DESORIENTACIÓN / O QUE SON OS NENOS!

Autorretrato de Patricio Pérez Morales.
1/10/1901: Marcelino Rodríguez Castro, Director do Centro docente "San Vicente de Paúl", edita unha relación de alumnos do curso 1900-1901, cas seguintes cualificacións: Sobresalientes- 5, Notables- 11, Aprobados- 106 e Suspensos- 6. Total: 128 alumnos. Neste centro escolar cursábase: Bachillerato e preparación para as carreiras eclesiásticas, Maxisterio e Comercio.
1902: Na Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago de Compostela, conseguiu Gran Premio a Industria de Alexandre Carreño e Fillos, e Diploma de Honor, a tamén afamada fábrica de conservas "A Noiesa" de Felix García Somoza.
No Certame de París "Le Correspondant Médicale" celebrado este ano 1902, foi presentado un traballo do eminente doutor noiés Xesús Rodríguez Vázquez (avó dos actuais Rodríguez Cadarso), colleitando un grande éxito, o mesmo que o seu colega o doutor Xoán Barcia Caballero, de Santiago.
10/06/1903: No Xulgado de Primeira Instancia verificouse a poxa do material e demais maquinaria da fábrica de electricidade situada en Brandia, con motivo do litixio sostido entre o concesionario e o dono das augas que se empregaban como forza motriz para o subministro de luz a esta Vila, que foi adxudicada a Dámaso Parrado, veciño de Vilagarcía de Arousa, pola cantidade de 2.900 ptas. Parece que o remitente asociado con outras persoas da Vila, proxectan instalar un salto de auga derivado do río Tambre.
23/08/1903: Celébranse as festas en honor a San Bartolomeu. Dianas e alboradas pola banda de música que dirixe Filipe Paz; dúas corridas de novillos os dias 24 e 25. Lumes de artificio as noites do 23, 25 e 26, procedentes dos acreditados talleres Espinos de Reus; Xigantes e Cabezóns; Procesións de San Bartolomeu, San Roque e da Virxe do Carmen; Paseos de Moda; Función de Teatro por unha Compañía de Zarzuela os días 24 e 27; Concurso de Xota e Muiñeira adxudicándose o premio de 10 ptas. á mellor parella que o execute; Reparto de premios a os alumnos máis avantaxados das escolas públicas, amenizando o acto unha banda de música, que terá lugar no edificio das Escolas Públicas.
26/08/1903: Xosé López Alonso sostén nun artigo que publicou na "A Emancipación", a necesidade de construír unha praza de abastos.
31/12/1903: Se rexistra o movemento demográfico durante este ano: Nacementos, 382, Defuncións, 197 e Matrimonios, 57.
DESORIENTACIÓN
Todos os días salgo de casa e con certeza non sei onde vou. Baixo a porta, sigo á rúa de Oviedo Arce, cruzo a do Comercio, atraveso a Porta da Vila, e ó chegar ós Xardíns de Felipe de Castro detéñome un rato, preguntándome: «onde vou?».
Nun lado dos Xardíns contemplo a estrada a Santiago, no lado contrario a que vai para Muros, que desde que fixeron as obras de reforma do seu firme, parecen unha soa. Non me dirixo a ningunha, busco un asento no que acomodarme: «onde mellor podo estar!», me digo. Dende alí vexo a xente que sube e baixa, e tamén a que circula pola carreteira de Muros, que a teño enfronte. Fácil resulta saber onde vai a maioría desta xente, son traballadores que tornan as súas casas co remate da xornada diaria, os veciños da inmediata parroquia de Barro que veñen a mercar a Noia. Preto onde estou, están os xardíns centrais da alameda, e coa certeza de facer algunha labor chega o xardineiro maior provisto de ferramentas que deixa no chan onda os xardíns. Antes de dar comezo ó labor, lía devagar un cigarillo, o acende e dálle dúas ou tres "caladas"; bota un ollo na entorna, e decídese botar man das ferramentas. Observo como sega a herba, manexando a máquina dun lado ó outro con virtuosismo maquinal, xuntándoa toda nun montón, chupando, ao mesmo tempo, a máis chupar, o cigarro que tiña nos beizos. O xardineiro sabe mellor que ninguén, que a alameda é o lugar máis visitado, por elo a importancia de manter a herba segada, como perfecto "corte" da verde cabeleira dos xardíns.
