B. N. Sheremétiev, esposa do príncipe I. A. Dolgorúkov, ó que seguiu no seu desterro en Siberia en 1730) e podería evocar a súa amarga sorte: os reveses da vida, a fidelidade e a firmeza, a integridade moral, os sufrimentos físicos, morais, que en nada se distinguían dos tormentos do trinta e sete, contiñan a mesma natureza feroz do Norte -que aborrece do home, mortal polos perigos das avenidas primaverais das augas e polas ventosas invernías-, as denuncias, a brutal arbitrariedade dos mandos, as mortes, os descuartizamentos, o tormento da roda ó que se veu sometido o esposo, o irmán, o fillo, o pai, todos denunciándose, traicionándose os uns ós outros.
Acaso non é este o eterno tema ruso?.
Despois da retórica moralista de Tolstói e dos furibundos sermóns do Dostoievski, viñeron novas guerras, revolucións, Hiroshima e os campos de concentración, denuncias, fusilamentos.
O alerce trocou as escalas do tempo, votoulle en cara ó home a súa desmemoria, e lembroulle o inesquecible.
O alerce que vira a morte de Natalia Dolgorúkova e que viu millóns de cadáveres -inmortais na eterna conxelación de Kolimá-, que viu a morte do poeta ruso, o alerce vive en algunha parte do Norte, para ver, para gritar que nada mudou en Rusia: nin a sorte dos homes, nin a xenreira humana, nin a súa indiferenza. Natalia Sheremétieva apuntouno todo, escribiuno coa súa forza chea de tristura e coa súa fé. A rama do alerce que revivira na mesa moscovita xa estaba vivo cando Sheremétieva viaxaba hacia o seu funesto destino en Beriózov, por unha senda moi parecida a que vai a Magadán, máis alá do mar de Ojotsk.
O alerce destilaba, iso mesmo, destilaba un arrecendo a saiba. O arume transmutábase na cor e non había fronteiras entre ambos.
O alerce respiraba na casa moscovita para traer á memoria dos homes o seu deber de homes, para que os homes non esqueceran os millóns de cadáveres, os millóns de homes caídos en Kolimá.
O frouxo e teimudo arume era a voz dos mortos.
E era xustamente no nome destes defuntos que o alerce se atrevía a respirar, falar, vivir.
Kolimá presentaba unha especificidade notable entre as numerosas rexións de Siberia do Norte: a súa riqueza en xacementos de ouro. Despois do descubrimento do seu potencial mineiro, a rexión converteuse en obxecto dunha explotación intensiva. Os prisioneiros foron a ferramenta principal nesta operación levada a cabo polo Estado. Millóns de «inimigos do pobo», utilizados como man de obra escrava morreron nas minas de ouro do norte siberiano. O sistema tiña un dobre obxectivo: a explotación dos recursos mineiros e simultaneamente, a liquidación dos opositores políticos.
Para aquela resurrección facía falta forza e fé. Non bastaba con meter a rama en auga, nin moito menos. Eu tamén puxen un día unha rama de alerce en auga: a rama secouse, converteuse nalgo inanimado, fíxose fráxil e crebadiza, a vida afastouse. A rama marchouse á nada, non resucitou. Pero o alerce na casa do poeta reviviu nun bote con auga.
Si, ai ramas de lilas, ramas de cerdeira, e ai romanzas sensibleiras; o alerce non é un bo motivo, non é un tema para unha romanza.
O alerce é unha árbore moi seria. É a árbore que nos da a coñecer o ben e o mal, non é unha mazaira, nin un bidueiro; a árbore que se atopaba no paraíso terreal antes da expulsión de Eva e Adán.
O alerce é a árbore de Kolimá, a árbore dos campos de concentración.
En Kolimá os paxaros non cantan. As flores de Kolimá -brilantes, presurosas, burdas- non arresenden. Un curto verán -con ar fresco, sen vida-, unha calor seca e a friaxe da noite.
En Kolimá so arrecende a uva espiña, o escaramuxo da montaña, coas súas flores de rubís. Non arrecende nin o rosado e rudo lirio, nin as enormes violetas, nin o fibroso enebro, nin o eternamente verde stlánik.
So o alerce invade os bosques co seu libián arrecendo a trementina. Ó principio pode parecer un cheiro a descomposición, un cheiro a morto. Pero si un presta atención, si inspira fondamente este arrecendo, comprenderá que é o arrecendo a vida, o arrecendo da resistencia o Norte, o arrecendo a vitoria.
Polo demais, en Kolimá os defuntos non cheiran: están demasiado consumidos, desangrados, e ademais se conservan conxelados entre os xeos perpetuos.
Non, o alerce non é unha árbore boa para as romanzas, sobre esta rama non hai xeito de cantar, de compoñer unha romanza. Aquí as verbas teñen outra fondura, calan noutras profundidades dos sentimentos humanos.