Afasto a ollada do xardineiro e a dirixo máis abaixo; sinto curiosidade por saber o que ocorre en torno a estatua de Felipe de Castro. O espectáculo que descubro é vulgar, o de todos os días: catro neneiras cos seus nenos, e catro homes sentados. Seguramente son as mesmas persoas de todos os días, pero que son novas para quen as contempla por primeira vez. A aparición dun coche de viaxeiros, e despois de outro, obrígame a fixar neles a mirada; é por pouco tempo. A chegada distos coches é para min como o soar da hora dun "relóx", érgome co propósito de emprender a viaxe de retorno a casa. E xa en marcha, que cando dela saín, agora máis seguro sei con certeza onde vou, pero, hai!, xa preocupado polo que farei mañá e a onde me dirixirei, logo de chegar ó sitio que acabo de deixar.
Volverei a ver ó xardineiro segando a herba do xardín?.
Volverei a ver as neneiras reprendendo a gritos ós nenos?.
Noia, agosto de 1957.
22/01/1904: Ábrese unha subscrición popular polo periódico "A Emancipación" para a reparación do pretil da Ponte de Traba, cuxos donativos poden entregarse no establecemento de Benito Piñeiro, rúa Ferreiro. O listado dos donativos recadados ascende a: 9,75 pesetas. Si esta subscrición dese resultados satisfactorios, iniciaríamos outras de conveniencia para a hixiene pública.
6/10/1904: En virtude das disposicións ditadas polo Ministro da Gobernación, as tabernas desta Vila permanecerán pechadas os domingos non feirados.
7/10/1904: A reinstalación do alumeado público eléctrico é un feito. Xa se está procedendo ó tendido para a condución da enerxía que se produce na fábrica de Brandia, para subministrar luz ós particulares e ó pobo si o Concello contrata o servizo. O empresario don Dámaso Parrado -que desistiu do seu primitivo proxecto de construír a fábrica nas marismas de San Lázaro-, outorgou co propietario do salto de auga de Brandia, don Xosé Riva, unha escritura de arrendamento por cinco anos.
25/10/1904: Entre as dez e as once da mañán ocorreu un incendio nunha casa do lugar da Loxe, parroquia de Santa Cristina, propiedade de dona Xoana Fernández Tuñaz, octoxenaria que se adica á mendicidade. Retornando da fonte xa veo a lumarada que saía da casa, meténdose nela para rescatar trinta pesetas que tiña gardadas no desovan, sufrindo queimaduras de consideración na cara e brazos. Atópase gravísima e lle foron administrados os Santos Sacramentos. As perdas ascenden a 500 pesetas. Tamén na madrugada de hoxe, iniciouse un incendio na panadería de Seixas, na rúa Luís Cadarso, sendo sufocado ó pouco tempo polos veciños.
1/11/1904: O "tablaxeiro" don Xoán Fernández disparou un tiro de revólver sobre Xosé Martínez, axente executivo da zona de Muros, feríndoo na cachola. Os feitos teñen o seu orixe na negativa do "tablaxeiro" non querer vender unha "besta" no prezo de cincuenta pesetas. Tramitouse denuncia ó Xulgado.
5/11/1904: Na sesión supletoria celebrada baixo a presidencia do Alcalde Pérez Neu e ca concorrencia dos Concellais: García Somoza, González, Fraga, Estévez, Calvo, Pérez (Manuel e Basilio), Suárez Mayo, Balirach e Vieites, que acordaron o seguinte: Aumento nun quince por cento, o tipo de poxa para reparar a rúa de Luís Cadarso, habida conta de que nas dúas licitacións anteriores, ambas quedaron desertas por falta de licitadores.
Aprobación dunha conta remitida pola Administración do Hospicio, quedando encargado o señor Calvo da validez da súa contía, dado que a primeira vista nótase unha diferencia de cinco ferrados de fabas entre dita conta e a liquidación practicada por este señor. Acordouse obrigar no sucesivo a dita Administradora, a presentación da contas na Alcaldía, con vintecatro horas de anticipación ó día que houbera de someterse á aprobación do Concello.
8/11/1904: Comunican de Porto do Son, que a sardiña é alí abundante, pois os xeiteiros collen desde tres ate vintecinco millares, sendo moi raro o barco que torna a terra sen ren. O tempo fermoso permitiu facer con desafogo as faenas da pesca e coidado de aparellos.
8/11/1904: A Deputación Provincial tratou nas sús últimas sesións, a cuestión dos Ferrocarrís Secundarios, acordando interesarse para que, o tramo que figura de Ourense a Santiago, se leve por Ponte Ulla a Noia, pasando por Padrón. Aínda que isto é un proxecto, cando chegue a realizarse estaremos de parabéns.
22/11/1904: A muller coñecida co alias "A Purifica", tratante de ovos do lugar de Vilar de Tállara, denuncia o roubo dunha bolsa con 270 ptas. que tiña nunha cesta que deixara na porta dunha casa, mentres entregaba un pouco de xabón que lle encargaran. Cando chegou a Ponte de San Francisco, foi cando a muller decatouse da falta do diñeiro. En Noia dou coñecemento do roubo na Garda Civil, sen que esta averiguase quen llo subtraeu. Só unha parte do diñeiro era da muller. 150 ptas. llas traia para o comerciante Rafael Sáez da rúa Comercio, que llas entregaran para él en Vilagarcía de Arousa, e 60 ptas. para o fabricante de curtidos da Chainza, Sr. Rechou.
29/11/1904: O Deputado Sr. Cervantes fixo unha petición no Congreso, solicitando do Goberno protección ós mariñeiros de Porto do Son, atropelados polos buques pesqueiros franceses que empregan o aparello do "bou". Contesta o Ministro de Mariña de estar ó tanto, e que as autoridades instruíron sumario, ademais da presentación de reclamación pola vía diplomática.
30/11/1904: Anunciase no Boletín Oficial do Concello as seguintes poxas: arbitrios establecidos sobre a alfóndega, medidas de uso voluntario e postos públicos na rúa de Filipe de Castro, baixo o ripo de 3.200 ptas.; Arbitrio sobre postos públicos que se sitúan en rúas e prazas, baixo o tipo de 800 ptas.; Imposto establecido sobre as reses que se sacrifiquen no matadoiro público, tipo 2.450 ptas.; Arbitrio sobre carruaxes de transporte, tipo 500 ptas.
O QUE SON OS NENOS!
A principios de século, por elementos de significación e prestixio, fundouse nesta vila unha sociedade cuxo fin inmediato era combater a política de don Rafael Gasset, á sazón imperante. E, desexando, ó mesmo tempo, beneficiar ós fillos dos socios, abriuse unha escola nocturna, cúas aulas impartíanse no mesmo local da sociedade. Que tempos aqueles!. Co aporte-recargo de vintecinco céntimos sobre a cota regulamentaria, tiña dereito cada socio a inscribir un neno na escola, e non é de estrañar, por elo, que a súa matrícula subise coma a escuma.
O ensino que nela se impartía era a primaria, e a nós, que desempeñábamos o cargo de Secretario da sociedade, se nos asignou o encargo dunhas clases.
A asistencia dos nenos era asidua e constante; co fin de estimular a súa aplicación, ideamos un orixinal castigo, que consistía na ameaza de recluír no «cuarto escuro» ao neno desaplicado. Dábamos o nome de «cuarto escuro» a un desván desprovisto de alumeado, sito encima do local da sociedade.