Os prisioneiros, produto das represións stalinistas, comezaron a chegar a Kolymá a principios dos anos 1930 para comezar a explotación dos recursos naturais. A flota de transporte “ad hoc” transportaba a súa carga humana, só con billete de ida, ó xeado país do Norte. Moi poucos entre eles puideron volver ó seu país de orixe, e os que retornaron o fixeron xeralmente inválidos; vítima de conxelacións severas. A maioría descansa nas fosas comúns, escavadas no permafrost, enterrados baixo montóns de pedras ou levados, como folla morta, polo desxeo de primavera ao océano Ártico.
O home manda por avión desde Kolimá unha rama de alerce. Non a envía co propósito de que o lembren a ele. Nin en memoria da sua sorte. Senón en lembranza dos millóns de seres asasinados, torturados ate a morte, que se apilan nas fosas comúns o norte de Magadán.
Para axudar a recordar ós demais, a descarga da súa alma esta pesada carga: ver algo asi, atopar o valor de non contalo e sin embargo lembralo. O home a súa dona adoptaron unha nena -a filla presa dunha nai morta no hospital- para, o seu propio entender, a súa maneira, tomar sobre sí algunha obrigación, cumprir algún deber persoal.
Para axudar ós compañeiros, a aqueles que quedaron con vida tras os campos de concentración do Extremo Oriente.
Mandar a rexa e flexible rama a Moscú.
Ó enviar a rama o home non comprendía, non sabía, non pensaba que en Moscú ían a devolverlle a vida a rama e que esta, resucitada, arrecendería a Kolimá, florecería nunha rúa de Moscú, que o alerce mostraría a súa forza, a súa inmortalidade -pois os seiscentos anos que vive o alerce son para o home practicamente a inmortalidade-, que alguén en Moscú tocaría coas suas mans a rugosa, sufrida e rexa rama, a miraría, vería o seu verde cegador, o seu rexurdimento, a súa resurrección, e iría a inspirar o seu arrecendo non como lembranza do pasado, senón como unha nova vida.
1966
VARLAM TÍJONOVICH SHALÁMOV (ruso: Варлам Тихонович Шаламов).
Volta a Moscú en 1932 coa intención de reintegrarse na vida cultural. No 1937 é detido e ingresa no cárcere de instrucción Butirka; o 2 de xuño é condenado por “actividades contrarrevolucionarias trotskistas” a cinco anos de traballos forzados nun campo de traballo correccional, coa categoría do célebre acrónimo ruso KRTD do artigo 58, o dos “enemigos do pobo”, este indicativo expresa que estos presos son destinados a traballos físicos duros.
A mediados de agosto de 1937 -na etapa máis sangrenta e mortífera da represión política estalinista-, Shalámov chega cunha gran partida de presos a Magadán, de onde o mandan a rexión de Kolimá, ó xacemento aurífero Partizán. Na rexión de Kolimá, un extenso territorio de explotación, sobre todo mineiro, permanece en diferentes condicións e estados ata finais de 1953 -Stalin morría en marzo deste mesmo ano-. En varias ocasións e pola súa condición de preso KRTD, era un despoxo humano que se precipita polo camiño, casi sempre sen retorno, dos que padecen distrofia alimentaria, salvado en extremis, casi miragosamente.
No 1956 lle chega a rehabilitación por “ausencia de delito”. Voltando a Moscú tras casi vinte anos dispois.
O 17 de xaneiro de 1982 morre nun centro de enfermos psíquicos crónicos. Enterrado según rito cristián no cimenterio de Kúntsevo de Moscú.
No mesmo 1982 aparece en París, a edición francesa dos seus Relatos de Kolimá. Así, trala ignominiosa morte, empezará a gloria de Varlam Shalámov.
Os “Relatos de Kolimá”, representan un poderoso puñetazo na cara dos seus verdugos, construindo o máis contundente alegato, claro e fermoso contra o terror dos campos de traballo, un dos maiores crímenes humanitarios do século XX.
Fontes:
Relatos de Kolimá:
- Vol. IV: A Resurrección do Alerce.
- Vol. VI: Ensaios sobre o Mundo do Hampa.
Varlám Shalámov
Editorial minúscula-2011
- WIKIPEDIA

OS MÁIS LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E O «SANCTI SPIRITU»

NÓS, OS IRRELEVANTES

FESTAS PATRONAIS 1946 CON SONETO Ó BERBERECHO

GACETA MUNICIPAL - 16 XULLO 1931

GACETA MUNICIPAL - 24 XULLO 1931

ULTREIA: TERCEIRA XEIRA (3/3)

«A DECADENCIA DE OCCIDENTE» de OSWALD SPENGLER (2/4)

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

«A TODO O QUE NON PENSE COMA NÓS»

FESTAS PATRONAIS 1947 / OS EMILIANOS / EVA DUARTE DE PERÓN