Entre os nenos que concorrían a escola, había un dunha aldea inmediata, distante case que dous quilómetros desta vila, e ó que sempre acompañaba o avó, aínda naquelas noites nas que o tempo non animaba a saír da casa. O que é o cariño!. O avó despois de acompañar ó neto e deixalo na escola, pacientemente, agardaba nos baixos da sociedade a que a clase rematase, e cando isto tiña efecto, retornaba co neto á aldea. E así unha e outra noite repetía isto, marabillándonos o entusiasmo con que o vello facía esta viaxe diaria; e, desexando corresponder con ese entusiasmo e compensar de algún xeito tanto sacrificio, tomamos con interese o ensino do neto. Pero o neno era de eses que poderían clasificarse no grupo dos torpes, e pouco ou nada adiantaba e, querendo empregar con ele todos os recursos para estimular a súa intelixencia, unha das noites o ameazamos co «cuarto escuro», e aquí foi elo!; o neno non volveu a escola.
Un dos días que seguiron a esta noite, recibimos a visita do avó, que nos comunicou que o neno lle dixera: "Antes de ir ó «cuarto escuro» tirábase ó río".
Ó carón da carreteira que o neno cruzaba para vir a escola, pasa o río Traba.
Moitos anos transcorreron dende aquela, ó menos cincuenta. O avó morreu e o neto, xa un home con fillos, algunha que outra vez nos parecía recoñecelo cruzándoo por algunha rúa ou camiño, a súa presenza nos facía lembrar aquel tempo. E pensábamos: «O que son os nenos!».
Noia, xullo de 1957.
4/01/1905: O periódico local "A Emancipación", publica o movemento do porto de Noia durante o ano 1904: "entraron 153 buques de vela con 3.299 Ton. de rexistro e 653 tripulantes; todos fixeron operacións de descarga; tamén dou entrada un vapor en lastre. As mercancías que en maior escala se descargaron foron por orde de importancia: viño, sal, fariña, millo, augardente, cal, tellas e salvado; o groso do comercio efectúase con Vigo. Saíron no mesmo ano un vapor con cargamento de grans para Foz e 163 buques de vela con 3.779 Ton. de rexistro e 728 tripulantes; dos 163 buques, 116 saíron con carga, o risto en lastre, sendo a mercancía de maior importancia das saídas "troncos de piñeiro", dos que se embarcaron 1.595 Ton.; seguíndolle en importancia, os envases baleiros que suman 154.517 Ton.; o comercio principal faise con Xixón, Avilés, Vigo e Dena".
7/01/1905: Na sesión de hoxe, o concellal Vieites solicita o expediente instruído co motivo do derrube da casa da rúa da Axuda, que intenta reconstruír Manuel Pérez Fernández. Deuse orde ó Secretario a procura de dito expediente.
Apróbanse as contas seguintes: unha do Hospicio, 377,50, acordándose a instancia de García Somoza, que no sucesivo as solicitudes de obra deberán ser presentadas no Concello visados por un vocal da Comisión de Beneficencia; outra de Manuel Romero, constructor da arqueta e escaleiras da fonte do Couto por valor de 170 pesetas; e outra de Francisco Romero, encargado das obras da ponte que vai do Macelo a San Lázaro por 392,50 pesetas.
4/04/1905: Na sesión do Concello de este día, apróbase definitivamente a poxa da rampa de enlace da rúa de Romero Ortíz cos malecóns. Asemade apróbanse: Unha conta de Vicente Picallo de 12 pesetas por obras realizadas na rúa da Axuda, e outra de 49,75 ptas. ao perito Saturno Souto, por medición e taxación dos terreos que se precisaron expropiar para a creación da variante introducida a carreteira Noia a Muros. Acórdase anunciar o concurso dunha praza de "ordeanza" do Concello.
8/04/1905: Na sesión do concello celebrada hoxe, dase conformidade ó ditame da Comisión de Policía e Obras, aprobando as realizacións na rúa Luís Cadarso. A petición do concellal Botana, acórdase recompoñer o camiño que vai da casa do señor Cura de Róo á casa-escola do mesmo lugar, despois de formar o presuposto da cantidade a que poden ascender as obras.
O Presidente da Liga de Amigos da Coruña, solicita ó Concello a adquisición de algún exemplar do libro "Don Quixote da Mancha", co fin de solemnizar o centenario da terceira edición. A petición do señor Fraga, acórdase adquirir 50 exemplares.
Noméase comisionado para acompañar ós quintos, ó señor Estévez Trillo e acórdase dar a gratificación acostumada a cantos empregados interviren en traballos de quintas. Apróbanse as seguintes contas: Unha de 2 ptas. a Xoán de Viñas por condución de dous carros de pedra á rúa da Prazuela; outra de dezasete ptas. con cincuenta céntimos a Cipriano Ínsua, por obras realizadas na costa do Río do Porto, no lugar de Barro, e dúas contas á viúva de Laciana de oitenta e seis ptas., por subministro de papel para a música e velas para a función da Candelaria. Nesta sesión, unha comisión de vinte veciños do lugar de Barro, solicitan se reconstrúa o camiño antes existente coñecido por "Campo da Braña", actualmente intransitable por unha gabia aberta nel e materiais acumulados polo contratista das obras da estrada Noia a Muros. Se traslada á Comisión.
13/04/1905: No monte de Seoane (Lousame), aparéceo un individuo moribundo na madrugada do pasado día 10, de 18 anos de idade, mineiro, co nome de Antonio Froxán, quen faléceo poucas horas despois. Ao seu carón atopouse unha espingarda. Persoáronse no lugar o cura Luís Balirac, quen o asisteo nos derradeiros auxilios. Logo presentouse o Xuíz Municipal de Lousame acompañado do Secretario Manuel Sánchez e o médico Ramón Mariño.
15/04/1905: Na sesión da Corporación deste día, acórdase adxudicar a praza de ordeanza-mozo de oficios do Concello, ao único aspirante, Aurelio González González. Asemade apróbase unha conta de Manuel Romay, de 93 ptas. con 20 céntimos, por traballos realizados na colocación da cañaría da fonte do Couto, e acórdase rematar esta obra construíndo unha taza sinxela, aínda bastante ampla a conter auga suficiente para un caso de incendio.
21/05/1905: Na Escola de Debuxo dirixida por Ramón Lira Castro, celébrase un concurso con motivo do terceiro Centenario da publicación do libro "Don Quixote da Mancha". O premio foi para o alumno Avelino Axeitos.
29/06/1905: Declárase unha folga de mariñeiros e vendedores de peixe desta Vila, recorrendo pacificamente en manifestación os malecóns, e opóndose á introdución de peixe procedente de Muros.
21/06/1906: Na sesión celebrada pola Corporación Municipal, acordan entre outros puntos o seguinte: A consecuencia do acordo do Concello de ordenar o traslado a Taramancos da escola de Boa. Previa publicación no Boletín Oficial dun anuncio, convidando ós veciños que posuíran casas en Taramancos, informen das condicións de arrendo. O Secretario dou fe da presentación dun prego asinado por Sebastián Ben, ofrecendo unha casa por 120 ptas. anuais. A Xunta Local de Instrución dou o visto e prace sobre as condicións da casa ofertada.
Merceditas e Patricio na década dos anos trinta.
Fontes:
- "Foron dous Milagres" de Patricio Pérez Morales. Edición a cargo de Ánxel Pérez Cobas. Edición de febreiro de 2010. www.edicionpersonal.com.
- "Efemérides Noiesas" de Manuel Hermida Iglesias (Fanaraco) e Pepe Agrelo Hermo. Imprenta Eco Franciscano, 1971.

OS + LEIDOS

FESTAS PATRONAIS 1945, A FORTALEZA DO TAPAL E OS HOSPITAIS DO «SANCTI SPIRITU»

NOTARIO IOANO MOAES, AS MARCAS DOS PEDREIROS E O ANO DO COMETA

PETRÓLEO, SIONISMO E BARBARIE

«SHELL SHOCK»: NEUROSE DE GUERRA

SERVIDUME VOLUNTARIA - VII/IX

SANGUE DE LADRA

SERVIDUME VOLUNTARIA - VI/IX

MUNICIPAIS DO 31 (e 2)

SERVIDUME VOLUNTARIA (IV/IX)

GALAXIA AMOR